Premios de Teatro Castelao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cando facemos referencia ao Premio Castelao debemos ter en conta a realización de dous certames diferentes, por unha parte o que tivo lugar en Galiza entre 1963 e 1966 e por outra parte o que se celebrou na Arxentina en 1975.

No ámbito galego, e tendo como antecedente o Certame de Teatro do Miño (celebrado en Lugo en 1960), xorden en 1963 os Premios de Teatro Castelao (tamén coñecidos como Concurso de Teatro Castelao), os cales se prolongarán até o ano 1966. A celebración deste acto é un dos acontecementos que marcan o inicio da renovación do teatro galego.

As obras gañadoras foron as seguintes:

O final dos Premios de Teatro Castelao produciuse como consecuencia do nacemento do teatro independente en Galicia, supoñendo este último feito (na opinión de autores como Laura Tato Fontaíña ou Manuel F. Vieites)[1] o inicio dunha nova etapa do Teatro Galego.

Por outra banda, no ano 1975 o Instituto Argentino de Cultura Gallega (Bos Aires) convocou un certame literario que tamén se denominaría Premio Castelao polo 25 aniversario da morte do escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O premio galego[editar | editar a fonte]

Contexto literario e sociocultural[editar | editar a fonte]

O proceso de recuperación cultural, xa iniciado na década dos anos 50 coa creación da Editorial Galaxia e a Editorial Monterrey, verase acentuado desde 1960, o que tamén mellorará a situación da literatura galega. Desta maneira, no ano 1960 celebrarase en Lugo a primeira e única edición do Certame de Teatro do Miño, que verá a súa continuación nos Premios de Teatro Castelao.

Así, o ano 1963 foi unha data clave, pois a primeira edición deste último certame literario terá lugar o mesmo ano en que se celebra por primeira vez o Día das Letras Galegas e no cal ve a luz a Revista Grial, que será un órgano de vital importancia no ámbito literario e cultural.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

Os Premios de Teatro Castelao nacen como resposta á necesidade de promover un teatro galego perdurábel e máis elaborado, unha das preocupacións mais destacábeis no ámbito da cultura galega.

A Agrupación Cultural O Galo que xogou un papel esencial en relación ao xénero dramático, decidiu recadar mediante a "campaña do peso" o importe necesario para o premio.

A iniciativa de celebrar os Premios de Teatro Castelao xurdiu como resposta ao rechazo ao cal a lingua galega estaba exposta nos diversos certames literarios que se realizaban. Por outra banda, a ralización dunha actividade destas características permitiría facer chegar a literatura á poboación galega, dándolle a oportunidade de descubrir obras dunha excelente calidade (como sería o caso de A revolta de Jenaro Marinhas del Valle e d' A outra banda do Iberr de Xohana Torres).

O concurso reunía a personalidades importantes do ámbito do galeguismo implicadas na recuperación do teatro, como Otero Pedrayo[2] e en moitos artigos da prensa fíxose referencia ao éxito do premio.

O asociacionismo galego e a súa importancia[editar | editar a fonte]

É importante facer referencia á situación do asociacionismo en Galiza, pois foi a Agrupación Cultural O Galo, fundada en 1961 en Santiago de Compostela, a que se encargaría de recadar os fondos que fixeron posíbel a celebración do Premio de Teatro Castelao.

Os inicios desta asociación encádranse nun período marcado pola censura e a prohibición [3] de representación de obras por seren consideradas unha ameaza para o réxime, sendo esta a primeira mostra de asociacionismo en Galiza. A pesar destas limitacións, O Galo conseguiu manter a súa actividade até a actualidade.

Placa na sede da Agrupación Cultural O Facho na Coruña.

No ámbito teatral, destaca tamén a formación en 1965 do Grupo de Teatro O Facho, ligado á Agrupación Cultural O Facho. O seu labor estaba destinado a crear unha conciencia nacionalista, actuando de forma independente, sen apoiarse en ningunha institución ou organismo. Inaugurouse a súa fundación, dirixida por Manuel Lourenzo, cunha representación teatral na Sala de Exposicións da Casa da Cultura e foi este acto unha das primeiras mostras de teatro independente en Galicia.[4]

Obras gañadoras e finalistas[editar | editar a fonte]

As obras gañadoras das diferentes edicións do certame foron: Cando morren os farois, de Ángel de la Peña, A revolta, de Jenaro Marinhas del Valle e Un Hotel de Primeira sobre o Río, de Xohana Torres, aínda que desta última escritora tamén merece ser mencionada A outra banda do iberr. Esta foi finalista na edición de 1964 dos premios, na cal o xurado recomendou a súa publicación, que posteriormente, en 1965, foi dirixida e editada por Galaxia.

A segunda das obras triunfantes, A revolta, narra unha historia propia da época na que se encadra. Abórdanse temas como a pobreza, a emigración e o sometemento, mais tamén a loita.[5]

O premio arxentino[editar | editar a fonte]

No ano 1975 cumpríanse 25 anos da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e na Arxentina organizáronse ao longo dese ano numerosos actos en homenaxe ao escritor e líder galeguista.[6]

Unha das iniciativas levadas a cabo para lembrar ao escritor foi a realización dun certame literario que levaría o seu nome. Este premio xurdiu como proposta do Instituto Argentino de Cutura Gallega (pertencente ao Centro Gallego de Buenos Aires [1] Arquivado 22 de abril de 2016 en Wayback Machine.).

Aceptáronse como participantes a este certame todas aquelas obras que amosasen compromiso por Galiza. Por outra banda, o premio que se entregou foi unha réplica en bronce dunha escultura de Castelao, modelada e fundida na fábrica de cerámica de Pontecesures, como ben se informou na edición 197 do Correo de Galicia publicada o 20 de outubro de 1975.[7]

O gañador deste valioso premio foi Ramón Otero Pedrayo, que foi tamén recoñecido ese mesmo ano como patriarca da cultura galega.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. F. Vieites, Manuel. Historia do Teatro Galego. Unha lectura escénica Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2005.
  2. Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)
  3. Villar, Miro. A poesía galega de Antón Zapata García : edición e estudo. Santiago de Compostela: Universidade. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2008
  4. A Agrupación Cultural o Facho: A Coruña na cultura galega. 1991.
  5. Marinhas del Valle, Jenaro. A revolta, Vigo, Editorial Galaxia, 1965.
  6. Correo de Galicia 187, 5 Xaneiro 1975: 1
  7. Correo de Galicia 197, 20 Outubro 1975: 11
  8. Samartim, Roberto. O processo de construçom do sistema literario galego entre o franquismo e a transiçom (1974-1978). Margens, Relaçons, estrutura e Estratégias de planificaçom cultural.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Marinhas del Valle, Jenaro. A revolta, Vigo, Editorial Galaxia, 1965.
  • F. Vieites, Manuel. Historia do Teatro Galego. Unha lectura escénica. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2005.
  • A Agrupación Cultural o Facho: A Coruña na cultura galega, 1991.
  • Lourenço Módia, Cilha. O Teatro Circo na configuración do Teatro Independente Galego (1967-1978), Brion: Laiovento, 2013.
  • Ogando, Iolanda. Aproximación ó teatro histórico en Galicia ata 1981, repertorio e funcións. [Santiago de Compostela] : Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Filoloxía Galega e Portuguesa, 1999.
  • Lourenzo, Manuel. O teatro galego, de esguello. (Notas ceibes encol da nosa vida teatral). A Coruña : Casa Provincial de Caridad Imprenta-Escuela, 1975.
  • Samartim, Roberto. O processo de construçom do sistema literario galego entre o franquismo e a transiçom (1974-1978). Margens, Relaçons, estrutura e Estratégias de planificaçom cultural.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]