Porco tamworth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Porcos novos da raza tamworth, en Tayvallich (Argyll e Bute), Escocia

O tamworth é unha das razas porcinas máis antigas, pero a súa poboación é escasa e témese pola súa extinción (ao redor de 2.000 exemplares certificados en todo o planeta). Este animal é un porco non moi grande, rubio, e crese que descende do xabaril de Europa. As poboacións principais están no Reino Unido, Australia, os Estados Unidos, Nova Zelandia e o Canadá. Outros nomes deste animal é porco rubio ou simplemente tam.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Esta raza rubia presenta un corpo e unha cabeza de forma alongada. As orellas tenas dereitas, e puntiagudas, e tanto a cara como o fociño son rectilíneos. A cor vai dende un xenxibre claro ata un rubio moi escuro, se ben ao comezo da raza combinaban o rubio co negro, que foi desaparecendo co tempo. Teñen unha alta densidade de pelo, que lles protexe a pel dos raios ultravioleta; porén, mudan o pelo entre xuño e agosto (no hemisferio norte) polo que nese tempo se enchen de lama para evitar as queimaduras do sol.

Son unha raza de tamaño medio, cun macho entre 250 e 370 kg. e unha femia adulta entre 200 e 300 kg. Teñen entre 100 e 140 cm de longo, e entre 50 e 65 cm de alto. O rabo revirado dos adultos ten entre 24 e 30 cm. de longo. Os seus xamóns son duros e musculosos, teñen unha excelente estrutura nas extremidades e un bo esqueleto. As camadas son algo máis pequenas cás das razas máis comerciais. Os coidadores da raza rexeitan os porcos tamworth que teñen o pelo crecho e bravo, o fociño revirado para riba e pintas negras no lombo.

Comportamento[editar | editar a fonte]

A características máis destacada do tamworth é a súa gran resistencia ás condicións climatolóxicas adversas. Por iso dáse ben nos países do norte, como Escocia ou Canadá, onde os invernos son duros tanto polo frío como polos fortes ventos. O tamworth non é só rexo e resistente. tamén está moi ben axeitado para pacer no monte. A solta no monte do tamworth é compatíbel co vacún, pois aproveitan a forraxe que as vacas foron deixando atrás no pastoreo ás ceibas. Tamén son hábiles para escavar á procura de alimento. As femias teñen altos niveis de maternidade, e son constantes no aleite de todos os leitóns. As camadas son de seis a dez porquiños. Ademais, lévanse ben coa xente e gozan da atención dos humanos.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinarios de Inglaterra o nome da raza procede da vila de Tamworth, en Staffordshire. O sir Robert Peel, de Tamworth, trouxo porcos de pasto de Irlanda en 1809 para cruzar coa raza tradicional da casa. Este cargamento, logo mellorado nas Terras Medias inglesas aos comezos do século XIX é o que se cre que estivo na orixe da raza tamworth. Dende os tempos de Peel esta raza criouse bastante á parte das demais, e tense por unha das máis puras das razas porcinas.

En 1865 os tamworth foron recoñecidos como unha raza inglesa en 1885 que foi cando se iniciou o libro de rexistros. Os tamworth foron importados aos Estados Unidos por un gandeiro chamado Thomas Bennett de Rossville, Illinois, en 1882. Axiña foron para Canadá e hai asociacións de criadores de tamworth funcionando tanto nestes dous países como no Reino Unido. Logo tamén se estenderon por Australia e Nova Zelandia.

Xenética e conservación[editar | editar a fonte]

Aínda que está considerado xeneticamente distante do moderno porco comercial, o tamworth é excelente para facer cruzamentos e melloras. Por veces chámaselle porco de beicon, porque consegue unha gran masa corporal sen producir demasiada graxa. As súas poboacións son moi pequenas, e está cualificado como en perigo de extinción: 1000 cabezas nos Estados Unidos, 340 no Reino Unido, 250 no Canadá, 55 en Australia e 20 en Nova Zelandia. Por iso, as sociedades de protección da raza están centradas na conservación máis do que na mellora das súas cualidades. Nos anos setenta chegou a haber só 17 machos reprodutores en todo o planeta, pero agora as poboacións progresan pouco a pouco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]