Polgariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Polgariño
Título orixinalFrancés: Le Petit Poucet; Alemán: Daumesdick;
Autor/aIrmáns Grimm, e outros (Perrault)
OrixeAlemaña, Francia
Linguafrancesa- alemá (traducións ao galego)
Tema(s)Conto
Xénero(s)Conto de fadas
Data de pub.s.XVII (Francia), s.XIX (Alemaña)
TraduciónFran Alonso, Xavier Senín... (ao galego)
editar datos en Wikidata ]

Polgariño (Daumesdick en alemán, Le Petit Poucet en francés, Pulgarcito en castelán e Polegarzinho en portugués) é un conto de fadas europeo escrito en francés por Charles Perrault no século XVII e reescrito en alemán no século XIX polos irmáns Grimm (conto número 37 da antoloxía; o número 45 chámase As viaxes de Polgariño, As andanzas de Polgariño ou As aventuras de Polgariño (Daumerlings Wanderschaft ou Des Schneiders Daumerling Wanderschaft), e é precursor dos contos de fadas ingleses chamados Tom Thumb (coñecidos tamén en galego coma Polgariño). O conto de Polgariño foi traducido ao galego xa no século XX, entre outros, por Fran Alonso, e tamén por Xavier Senín para Galaxia en 1991.

O conto Polgariño (Daumesdick) corresponde aos tipos 41 e 700 da clasificación de Aarne-Thompson-Uther: Comer en exceso da despensa e Tomé Polgar (Tom thumb ou Tom Pouce).[1]

Orixe[editar | editar a fonte]

É ben posíbel que o Polgariño de Perrault fora inspirado na historia hebraica do pastor David, que despois se convertería no rei dos hebreos. Segundo a narrativa, David era o fillo máis novo de entre os sete pastores hebreos. O ogro podería ben ser referencia do autor francés ao Rei Saúl de Israel, para quen David traballou antes de se tornar rei. É só unha simple suposición [Cómpre referencia] en función da gran semellanza entre ambas as dúas historias. As historias hebraicas inspiraron moitos escritores europeos.

O Polgariño dos Irmáns Grimm[editar | editar a fonte]

Polgariño[editar | editar a fonte]

Na primeira historia, de nome Polgariño, unha parella de campesiños sen fillos desexa ter un, e pide en voz alta que queren ter un fillo «sen importar como sexa de pequeno». Sete meses máis tarde a muller ten un meniño que «non é máis grande que un dedo cachapiollos ou polgar», e por isto deciden chamalo Polgariño. Era unha «criatura áxil e douta». Polgariño intenta axudar a seus padres en todas as tarefas, así que un día pregunta a seu pai se pode ir de a cabalo até onde el traballa, mais como é tan miudiño senta no ouvido da besta para o dirixir e darlle as indicacións. Dous homes abraiados ven pasar o cabalo mentres é conducido por voces escandalosas e, cando descobren que a voz pertence a unha persoa que senta no ouvido do cabalo, preguntan ao campesiño se poden comprarlle a Polgariño para facer unha fortuna coas exhibicións do cativo.

Polgariño convence ao campesiño de que colla o diñeiro que os homes ofrecen, así que marcha con eles sentado na aba do chapeu dun deles. Pouco despois, Polgariño consegue enganar aos homes dicíndolles que o deixen baixar, de xeito que foxe e se agocha no tobo dun rato. Máis adiante cóntanse diferentes escenas. Unha noite Polgariño está a durmir na cuncha dun cascarolo, e é espertado polo ruído duns ladróns que planeaban roubar a casa dun pastor. Polgariño berra e ofrécese para axudalos no roubo, entrando el soíño mentres os ladróns permanecen fóra a agardar a que traia os obxectos. O caso é que Polgariño fai moito barullo na casa co risco de espertar aos donos que durmían no sobrado; e facendo ver que está a axudar uns ladróns con preguntas como: Que queredes?, Querédelo todo?. Unha criada esperta, asústase polos ladróns, mais non olla a Polgariño. Finalmente Polgariño consegue durmir ben nun leito de feo. De mañá cedo a criada dá de comer o feo á vaca polo que Polgariño é engulido até o estómago do animal. Este berra e o pastor pensa que é un espírito malvado que se apoderou da vaca, polo que a sacrifica. O estómago do animal bótase nunha morea de despoxos que un lobo come. Agora Polgariño, dentro do lobo, persuade ao leste para que o leve á casa dicíndolle que seus pais lle darán todo o alimento que queira. Os pais matan o lobo, sacan a Polgariño e prometen que non o volverán vender nin por todas as riquezas do mundo.

As viaxes de Polgariño[editar | editar a fonte]

As viaxes de Polgariño, As andanzas de Polgariño ou As aventuras de Polgariño (Daumerlings Wanderschaft) é o nome da segunda historia. Nela, Polgariño é fillo único (do tamaño dun polgar) dun xastre. Polgariño fíxose ao mundo para procurar a súa fortuna. Antes de saír, toma un último xantar que lle prepara a súa nai e unha agulla como espada de seu pai. O vapor do pote da lareira arrastra a Polgariño pola cheminea lonxe do seu lar. O cativo vai parar na casa dun artesán que intenta que este sexa o seu aprendiz. O alimento que lle dan na casa non é do seu agrado, polo que, cando está a procurar mellor alimento pola cociña, a serventa da casa intenta apañalo cun pano de cociña coma se fose un insecto por riba da mesa. Ao final bótao.

No bosque, unha banda de malandríns topa con Polgariño, a quen recrutan para lles axudar a roubar o tesouro do rei. Pasando desapercibido das sentinelas, Polgariño comeza a guindar moedas dende a fiestra da sala do tesouro aos garduños. Este feito alerta ao rei e aos seus gardas, que ao non atoparen o ladrón cren que realmente non lle estaban a roubar. Polgariño rise deles mentres o perseguen pola sala do tesouro. Monta sobre a última moeda e foxe. Os moinantes ofrécenlle ser o líder da banda, mais el desiste.

Polgariño acepta un emprego coma criado nunha taberna, porén amola ás criadas axexándoas e contando ao taberneiro cando lle rouban comida no soto. Para se vingar, unha criada bótao coma alimento ás vacas entre o feo. Unha vaca cómeo e este tenta chamar a atención do taberneiro berrando dende dentro do animal. Matan a vaca e, aínda que Polgariño tenta fuxir das entrañas, vai parar dentro dunha morcilla. A criada corta o embutido en porcións e Polgariño foxe salvando de novo a vida.

Para rematar a viaxe Polgariño fica atrapado nun madeiro, mais consegue fuxir aganchado no papo dunha raposa, que o leva á casa. O seu pai alégrase moito do reencontro deixando á raposa comer uns pitos, porque segundo di no conto «el querería seguramente a seu fillo máis que ás aves do curral».

Tom Thumb[editar | editar a fonte]

Os dous contos dos Grimm combínanse en inglés co nome de Tom Thumb (Tomé Polgar). A historia amplíase bastante, mesturándose coas lendas artúricas.

O Polgariño de Perrault[editar | editar a fonte]

Na anterior versión, a de Perrault, Polgariño é o máis novo de sete irmáns, fillo duns pobre leñadores que non poden alimentalos; polo que un bo día o pai decide abandonar os fillos na foresta. Porén a nai, que nun principio estaba de acordo co pai, arrepíntese e decide darlle a Polgariño unhas pequenas pezas de cuarzo branco para que poida atopar o camiño de retorno á casa. Ao voltaren, o pai xa estaba arrepentido polo que se alegra da volta dos fillos. Mais a situación vólvese insostíbel polo que os deixa de novo no bosque.

Desta volta a nai non ten tempo para lles preparar os seixos, polo que lles dá faragullas de pan. Polgariño vainas deixando polo camiño, mais os paxaros comen as migallas e os raparigos fican perdidos polas fragas. Desesperados atopan un eido que resulta ser a casa dun ogro; a ama do agro apiádase deles e permítelles pasar a noite; mais cando o ogro chega á casa descóbreos e intenta comelos. Polgariño, grazas ao seu pequeno tamaño consegue fuxir, e aprópiase das botas de sete leguas para deste xeito ir ao castelo do rei, quen manda aos seus homes a capturaren o ogro; despois, ademais de recompensar a Polgariño, permítelle a este regresar a casa de seus pais, onde todos xuntos viviron cheos de ledicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. AT 0041: Overeating in the Pantry. Ao mesmo tipo pertence este outro conto dos Irmáns Grimm: AT 0700: Tom Thumb. Ao mesmo tipo pertencen estes outros contos dos Irmáns Grimm:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]