Polpa de remolacha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Remolacha azucreira de onde se obtén a polpa.

A polpa de remolacha é un subproduto da industria do azucre nas rexións de clima temperado. De feito, a principal fonte de azucre alimentario nestas rexións é a remolacha azucreira. Para a extracción do azucre, as raíces da remolacha son esmagadas e o zume doce así obtido recupérase por osmose. O residuo, rico en celulosa, recibe o nome de polpa de remolacha, utilizándose para a alimentación dos ruminantes (capaces, grazas ás bacterias do seu aparello dixestivo, de dixerir a celulosa).

Pode utilizarse como unha pasta rica en auga (con do 15 ao 20 % de materia seca), debendo ser, en xeral, ensilada, ou como polpa desecada envasada en "tortas" que logo poden incorporarse aos pensos compostos.[1]

Aínda que a polpa de remolacha é unha excelente fonte de celulosa dixeríbel e de azucres solúbeis para os ruminantes, o seu uso como alimento fresco para as vacas leiteiras cuxo leite se destina a converterse en queixo, é, porén, delicado, debido á presenza frecuente de esporas das bacterias butíricas, que poden afectar ás calidades dos queixos.

Na ceba dos cordeiros, a substitución parcial dos cereais do penso por polpa de remolacha para a ceba intensiva pode ter, segundo recentes investigacións,[2] un efecto favorábel sobre as condicións do rume, paliando os efectos negativos asociados ao elevado consumo de cereais (aparición de diferentes patoloxías dixestivas, en especial a acidose ruminal).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]