Forraxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Planta forraxeira»)
Becerros comendo forraxe.

Forraxe é unha denominación colectiva que abrangue calquera herba, verde ou seca, que se sega para dar de comer ó gando. Existen plantas herbáceas especificamente cultivadas a tal fin, como a alfalfa, o trevo ou o raigrás, e outras que se poden sementar para colleitar en verde, para forraxe, ou en seco, para aproveita-lo gran, como é o caso do millo ou do centeo. Tamén se pode destinar a forraxe a herba das prados naturais en épocas nas que non se utilicen para pasto directo.

É posible utilizar para alimentación animal outros produtos vexetais, normalmente subprodutos da agricultura ou da alimentación humana (como froitas ou patacas pequenas ou meradas, fariña ou farelo, tonas de pataca, os pendóns do millo, as follas dos nabos, ramallos de certas árbores etc.) así como, por suposto, o penso composto, pero estes produtos non se deben considerar forraxe.

Ademais da forma normativa forraxe[1], e as variantes ferraxa e ferraxe, tamén se denomina ferraña ou ferroia. Conceptos derivados son os de forraxear, segar herba para darlla ó gando, e o adxectivo forraxeiro, planta ou parte da planta utilizada con este fin.

Tipos de forraxes[editar | editar a fonte]

Pradeira artificial, xa segada en parte.

As plantas utilizadas como forraxe poden proceder de prados naturais, espontáneos, ou de praderías artificiais, cultivadas polo ser humano. Os primeiros son comunidades de diferentes plantas herbáceas, especialmente gramíneas, que medran en condicións naturais en terreos achairados e húmidos. Poden ser permanentes ou temporais e, se son produtivos, o labrego adoita proporcionarlles distintos tratamentos para aumenta-la colleita ou para corrixir deficiencias na composición do chan, como poden se-lo estercado ou a rega. Estes prados aprovéitanse normalmente mediante o pastoreo directo, habitual ou rotatorio, pero tamén mediante a sega.

Cando se trata dunha terra sometida a un tratamento agrario completo (arado, sementeira, sega etc.) fálase de cultivos forraxeiros e o seu aproveitamento é sempre por sega. Estes cultivos poden ser monofitos, cunha única especie de herba, ou polifitos, cunha mestura calculada de especies herbáceas.

Usos da forraxe[editar | editar a fonte]

Apañando herba para botala ó gando na corte

A forraxe utilízase para suplementa-la ración alimenticia que o gando obtén mediante o pastoreo, cando o pasto é cativo ou cando o gando é de alta produción. Tamén se ten que recorrer á forraxe no inverno, cando as condicións climatolóxicas (neve, frío, choivas intensas) non deixan saca-lo gando a pastar, ou cando algún animal, enfermo ou tralo parto, non pode saír a pastar. En calquera caso, pode dárselle en verde, en seco ou, modernamente, en ensilado.

Na gandería moderna, de carácter intensivo e con animais de altas producións lácteas e cárnicas, a alimentación do gando está baseada fundamentalmente nos pensos compostos, estudados e formulados para cubir-las necesidades do gando. Neste caso, a forraxe achega alimento voluminoso como suplemento do penso, tendo en conta que, excepto aves e porcos, nos outros animais domésticos (vacún, ovino ou equino) resulta imprescindible unha ración de volume para o seu fisioloxismo normal.

Produción de forraxes[editar | editar a fonte]

A superficie destinada en Galicia á produción de forraxe variou moito como consecuencia do abandono da agricultura e da reestruturación da gandería. A mecanización do campo e a maior riqueza nutritiva do millo sobre a herba tamén influíron neste cambio, pero en xeral obsérvase un progresivo aumento da superficie destinada a pastos e millo forraxeiro.

No caso dos prados permanentes, as cifras subiron desde as 175.000 hectáreas de 1955 ás máis de 550.000 ha en 2005. Tamén se aprecia un aumento considerable nas producións, que ascenderon, en 2008, a 2,2 millóns de toneladas de millo forraxeiro e 11,7 millóns de toneladas de herba, aínda que en 2009 a produción de herba se reduciu a menos da metade (5 millóns de t) mentres que a de millo forraxeiro seguiu subindo ata os 2,5 millóns t[2].

Como sexa que a práctica totalidade da produción de forraxes vai destinada á alimentación do gando vacún, a distribución xeográfica destes cultivos coincide coa distribución desta especie: as provincias de Coruña e Lugo producen o 92,78% do millo forraxeiro e o 93.58% da herba.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En galego, de xénero feminino, aínda que tamén se utilice, por influencia do castelán, en masculino.
  2. "Instituto Galego de Estatística". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2016. Consultado o 24 de setembro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferro Ruibal, Xesús, e Benavente Jareño, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago 2010.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]