Príncipe Real de Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Armas do Príncipe Real

Príncipe Real de Portugal foi o título oficial atribuído aos herdeiros presuntivos da Coroa de Portugal, durante a Monarquía Constitucional (1822-1910), por oposición aos demais fillos da parella real, que recibían o título de Infante de Portugal. A partir da morte de Manuel II, último Rei de Portugal, o título de Príncipe Real pasou a ser o dos pretendentes ao trono e Xefes da Casa Real Portuguesa.

O título de Príncipe Real xurdiu cando Xoán VI elevou a Brasil á categoría de reino en 1815 (extinguíndose así o antigo título de Príncipe do Brasil). O herdeiro do trono pasou a designarse entón Príncipe Real do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarves. O título de Príncipe Real de Portugal foi creado tras a independencia do Brasil, substituíndo o anterior, debido á emancipación brasileira e á imposibilidade de recuperar o vello título de Príncipe do Brasil (que ficaba agora asociado á casa imperial brasileira).

Tras a constitución de 1822 e as seguintes constitucións, a asignación deste título pasou a ser regulada polas leis fundamentais do reino, e investido sobre o herdeiro presuntivo do reino como xa era costume. O último Príncipe que usou o título de feito foi Afonso Henriques, na calidade de tío e sucesor provisional de Manuel II, despois do asasinato de Carlos I e do Príncipe Luís Filipe en 1908.

Os posuidores deste título tiñan o tratamento de Alteza Real (S.A.R.), e posuían os títulos subsidiarios de Duque de Bragança, Duque de Guimarães e Duque de Barcelos, Marqués de Vila Viçosa, Conde de Arraiolos, Conde de Ourém, Conde de Barcelos, Conde de Faría, Conde de Neiva e Conde de Guimarães.

En honra deste título e do seu fillo Pedro, portador do mesmo, a raíña D. María II mandou erguer un xardín no espazo da antiga patriarcal de Lisboa, na actualidade en ruínas, e que constituía un excelente agocho para celerados da época. Nacía así o Xardín do Príncipe Real.

lista de Príncipes Reais de Portugal[editar | editar a fonte]

  1. Pedro (despois Rei de Portugal)
  2. Carlos (despois Rei de Portugal)
  3. Luís Filipe
  4. Afonso Henriques, Duque do Porto (provisoriamente)

Pretendentes ao título[editar | editar a fonte]

Liñaxe Miguelista
  1. D. Maria das Neves
  2. D. Miguel II (como pretendente ao trono)
  3. D. Duarte Nuno (como pretendente ao trono)
  4. D. Duarte Pio (como pretendente ao trono)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]