Porl Thompson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Porl Thompson
Porl Thompson, The Cure, in Sweden 2007.jpg
Nome completo Paul Stephen Thompson
Naceu 8 de novembro de 1957 (56 anos)
Orixe Wimbledon, Inglaterra Inglaterra
Instrumento(s) guitarra, teclados, saxofón, banjo
Relacionado con The Cure, Page and Plant, Shelleyan Orphan, Babacar, Malice, Easy Cure, The Glove
Tempo en activo 1976 - actualidade

Porl Thompson, nado como Paul Stephen Thompson en Wimbledon o 8 de novembro de 1957, é un músico inglés coñecido polo seu traballo coa banda de rock alternativo The Cure.

Biografía[editar | editar a fonte]

Thompson é o máis vello de catro irmáns. Porl casou con Janet Smith, a irmá menor do seu compañeiro de The Cure Robert Smith, e xuntos teñen tres fillos e unha filla.

Thompson foi parte da formación orixinal de The Cure, na que tamén estaban Robert Smith, Michael Dempsey e Lol Tolhurst, cando a banda se creou en 1987. Porén, foi expulsado cando editaron o seu álbum de estrea, Three Imaginary Boys, xa que o seu estilo coa guitarra era contrario ás preferencias compositivas de Smith. Voltaría a unirse en 1983 tocando o saxofón e axudando na gravación do álbum The Top. Durante a súa xira Thompson tocou os teclados, ademais da guitarra e o saxofón.

Thompson gravou en catro álbums de estudio máis (The Head on the Door, Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me, Disintegration e Wish) e en catro ao vivo (Concert, Entreat, Paris e Show), así coma nos videos The Cure in Orange, Picture Show e Festival 2005. Tamén aparece no álbum de remesturas Mixed Up e na reedición deluxe de Three Imaginary Boys.

Thompson deixou The Cure en 1994 para tocar con Jimmy Page e Robert Plant de Led Zeppelin durante a súa xira de 1995. Tamén tocou con Babacar, a banda formada por Boris Williams despois de saír de The Cure, e posteriormente fundou un proxecto en solitario chamado Quietly Torn. Thompson traballou con Plant novamente cando seu uníu ao seu grupo para a edición do álbum Dreamland no 2002.

Oficialmente regresou a The Cure por terceira vez en xuño do 2005 e gravou o DVD ao vivo The Cure: Festival 2005 e o álbum 4:13 Dream. Thompson tamén xirou con The Cure na súa xira dos anos 2007 - 2008.

No 2007 Schecter Guitars lanzou un modelo Porl Thompson Signature con debuxos do artista británico Kev Grey.

Thompson e o deseñador Andy Vella son os co-fundadores de Parched Art, que realizou bastantes dos deseños aparecidos nos libretos de The Cure, moitos deles pintados ou debuxados por Thompson.

En 2010, Thompson deixa The Cure por razóns pouco claras, e en 2012 vende tódalas súas pertenzas relacionadas có grupo (en subasta), mesmo as guitarras, muda o seu nome artístico a Pearl e anuncia novos proxectos artísticos e musicais, sempre lonxe da banda de Robert Smith.