Ponto Euxino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ponto Euxino é o nome grecolatino do mar Negro.

Os gregos chamárono primeiro Skuthikos Pontos ("Mar Escítico"). Os escitas, pobo de lingua iraniana, designárono como Aksaina é dicir "sombrío, gris, azul escuro". Os gregos comprenderon primeiro este termo como axeinos (de a- privativo e xeinos estranxeiro") que significa "hostil aos estranxeiros", e logo, máis tarde, cando as súas correntes lles foron máis familiares e practicábeis, foi designado como Pontos Euxeinos (de eu- "ben" e xeinos "estranxeiro") ou Pont-Euxin (é dicir "Mar amistoso" ou "acolledor"). Outros pensan que era chamado acolledor precisamente por lle dar un nome contrario ao que ocorría en realidade, co fin de evitar as súas treboadas.

O nome de Mar Negro tería como orixe a atribución polos turcos de cores aos puntos cardinais, o "negro" para o norte, o "azul" para o oeste, o "branco" para o sur e o "verde" para o leste. ao estar este mar (deniz en turco) ao norte de Turquía, foi designado kara ("negro"), en turco Karadeniz ("mar negro"). Mentres que, por exemplo, o mar Mediterráneo, ao sur, sempre é chamado mar Branco, en turco Akdeniz (non confundir co mar Branco actual).