Polícrates de Samos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de situación da Illa de Samos no Mar Exeo.

Polícrates de Samos (Πολυκράτης, Polycrates) foi tirano de Samos no século -VI.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ao final do reinado de Ciro II o Grande de Persia fíxose co poder coa cooperación dos seus irmáns Pantagnoto e Silosón. Inicialmente os tres irmáns van compartir o poder supremo pero pronto Pantagnoto foi executado e Silosón desterrado e quedou como tirano único.

Construíu unha flota de 100 barcos e contratou mercenarios e conquistou varias illas e algunhas cidades na costa asiática. Fixo a guerra contra Mileto e derrotou en combate naval á xente de Lesbos que ían en axuda da cidade.

A súa frota converteuse na máis importante dos estados gregos e planeou conquistar todas as cidades de Xonia, polo cal aliouse con Amasis de Exipto, quen, no entanto, renunciou pronto a axudalo pola excesiva boa sorte de Polícrates, que nunca fora derrotado. Herodoto explica a causa da rotura: Amasis pediu ao tirano que se desfixese dalgunha propiedade valiosa para non atraer a vinganza dos deuses, e Polícrates tirou ao mar un anel de extraordinaria beleza, pero ao cabo de poucos días apareceu no ventre dun peixe que lle ofreceu un pescador, e isto asustou a Amasis; os historiadores pensan que isto é unha lenda e que en realidade foi Polícrates o que rompeu a alianza para se aliar con Cambises II de Persia que estaba preparando a conquista de Exipto (-525).

En axuda dos persas enviou corenta barcos nos que puxo a todas as persoas que se podían opoñer no seu goberno e privadamente pediu ao rei persa que non volvesen; pero os homes así enviados á morte puideron escapar e desembarcaron en Samos onde fixeron a guerra ao tirano, pero foron derrotados, tendo que fuxir cara a Esparta que lles prometeu axuda. Corinto, enfrontada tamén con Samos, ofreceu igualmente a súa axuda. As forzas dos exiliados con estes apoios, atacaron Samos e cercaron a cidade durante corenta días, pero cando viron que non a poderían conquistar, os aliados espartanos e corintios abandonaron a illa.

Polícrates chegou entón ao cume do seu poder. Vivía con gran pompa e luxo, e a súa corte era sé de artistas, poetas e literatos, destacando Anacreonte e Íbico.

Por causas descoñecidas o sátrapa Orestes de Sardes decidiu eliminar a Polícrates, e invitouno a visitar os seus dominios; ao desembarcar, Polícrates foi capturado e crucificado (-522).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]