Ponte de Fillaboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°05′05″N 8°31′05″O / 42.084722222222, -8.5180555555556

Ponte de Fillaboa
Localización
RíoTea
ConcelloSalvaterra de Miño
ProvinciaPontevedra
Características
Construciónséculo XV (restauracións no s. XVII), orixe s. I
Lonxitude70 m
Ancho4,5 m
Gálibo11 m
TipoOrixe: romana, románico-gótico
MaterialPedra
Taboleiro da ponte de Fillaboa, á esquerda as pontes da estrada vella a Caldelas de Tui, e a da nova estrada PO-510.

A ponte de Fillaboa é unha ponte baixo-medieval de orixe romana sobre o río Tea, entre as parroquias de San Lourenzo de Salvaterra e San Miguel de Cabreira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, no antigo camiño que unía as vilas de Ribadavia e Tui. É a máis próxima da desembocadura das catro pontes centenarias do río Tea, xunto á de Cernadela, á dos Remedios, e á das Partidas. O nome de Fillaboa débese a unha grande insua do Miño que se atopa a dous quilómetros abaixo da ponte, na desembocadura do Tea.

Descrición[editar | editar a fonte]

Esta ponte en arco é, malia a existencia de grandes vans, de aparencia ruda e maciza. Atravesa o río Tea, e está feita en fábrica de cantaría de perpiaños de pedra de gra. A lonxitude total do taboleiro é de 70 metros e posúe catro luces de diferente tipoloxía e talle, das cales tres arcos fican sobre o curso do río, o central (o maior de todos) de volta perfecto cun lixeiro apuntamento; a altura no punto central acada os 11 metros; os piares deste arco posúen augas arriba dous grandes tallamares (con grandes fendas antes da restauración). Á beira do arco central aparecen dous arcos oxivais máis pequenos; e nun dos extremos da ponte un cuarto arco tamén apuntado como aliviadoiro para as enchentes; o caudal, xa importante de por si, chega a ser moi intenso polo outono e inverno, xa que non hai encoros para regular a auga. A calzada do taboleiro de rasante alombada e 4,5 metros de largo, conserva o chan de laxes de granito altomedieval, en contraposición á ponte das Partidas, que foi desprovista das súas antigas laxes. Posúe un peitoril de pedra.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe da ponte é romana, e xunto ás outras pontes do Tea: das Partidas e dos Remedios, servía de paso para a Vía XX que unía as capitais da Gallaecia: Asturica Augusta con Bracara Augusta. Disque os romanos foron os que introduciron o viño no Condado. Na Idade Media a ponte sofre deterioración polas enchentes do Tea, ficando en ruínas.

O 2 de novembro de 1615 preséntanse perante Diego de Orozco, corrixidor da vila de Baiona, as condicións dadas por Gaspar de Arce Solórzano (daquela aparellador da Catedral de Santiago de Compostela) para a reconstrución da ponte. A ponte actual data logo do século XV e non queda vestixio ningún da época romana. Salvaterra de Miño era daquela unha vila estratéxica por se atopar na raia creada entre Galicia e Portugal, mostra disto era a existencia do castelo e do desaparecido Forte de San Lourenzo; a ponte era unha das entradas á vila e obxectivo dos ataques lusos, polo que á beira desta erguéronse algúns recintos fortificados, hoxe case desaparecidos, para evitar o paso cara a Tui. Durante a Guerra de Restauración portuguesa, no século XVII, sufriu diferentes reconstrucións, sendo a de 1615 a máis salientábel. En 1643 Salvaterra pasa, de feito, a pertencer á coroa portuguesa.

No documento de Gaspar de Arce fálase dunha ponte de cinco arcos no canto dos catro actuais, deles, o central era de 35 pés de alto, e os laterais de 24 e 12 pés respectivamente, e mais dous arquiños para desaugamento. Nos catro piares centrais atoparíanse catro estribos con punta tusa e triángulo para que corten e desvíen a forza da auga" e augas arriba outros tres estribos das mesmas características (hoxe só atopamos dous augas arriba). Sobre eles disporíanse dez desvíos para facilitar o paso dos carros e as xentes. A obra completaríase coa reconstrución da calzada e a edificación dos paredóns augas arriba e augas abaixo...a ponte debe ser de bo perpiaño de granito, sen barro nin seixos. A ponte actual é algo diferente.

O custo da obra foi de 1.500 ducados, pagados en quintas partes. Gaspar de Arce Solórzano estaba daquela á fronte das obras da capela de San Xacinto, no convento de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, polo que é posíbel que delegase este traballo en Domingo Álvarez, aparellador do mosteiro de San Martiño Pinario.

A deterioración dos últimos anos[cando?] levou á Xunta de Galicia a lle conceder ao concello de Salvaterra de Miño unha partida orzamentaria no ano 2014 para a súa consolidación e restauración.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O estado xeral de conservación é regular. No ano 2014 a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia concedeulle unha partida orzamentaria de 117.000 € para a súa restauración e consolidación[1]. No proxecto procederase a consolidar e recalzar a cimentación do piar número 2, a reparación do tallamar deste piar, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante[2]. O Concello de Salvaterra tamén planea a habilitación e acceso á insua de Fillaboa.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]