Prión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un prión é unha proteína infecciosa, autorreplicante, responsable de diferentes enfermidades no gando e no home. O termo prión vén de proteinaceus infectious particle + ón (sufixo usado para formar nomes de partículas).

Características[editar | editar a fonte]

Estas partículas están formadas en gran parte por glicoproteínas (proteínas asociadas a un glícido ou azucre) de masa molecular moi pequena, e non conteñen material xenético (ADN ou ARN) pero, pese a iso, son capaces de replicárense inducindo a transformación das proteínas normais do organismo infectado por elas en copias de si mesmas. Son, pois, formas acelulares aínda máis pequenas e simples que os virus e que outras formas non celulares descubertas recentemente, como os viroides, que constitúen un grupo totalmente novo de axentes infecciosos, descoñecéndose aínda o mecanismo mediante o que conseguen que as proteínas do organismo hospedeiro se transformen en novos prións.

Os prións son os responsábeis de doenzas tales como a enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, o mal das ovellas tolas ou a encefalopatía esponxiforme bovina (coñecida popularmente como o mal das vacas tolas), entre outras, todas elas caracterizadas por unha progresiva destrución neuronal e dexeneración progresiva do sistema nervioso central, proceso que frecuentemente remata coa vacuolización do córtex cerebral, que adopta o aspecto dunha masa esponxosa, e que conduce á alteracións nerviosas e, en pouco tempo, á morte. Non está demostrado que estas enfermidades sexan transmisibles ó home por comer tecido nervioso de animais enfermos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]