Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcela e Elisa trala voda

O 8 de xuño de 1901 casaron na cidade da Coruña dúas mulleres: Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga.[1] Trátase do primeiro matrimonio homosexual de España do que se ten constancia rexistral.[2] Fixérono pola igrexa, na parroquia de San Xurxo da mesma cidade.[1][3] Para logralo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.[1]

Foron pioneiras do matrimonio entre persoas do mesmo sexo en Europa. A noticia da súa voda difundiuse rapidamente por toda España e por varios países europeos. Aínda non se sabe o que aconteceu con elas trala súa fuxida, crese que á Arxentina.

Índice

[editar] Primeiro encontro, separación e reencontro

Marcela e Elisa coñecéronse mentres estudaban na Escola Normal de Mestras da Coruña, onde se formaban as futuras profesoras de ensinanza primaria.[2] A súa amizade deu paso a unha relación máis íntima. Os pais de Marcela, vendo que a amizade ía máis aló do socialmente permitido e temendo un posible escándalo, enviaron a súa filla a Madrid.[2] Pasou o tempo e ambas, unha na Coruña e outra en Madrid, remataron os seus estudos. Volverían a atoparse cando Elisa foi destinada como mestra interina a Couso, unha pequena parroquia de Coristanco.[2] Preto, en Vimianzo, na aldea de Calo, instalouse Marcela xa coma mestra superior.[2] Decidiron vivir xuntas en Calo, onde Elisa exercía.[2] En 1889, Marcela tivo que ir dar clases a Dumbría mentres Elisa permanecía en Calo, aínda que Elisa percorría polas noites varios quilómetros para poder ver a súa amante.[2]

[editar] Identidade falsa e matrimonio

En 1901 Elisa adoptou un aspecto masculino (co cal se presentou na Escola Normal para solicitar un certificado de estudos), inventou un pasado e converteuse en Mario.[1] Para este pasado inventado tomou como referencia un curmán seu morto nun naufraxio.[2] Inventou tamén que pasara a infancia en Londres e que o seu pai era ateo.[2] Ante esta última circunstancia, o padre Cortiella, párroco de San Xurxo, bautizou a Mario o 26 de maio de 1901 (ademais, recibiu a primeira comuñón), e posteriormente casou a parella o 8 de xuño de 1901 trala publicación das amoestacións.[1] A cerimonia foi breve, os padriños deron fe da súa validez e a parella pasou a noite de vodas na pensión Corcubión, na rúa de Santo André.[4]

[editar] Consecuencias

Localización de Dumbría en A Coruña, Galicia, onde Marcela e Elisa exercían coma mestras.

Finalmente, os veciños non puideron seguir indiferentes ante o que a partir dese momento se deu en coñecer coma o “matrimonio sen home”.[4] A parella sería portada de xornais galegos e madrileños e, como consecuencia disto, foron excomungadas, perderon o seu emprego e ditouse unha orde de busca e captura. [4] Parece ser que para que tivera lugar a excomuñón, o párroco pediulle a un doutor que examinase a Mario para comprobar se era home ou muller.[5] Mario accedeu e, cando o doutor emitiu o seu diagnóstico, tentou pasar por un hermafrodita cuxa condición fora diagnosticada en Londres.[5] A Garda Civil perseguiunas ata a localidade de Dumbría, onde ambas exercían coma mestras. Tense constancia de que pasaron por Vigo e Porto(Portugal) na súa fuxida.[4] O último que se soubo delas é que chegaron a subir a un barco cara a América (posiblemente a Arxentina, coma tantos outros galegos da época),[4] onde pasaron a lúa de mel e, finalmente, quedaron a vivir.[6] Pechouse o caso que levaba un dos xulgados contra elas e algúns veciños de Dumbría estenderon un rumor, varios anos despois, sobre o falecemento de Elisa e o posterior casamento de Marcela cun home.[7].

Curiosamente a voda, segundo o Arquivo Diocesano, aínda é válida. Nin a Igrexa nin o Rexistro civil anularon as actas que deste matrimonio se levantaron, polo que este foi o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que se ten constancia rexistral en España.[8]

[editar] Impacto social e legado

Isaías Lafuente (redactor xefe da cadena SER a nivel nacional), no seu libro Agrupémonos Todas, fai un percorrido polo máis destacado do feminismo no século XX e sinala a historia de Marcela e Elisa como un dos feitos máis significativos relacionados con este movemento acontecidos en Galicia (outro sería a figura de Emilia Pardo Bazán).[9]

O colectivo Milhomes homenaxeounas fundando o Premio Marcela y Elisa, que, co apoio da FELGT, vai pola sexta edición.[10] Tamén reivindican dende hai tempo unha rúa co seu nome na Coruña, aínda que con escaso éxito ata o de agora.[11]

[editar] Matrimonios homosexuais baixo a lei 13/2005

Aínda que o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España do que se ten constancia rexistral é o de Marcela e Elisa, que nunca foi anulado, en 2005 legalizouse o matrimonio homosexual en España. Deste xeito, o primeiro matrimonio de persoas homosexuais baixo a nova lei 13/2005 tivo lugar o 11 de xullo de 2005. Celebrouse en Tres Cantos (Madrid), entre Emilio Menéndez y Carlos Baturin, que levaban convivindo como parella máis de 30 anos.[12] O primeiro casamento entre mulleres baixo a nova lei celebrouse en Barcelona, once días despois.[13]

[editar] Véxase tamén

[editar] Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 El primer matrimonio gay en España (08-06-2006). Consultado o 20-05-2007.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 (30-06-2002) Son dos mujeres y se casaron en 1901. Consultado o 17-06-2007.
  3. (09-03-2007) Sae da sombra a poesía amatoria de Blanco Amor. Consultado o 17-06-2007.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Marcela y Elisa: Maestras naúfragas, por Espido Freire (07-06-2006). Consultado o 17-06-2007.
  5. 5,0 5,1 La boda homosexual que la Iglesia olvidó anular, La Opinión, 24-09-2006- Consultado el 17-06-2007
  6. Arzobispado de Pamplona - Resumen Diario de Prensa, Iglesia Navarra, 09-05-2002. Consultado el 17-06-2007
  7. (08-06-2001) La primera boda sin hombre. Consultado o 17-06-2007.
  8. La boda homosexual que la Iglesia olvidó anular Pág 2, La Opinión, 24-09-2006. Consultado o 17-06-2007
  9. Fallado el Premio Marcela y Elisa (08-06-2007). Consultado o 21-06-2007.
  10. Marcela y Elisa, Milhomes, 2007. Consultado o 17-06-2007.
  11. Lesbianas: La homosexualidad 'invisible' (30-06-2002). Consultado o 21-06-2007.
  12. Primer matrimonio gay en España (11-07-2005). Consultado o 06-03-2007.
  13. La primera boda entre dos mujeres se celebra en Cataluña (22-06-2005). Consultado o 20-12-2006.
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas