Preescolar na Casa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Preescolar na Casa (PnC) foi un programa educativo que naceu en Galicia no ano 1977. O programa Preescolar na Casa tivo como misión contribuír á formación de pais e nais que tiñan nenos e nenas de ata seis anos co fin de axudar a desenvolver plenamente as capacidades dos seus fillos e fillas a través da reflexión sobre o acontecer da vida diaria. Estivo en marcha durante 35 anos ata a súa desaparición en 2012.

Historia e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Nenos xogando coa súa mai
Nenos xogando coa súa mai

Foi impulsada polo crego Antonio Gandoy[1] e promovida por Cáritas Galicia.[2][3] Ata a aparición da Fundación Preescolar na Casa no ano 2001, foi xestionada por Cáritas Diocesana de Lugo.[1]

Contexto[editar | editar a fonte]

O nacemento deste programa coincide co proceso de creación de grandes agrupación escolares nas capitalidades municipais o coa falta de acceso dos nenos e nenas de entre catro e cinco anos á escolarización, especialmente no medio rural.[3]

A nivel socioeconómico eran patentes os movementos migratorios dende o rural a outras partes de España ou do estranxeiro, favorecidos polo baixo desenvolvemento da agricultura e a industria galega. É importante salientar as vagas de incendios da década dos setenta e o irregular seguimento do proceso de recuperación dos montes mancomunados.[3]

Orixes[editar | editar a fonte]

Segundo Ferradás e Branco,[1] o contexto no que aparece inclúe unha serie de factores fundamentais ós que o desenvolvemento deste programa tentará dar resposta:

  • Dispersión da poboación
  • Altas taxas de atraso escolar
  • Escasa cobertura da educación infantil no medio rural. En 1975 había en Galicia 173.106 niños de 2 a 5 anos, pero só o 20.9% estaba escolarizado, quince puntos por debaixo da media española. A meirande parte das aulas de preescolar estaban daquela nas cidades.[1]

Pódense distinguir ata cinco etapa s diferenciadas nos trinta e cinco anos de existencia do proxecto:[1]

Primeira etapa 1977-1979[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1977 iniciáronse as xuntanzas de nais e pais con persoas voluntarias como facilitadoras en diversos lugares do rural galego. Para este programa piloto escolléronse catro localidades da provincia de Lugo. Nelas fíxose unha chamada ós pais e nais para expoñerlles o proxecto. A raíz destas xuntanzas as familias comprometéronse a reunirse semanalmente co fin de traballar nas propostas educativas que traballarían cada semana cos seus fillos/as menores de seis anos, neste caso preferentemente de entre catro e cinco anos.[3]

Paralelamente xestionouse unha enquisa dirixida ós párrocos para recoller o seu coñecemento sobre o volume de nenos/as que non estaban escolarizados e recoller as súas opcións sobre a viabilidade do proxecto.[3]

Co inicio do curso escolar 1977/1978 formouse o primeiro equipo profesional (dúas mestras e un mestre), con persoal funcionario do Ministerio de Educación en comisión de servizos.

Nun primeiro momento este persoal funcionario adscrito ao programa coordinouse cos mestres e mestras que acababan de incorporarse ós grupos escolares a través de reunións quincenais nas localidades de traballo onde este profesorado exercera antes das concentracións escolares.[3]

Neste primeiro curso escolar este persoal adscrito era o encargado, xunto cos mestres e mestras voluntarios/as da xestión e creación de materiais educativos e da organización de xornadas de formación dirixidas ás familias. Nun principio centráronse na educación dos nenos e nenas de catro e cinco anos, ampliándose progresivamente tamén ós tres anos.[3]

Se ben o foco da actividade centrouse nos contidos escolares para catro e cinco anos, progresivamente, e a demanda das familias, fóronse ampliando os contidos educativos. Deste xeito comezaron a ter cabida temas como a saúde, a hixiene, as emocións, a afectividade, a autorrealización, a autoestima e a seguridade.[3]

Segunda etapa 1980-1990[editar | editar a fonte]

Etapa de consolidación e expansión a toda Galicia.

Terceira etapa 1990-2001[editar | editar a fonte]

Diversificación e desenvolvemento pleno do programa.

Cuarta etapa 2001-2007[editar | editar a fonte]

Caracterizada por un proceso de institucionalización, que se inicia co establecemento da Fundación Preescolar na casa.

Crise e fin de Preescolar na casa (2007-2012)[editar | editar a fonte]

O proxecto desapareceu en 2012 tras o recorte das axudas públicas procedentes da Xunta que viñan sostendo o programa dende a década dos noventa.[4]

A asociación socio-educativa Antonio Gandoy[editar | editar a fonte]

En 2013, a asociación sen ánimo de lucro Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, formada por antigo persoal da Preescolar na casa e voluntarios e que sucedeu á Fundación Preescolar na Casa,[5] atendía a noventa familias galegas.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

Estatua dun neno e dunha nena en Marín
Estatua dun neno e dunha nena, Marín

O proxecto tiña dúas liñas de traballo: a formación de pais e nais en educación infantil e a xestión dun programa de educación infantil familiar que fomentaba as interaccións dos nenos e nenas coa súa contorna social e familiar.[3]

Organizábase, preferentemente no medio rural e noutros medios desfavorecidos, tentando apoiar e dar seguridade ás familias na educación e crianza dos seus fillos e fillas nos primeiros anos de vida. Pretendía ser unha axuda para que os pais e nais foran capaces de comprender mellor ós seus fillos e fillas e de responder axeitadamente ás súas necesidades e posibilidades.

O nome de Preescolar na Casa responde á historia do programa. Cando se creou, naceu cun claro sentido compensador da escola, e máis concretamente da etapa preescolar, denominación empregada por aquel entón.

Como servizo tiña varios niveis de actuación: o nivel familiar, o dirixido nenos e nenas e o nivel comunitario.

Oferta ás familias[editar | editar a fonte]

Para as familias, proponse[3]:

  • A posibilidade de reunirse periodicamente con outras familias para dialogar, reflexionar e analizar a vida cotiá e a súa influencia na educación dos nenos, coa finalidade de gañar seguridade na súa actuación educadora.
  • A posibilidade de acceder a diversos medios de formación: programas de radio, televisión, teletexto, revista, páxina web), ludobiblioteca e, dunha forma máis directa, a través das reunións de orientación.
  • A posibilidade de descubrir e afondar no desenvolvemento dos nenos, para comprendelos mellor e ter actuacións máis axeitadas.
  • A posibilidade de descubrir, aproveitar e valorar os recursos existentes na contorna como elementos educativos.
  • A posibilidade de establecer unha relación adulto-neno máis lúdica e, polo tanto, de maior gozo.
  • A potenciación do papel da muller.
  • A potenciación do papel do pai na educación dos fillos.
  • A posibilidade de realizar actuacións preventivas de cara ao desenvolvemento e educación dos nenos.
  • Achegar ó seu propio contorno, un servizo educativo, mesmo no seu fogar.
  • Un modelo de relación entre os adultos participantes na reunión baseado no respecto, na cooperación e na colaboración.

Oferta ás nenas e nenos[editar | editar a fonte]

As accións orientadas ás pequerrechas e pequerrechos son[3]:

  • O encontro con outros nenos e nenas e persoas adultas
  • A participación en actividades lúdicas e o gozo
  • A experimentación e a exploración
  • Participar en situacións de aprendizaxe que lle permitían adquirir coñecementos e desenvolver capacidades.
  • Participar nun tempo organizado a través de actividades que ofrecían seguridade e permitían anticipar acontecementos. Potenciar o respecto ó ritmo interior de cada neno e contribuír a regular o ritmo exterior (orde, espazo e tempo).
  • Gozar, durante o tempo da reunión, da atención exclusiva dos seus pais.
  • Un ambiente de cordialidade e cooperación, continuador da seguridade afectiva que representa a familia.
  • Un achegamento á súa realidade, ás súas vivencias, ó tempo que se lle facilita o coñecemento do contorno, establecendo lazos afectivos con persoas diferentes ás da propia familia.

Oferta á comunidade[editar | editar a fonte]

Tamén se propón unha serie de accións orientadas á comunidade[3]:

  • Un camiño cara ó recoñecemento e respecto da infancia, das súas necesidades e do importante papel que a familia ten na educación.
  • Unha axuda á revitalización da cultura galega, da súa lingua e das súas tradicións.
  • Un espazo de comunicación, debate, reflexión, creación e potenciación para os adultos.
  • A posibilidade de desenvolver actividades e proxectos comúns de diferente índole e para o desenvolvemento dunha cultura da educación infantil familiar.

Organización[editar | editar a fonte]

nenos e nenas xogando
Nenos e nenas xogando

As distintas actividades de PnC estaban dirixidas ás familias e á sociedade en xeral. Dentro destas pódense distinguir varias tipoloxías: a reunión, o encontro, as reunións familiares sen a presenza dos nenos e nenas, as visitas familiares, as mais colaboradoras e as actividades de difusión nos medios (televisión, teletexto, radio).[3]

As reunións[editar | editar a fonte]

Representaron o piar básico da organización de PnC. Eran xuntanzas quincenais que se levaban a cabo ao longo do curso escolar normalmente nun local comunitario ou casa particular. Nelas participan as familias e os/as cativos en función da proximidade ao lugar de encontro e eran coordinadas por unha persoa orientadora (mestre/a). A duración desta actividade era flexible, pero adoitaba roldar as dúas horas.[1]

Estrutura das reunións[editar | editar a fonte]

A reunión manteñen un formato xeral[1]:

  1. Acollida e actividades de presentación e saúdos.
  2. Revisión e achegas en relación o que pasara dende a última reunión ( a nivel familiar e cotián e a nivel organizativo-educativo)
  3. Actividades propostas polo persoal orientador para ser realizadas cos nenos e nenas de xeito que poidan ser continuadas no fogar
  4. Diálogo coas nais e pais en relación á educación dos seus fillos e fillas, no que se fomentaba a reflexión e debate sobre os problemas da anterior quincena ou a raíz de determinadas inquietudes manifestadas polas familias ou suxeridas polo persoal orientador.
  5. Tempo de xogos dos cativos e cativas na alfombra simultáneo ao debate dos adultos.
  6. Planificación das tarefas para a seguinte quincena e achega de material específico
  7. Despedida.

Servizos e medios de difusión[editar | editar a fonte]

Estatua dedicada a Memorias dun neno labrego en Lalín
Estatua Memorias dun neno labrego, Lalín

O programa chegou a atender a 4.200 familias con nenos de 0 a 3 anos en toda Galiza con máis de 70 orientadores e orientadoras contratadas desenvolvendo os seguintes servizos e actividades[4]:

Servizos[editar | editar a fonte]

A biblioteca de Preescolar na Casa[editar | editar a fonte]

Na sede de Preescolar na Casa en Lugo existía unha biblioteca física que era a base para a biblioteca itinerante do programa. Nela xestionábanse as compras de materiais educativos en función das necesidades das familias e do persoal orientador. Informatizouse no ano 2000, cando contaba aproximadamente con 1.283 exemplares. A biblioteca era o centro que xestionaba a distribución dos Cadernos de Preescolar na Casa, dos que existían milleiros de exemplares por título. Ademais mantiña varias subscricións a revistas especializadas e daba acubillo á Videoteca de Preescolar na Casa, coas copias dos programas de televisión e radio propios e outros vídeos de carácter educativo. Existía así mesmo unha coordinación entre PnC e o persoal das bibliotecas locais.[2]

Constaba de tres seccións diferenciadas dirixidas respectivamente ó persoal orientador, ás pais e nais e os nenos e nenas.[3]

Ludoteca[editar | editar a fonte]

Ademais de promover a experiencia lúdica como medio de aprendizaxe e de fomentar a creación de xoguetes, PnC dispuña dunha variada colección de xoguetes educativos que se lles facilitaban ás familias no día da xuntanza.[3]

Medios de difusión[editar | editar a fonte]

A revista[editar | editar a fonte]

Preescolar na casa contou cunha revista que chegou a publicar 160 números entre 1977 e 2011. Na súa mellor época chegou a ter unha tiraxe de 3 500 exemplares.[1]

Programa de radio[editar | editar a fonte]

Comezou en xaneiro de 1982 a través das ondas de Radio Nacional de España en Galicia. Posteriormente tamén se emitiron programas en radios locais e comerciais ao igual que programas máis específicos: este é o caso do deseñado para nenas e nenos de tres anos entre 1986 e 1987.[1] Algunhas das radios locais que o emitían eran Radio Principal Onda Cero-Monforte, Radio Principal Onda Cero-Vilalba e Radio Municipal de Quiroga. A duración destes programas era de 30 min.[3]

Programa de televisión[editar | editar a fonte]

As emisións do programa Preescolar na casa na Televisión de Galicia comezaron en 1990 e remataron en 2011 co programa número 720. Entre as seccións que figuraban neste espazo, estaban:[1]

  • Asómate ao mundo
  • Entrevista, cun debate de dez minutos proposto polos pais, nais ou persoal orientador.
  • O xogo é a vida
  • Estimulación apropiada, aquí e agora, porque os nenos non agardan, aprenden sempre
  • Fotofixa
  • Respostas dos especialistas
  • Os consellos do cuco.

Tamén se emitía a través do canal internacional de Televisión de Galicia. Complementando o programa, o telexto da TVG comezou a incorporar a partir de 1996 varias páxinas de contidos relacionados que se actualizaban periodicamente.[3]

Sitio web[editar | editar a fonte]

Comezou a súa andaina a principios de 1998. Permitía difundir os materiais e actividades do proxecto alén da comunidade autónoma. Tamén permitía a xestión dun servizo de consultas a través do correo electrónico.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Blanco, Rodolfo Luis Ferradás; López, José Pablo Franco (2018-01-28). "Preescolar na casa: de preparación para la escuela a educación familiar en el medio rural de Galicia (España) = Preescolar na casa: de preparación para a escola a educación familiar no medio rural de Galicia (España)". Historia y Memoria de la Educación (en castelán) (7): 335–389. ISSN 2444-0043. doi:10.5944/hme.7.2018.18740. 
  2. 2,0 2,1 Gontad Canosa, Cristina (2000). "Preescolar na Casa". ISSN 0214-7491. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 Fernández Fernández, Ermitas; Rey Otero, M. Luisa (2000). "Preescolar na Casa. La educación infantil-familiar (Galicia)". Revista de Educación 322 (mayo-agosto): 143–158. 
  4. 4,0 4,1 Rey, Lucía (La Xunta se ceba con Preescolar na Casa después de muerto). "La Xunta se ceba con Preescolar na Casa después de muerto". Consultado o 28 marzo 2018. 
  5. "A asociación Antonio Gandoy comprou a maioría dos bens da extinta Preescolar na Casa". La voz de Galicia. 22 marzo 2013. Consultado o 28 marzo 2018. 
  6. Rey, Lucía (09 novembro de 2013). "El nuevo Preescolar na Casa orienta ya a casi 90 familias de toda Galicia". La voz de galicia (en castelán). Consultado o 28 marzo 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]