Playmobil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Playmobil
Logo
Tipomarca comercial
Data de fundación1974
Fundador(es)Hans Beck
SedeZirndorf
PaísAlemaña
Na rede
http://www.playmobil.com/ e http://www.playmobil.com
Facebook: Playmobil Twitter: playmobil Instagram: playmobil Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Playmobil é unha liña de xoguetes de plástico fabricados polo grupo Brandstätter (geobra Brandstätter GmbH & Co KG) con sede en Zirndorf (Alemaña).[1]

A base destes xoguetes é un boneco de 7,5 cm de alto.[1] As súas partes móbiles son a cabeza, os brazos e as pernas (e nalgúns poucos casos, só unha) e dependendo da súa antigüidade tamén os pulsos. Estas figuras dispoñen de multitude de accesorios, vehículos, edificios, plantas e animais na súa mesma escala que permiten crear unha gran cantidade de escenarios e situacións nas que o neno toma o control dando movemento.

Historia[editar | editar a fonte]

Fábrica de Playmobil en Zirndorf.

En 1876, Andreas Brandstätter fundou a empresa en Fürth (Baviera)[1] para producir artigos ornamentais e seguros. O seu fillo Georg foi que modificou o nome da compañía en 1905 polo de Geobra,[1] creado como acrónimo do seu nome. En 1921 a compañía fabricaba principalmente produtos metálicos como teléfonos e caixas rexistradoras[1] e en 1954 cambiou a súa produción cara ao plástico, desenvolvendo, entre outras cousas algúns xoguetes de plástico como coches ou o famoso hula hoop.[1]

En 1971, en plena crise do petróleo, a empresa decidiu que debía reducir o tamaño dos seus produtos.[2] Hans Beck, xefe de desenvolvemento de Geobra tivo a idea de realizar vehículos de plástico máis pequenos que os que fabricaba a empresa cunhas pequenas figuras. O enxeñeiro acabou centrándose máis nas propias figuras e os seus accesorios. Hans Beck é recoñecido unanimemente como o pai de Playmobil.

O 2 de febreiro de 1974 presentouse por primeira vez Playmobil no salón de Núremberg con grande éxito.[3]

As primeiras figuras que se crearon eran obreiros, indios e cabaleiros medievais[4] e ao principio as figuras non levaban armas. Cederon tras recibir cartas de pais e nenos queixándose. O deseño dos bonecos de Playmobil fíxose observando os debuxos que fan os nenos: cabeza e ollos grandes, sorriso, sen detalles como nariz ou orellas... en definitiva unha figura humana pero moi simple. As figuras teñen ademais o tamaño ideal para que o neno as poida gardar no peto. Obtense así unha figura sempre riseira que o neno pode manipular facilmente e converter mediante accesorios nun individuo de calquera época ou profesión. A diferenza doutros xoguetes con forma humana, os playmobil mantéñense en pé con facilidade o que permite unha maior flexibilidade para xogar. Ademais as súas mans con forma de U toman con moita facilidade os accesorios (armas, ferramentas, instrumentos médicos e mesmo xoguetes), a cabeza ten ademais unha marca especial para intercambiar chapeus, cinchas (cintas para suxeitar o pelo), e cascos.

Produtos e licenzas[editar | editar a fonte]

Os playmobil inclúen figuras de adultos, vellos, nenos e bebés. Tamén hai todo tipo de animais, incluíndo un modelo da Arca de Noé.[5] Durante moito tempo a marca distintiva das figuras femininas adultas foi a minisaia; máis tarde incorporouse a saia longa e dende 1986 estilizouse a súa figura.[6]

Durante as décadas dos anos 1970 e 1980 houbo empresas ás que Playmobil cedeu a súa licenza para fabricar e comercializar os seus produtos en certos países, entre outros:[7]

En 1991[8] deseñouse unha liña especial para menores de tres anos, denominada Playmobil 1.2.3., cuxas figuras e obxectos posúen características similares á serie orixinal, pero aínda máis simplificadas. Desa forma evítanse as pezas pequenas, perigosas para os menores.

Cada segundo fabrícanse 3,2 figuras (mentres que nese mesmo tempo só nacen 2,6 seres humanos) e calcúlase que hai unhas 2700 millóns de figuras en todo o mundo, cifra equivalente á poboación da China e a India xuntas. Se todas as figuras existentes se collesen da man, darían a volta ao mundo entre 3 ou 4 veces.[9]

Playmobil non cotiza en bolsa xa que non depende de accionistas nin ninguén planifica a súa xestión. O seu creador, Horst Brandstätter, asegurouse de que unha fundación benéfica creada por el mesmo lle sucedese cando el morrese.[10]

Asociacionismo[editar | editar a fonte]

A popularidade das figuras de Playmobil levou á creación de diversas asociacións de afeccionados e coleccionistas nos países onde foron comercializadas, que organizan exposicións, feiras e outros eventos relacionados coa marca; en España existen dúas, Aesclick e Somosclicks. A primeira delas coorganizou en 2010 a exposición celebrada en Barbastro (Huesca) que logrou a marca mundial de figuras exhibidas, con 68 808.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Historia de la compañía Geobra Brandstätter". Playmobil España (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  2. "Hans Beck: Inventor of Playmobil children's toys". The Independent. 12 de febreiro de 2009. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  3. "2 ¾ Inches – 40 Years – 2.7 Billion". Playmobil USA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  4. Playmobil Collector 1974-2009 (en inglés). Dreieich: Fantasia SU. 2009. p. 13. 
  5. "Arca de Animales". Playmobil (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  6. "HISTORIAS DE PLAYMOBIL - PLAYMOBIL EN MEXICO". agosto de 2009. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  7. Playmobil Collector 1974-2009 (en inglés). Dreieich: Fantasia SU. 2009. p. 359. 
  8. "Company History". Playmobil Malta (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  9. Kaplan, Sarah (9 de xuño de 2015). "The birth of the Playmobil people, which, if lined up could circle the globe three times". The Washington Post (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  10. "Muere Horst Brandstätter, propietario de PLAYMOBIL". Playmobil España (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2015. Consultado o 9 de setembro de 2015. 
  11. «La ciudad de Barbastro consigue un Record Guinness al reunir un total de 68.808 figuras de Playmobil» 20 minutos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Playmobil Collector 1974-2009 (en inglés). Dreieich: Fantasia SU. 2009. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]