Prismas de xeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prismas de xeo (sinalados cun marcador vermello) en Tsukuba, Xapón, ocorrendo a unha temperatura de -2 °C, o que dá idea do nivel de polución do aire

Os prismas de xeo son un tipo de precipitación consistente en finísimos cristais de xeo en forma de agullas ou columnas moi tenues que dan a sensación de estaren en suspensión na atmosfera. Son doados de observaren no Ártico e na Antártida, mais poden ocorrer en calquera lugar.

Para a súa formación, ademais dunha temperatura por embaixo dos cero graos centígrados, é precisa a existencia dunha inversión térmica na cal a capa superficial de aire se mesture cunha capa de aire máis quente situada por riba dela. Como o aire quente contén máis cantidade neta de vapor de auga que a fría, vai producirse un trasvase deste cara a superficie, aumentando a súa humidade relativa. Se o aumento é abondo pódense formar os cristais de xeo.

Porén, a temperaturas entre os 0 °C e os -39 °C, este exceso de humidade pode dar lugar máis comunmente a néboa que a prismas de xeo. Isto é debido a que moitas das pingas de auga poden permanecer aínda líquidas nun estado coñecido co nome de sobrearrefriamento. Neste sentido, a contaminación, natural ou artificial, axuda á conxelación das pingas de auga ao crear núcleos de condensación, pero en áreas moi limpas poden permanecer líquidas moitas pingas ata os -39 °C. Polo xeral, os prismas de xeo empezan a ser visibles a -10 °C en áreas cun certo nivel de polución, e a partir de -25 °C naqueles puntos especialmente limpos coma o interior da Antártida.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]