Pleomorfismo (citoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o pleomorfismo en bacterias ver pleomorfismo (microbioloxía).
Micrografía que mostra células cunha marcada variación no seu tamaño e forma do núcleo.

O termo pleomorfismo utilízase en histoloxía e citopatoloxía para describir a variabilidade en tamaño, forma e tinguidura das células dun tecido e dos seus núcleos.

O pleomorfismo é característico de neoplasmas malignos, e da metaplasia. Porén, certos tipos (benignos) de células poden presentar tamén pleomorfismo, por exemplo, células neuroendócrinas ou na reacción de Arias-Stella.

En tumores[editar | editar a fonte]

As células anaplásticas[1] de tumores mostran un marcado pleomorfismo. Os seus núcleos son caracteristicamente moi hipercromáticos, polo que se tinguen moi escuros, e son moi grandes. A relación núcleo-citoplasma pode aproximarse a 1:1 en vez das máis normais 1:4 ou 1:6. Poden orixinarse células xigantes, que son considerablemente maiores ca as súas veciñas e que posúen enormes núcleos ou varios núcleos (sincitios), os cales son variables e raros en forma e tamaño, con cromatina espesa e agrupada e grandísimos nucléolos.

Un exemplo de tumor no que se observan claramente estes cambios nas células é o carcinoma de célula xigante de pulmón.[2]

En células non tumorais[editar | editar a fonte]

Na reacción de Arias-Stella as células do endometrio uterino sofren unha serie de cambios, que aparentan ser cancerosos, pero que son benignos, e que se caracterizan polo agrandamento dos núcleos celulares e con frecuencia membranas nucleares irregulares, cromatina granular, vacuolización centronuclear, e inclusións pseudonucleares[3].

Cando se producen danos no epitelio da córnea con perda de células endoteliais, as células desprázanse en dirección á área lesionada para encher aquel espazo, aumentando o seu tamaño e tamén alterando a súa forma (pleomorfismo), o que ten como resultado a reparación da lesión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "biology on-line". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2019. Consultado o 13 de xaneiro de 2013. 
  2. Travis, William D; Brambilla, Elisabeth; Muller-Hermelink, H Konrad et al., eds. (2004). Pathology and Genetics of Tumours of the Lung, Pleura, Thymus and Heart. World Health Organization Classification of Tumours. Lyon: IARC Press. ISBN 92-832-2418-3. [1] Arquivado 23 de agosto de 2009 en Wayback Machine.
  3. Arias-Stella, J. (Jan 2002). "The Arias-Stella reaction: facts and fancies four decades after.". Adv Anat Pathol 9 (1): 12–23. PMID 11756756.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]