Placa senil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ver tamén Amiloide, Beta-amiloide e Proteína precursora amiloide.
Inmunotinguidora de beta-amiloide na que se observan placas senís.

As placas senís (ou placas neuríticas, drusas senís ou drusas cerebrais) son depósitos extracelulares de beta-amiloide na materia gris do cerebro.[1][2] As estruturas neurais dexenerativas e unha abundancia de microglía e astrocitos poden ser asociadas con depósitos de placas senís. Estes depósitos poden tamén simplemente ser un subproduto da senescencia ou do envellecemento. Porén, a presenza de grandes cantidades de placas senís e nobelos neurofibrilares (da proteína tau) son características da enfermidade de Alzheimer. As placas son de tamaño e forma variable, pero como media miden uns 50 µm.[3] Na enfermidade de Alzheimer están compostos principalmente de péptidos beta-amiloides. Estes polipéptidos tenden a agregarse e crese que son neurotóxicos.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1892 Blocq e Marinesco describiron por primeira vez a presenza de depósitos de placas na materia gris.[4][5] Como resultado da súa semellanza coas drusas das infeccións por Actinomyces, Oskar Fischer denominounas drusas de necrose a principios do século XX. A conexión entre placas e demencia foi descuberta por Alois Alzheimer en 1906.[6] En 1911 Bielschowsky propuxo que os depósitos tiñan natureza amiloide. Wisniewski acuñou o termo placas neuríticas en 1973. Na segunda metade do século XX propuxéronse diversas teorías sobre os factores inmunolóxicos e xenéticos na formación das placas.[7] J.A.N. Corsellis e M. Franke fixeron investigacións estatísticas na década de 1970. M. Franke indicou que a demencia ocorre probablemente cando o número de placas senís no córtex frontal é de máis de 200/mm3. En 1985 as formacións beta-amiloides foron identificadas con éxito por medio de técnicas bioquímicas, aínda que quedan moitas cuestións sen resolver sobre a importancia e formación das placas senís.

Formación e descrición[editar | editar a fonte]

Na sinapse das neuronas concéntrase a proteína precursora amiloide (APP) que se estende a través da membrana plasmática. Unha porción desta proteína contén a secuencia do péptido Aβ.[8]

Na formación de placas senís, o Aβ orixínase ao clivar a proteína precursora amiloide. Hai tres encimas que poden procesar a APP, pero só a β- e γ-secretases están directamente implicadas na formación de placas senís. A β-secretase (BACE) é un encima protease que cliva proteínas e péptidos. Esta protease cliva a APP para expoñer os fragmentos carboxilo terminal do Aβ. Despois de que a masa da APP se libera por este proceso, a γ-secretase cliva os restantes fragmentos carboxilo do dominio transmembrana. As accións secuenciasi da γ-secretase despois da actividade da BACE teñen como resultado a formación de fragmentos de proteína Aβ (beta-amiloide) que se liberan ao espazo extracelular.[8] Finalmente, a acumulación de beta-amiloide fóra das sinapses neuronais forma a masa de agregado da placa que aparta as finas ramificacións e conexións das células cerebrais.

A formación de fragmentos de beta-amiloide é algo normal no corpo humano. Porén, a acumulación de Aβ que dá lugar á formación de depósitos de placa non é un fenómeno usual. Aínda que a causa desta anormalidade non se coñece ben, os investigadores atoparon que certas especies de beta-amiloide que difiren en lonxitude nuns poucos aminoácidos se agregan facilmente en placas. Estas especies son máis patoxénicas.[9]

Nun artigo escrito por Stone J. proponse que a formación de placas senís se inicia pola hemorraxia nun capilar cerebral, o cal crea as condicións para a formación dunha placa rica en amiloide. Isto suxire que a formación de placas se estende pola rede de capilares do córtex cerebral, o cal esclarece por que a formación de placas está relacionada coa idade, xa que coa idade os capilares se fan máis fráxiles. Se unha hemorraxia pode crear as condicións para a formación das placas, isto explica por que as placas se caracterizan por ser pequenas e de tamaño uniforme; cada placa é o sitio onde houbo unha hemorraxia capilar.[10]

Identificación[editar | editar a fonte]

Placas senís vistas con tinguidura de prata.

As placas senís son visibles con microscopio óptico usando técnicas de tinguidura con prata, vermello Congo, tioflavina, violeta de cresilo, e reacción PAS. Os depósitos de placas son tamén visibles con microscopía de fluorescencia e inmunofluorescencia.[11][12] A técnica de tinguidura de prata de Bielschowsky é un método pouco eficaz para visulaizar as placas, mentres que as técnicas de tinguidura de prata de Campbell e Gallyas supuxeron unha mellora na identificación e exactitude. Usando vermello Congo, só quedan tinguidas axeitadamente unha cuarta parte das placas senís presentes nunha mostra.[9] As placas senís poden tamén visualizarse cunha inmunotinguidura dirixida contra o beta-amiloide. O principal problema cos métodos de tinguidura anteriores é que hai que extraer do cerebro as seccións de tecido neural nas que se van facer as observacións para poder así identificar as placas, o cal é un problema porque a extracción pode causar tantos ou máis danos que as propias placas.

Enfermidade[editar | editar a fonte]

Un importante criterio de verificación neuropatolóxica-histolóxica da enfermidade de Alzheimer é a formación de placas senís. Os péptidos beta-amiloides asociados coas placas senís xogan un papel central no risco, inicio e progresión da enfermidade de Alzheimer. Son de especial importancia as especies de maior lonxitude do beta-amiloide chamadas beta-amiloide 42. Os niveis elevados de beta-amiloide, e unha elevación da proporción do beta-amiloide 42 con respecto da principal especie maís curta, o beta-amiloide 40, foron identificados como factores importantes nos eventos iniciais da patoxénese do Alzheimer.[13]

Outros factores na verificación da enfermidade de Alzheimer inclúen neurofibrilares patolóxicos, nobelos, e cerebro atrófico con hidrocéfalo. A formación e distribución dos neurofibrilares neuropatolóxicos teñen unha regularidade[14] e permiten determinanr o estadio no que está a enfermidade. En combinación coa aparición de grande número de placas, pode diagnosticarse a enfermidade de Alzheimer con grande probabilidade. Tamén se comprobou unha correlación entre a presenza de placas senís e a síndrome de Down.[1]

Distribución[editar | editar a fonte]

Poden atoparse placas senís nos cerebros humanos e de animais (por exemplo en mamíferos e aves). A partir dunha idade de 60 anos (cun 10%) ata unha idade de 80 anos (cun 60%), a proporción de persoas coa placas senís increméntase linealmente. Unha pequena proporción das placas que se forman poden deberse ao proceso fisiolóxico do envellecemento. As mulleres teñen unha probabilidade lixeiramente maior de ter placas que os homes.[3] As placas aparecen comunmente no núcleo amigdaloide e nos sulcos do córtex cerebral.

Investigación[editar | editar a fonte]

Identificáronse unha crecente variedade de compostos que reducen os niveis de beta amiloide. Varios destes compostos teñen unha selectividade polo beta-amiloide 42, mentres que outros servirían para modular a proteína precursora amiloide. Ditos compostos están agora en avaliación clínica para determinar como poden ser de utilidade para o tratamento da enfermidade de Alzheimer.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Senile plaque neurites in Alzheimer disease accumulate amyloid precursor protein". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America (Clevland, OH: Institute of Pathology) 88: 7552–7556. September 1991. PMC 52339. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=52339
  2. Purves, Dale; George J. Augustine, David Fitzpatrick, William C. Hall, Anthony-Samuel LaManita, Leonard E. White, Richard D. Mooney, and Michael L. Platt (2012). Neuroscience; Fifth Edition. Sunderland, MA: Sinauer Associates, Inc.. pp. 713. ISBN 978-0-87893-695-3.
  3. 3,0 3,1 Franke, M (1976). "Statistische Untersuchungen über die senilen Drusen im menschlichen Gehirn / Thesen". Berlin, Germany: Neuropathologische Abteilung. http://henrikfranke.npage.de/.
  4. "Sur les lesions et la pathogenie de l’epilepsie dite essentielle.". La Semaine Medicale 12: 445–446. 1892
  5. "Georges Marinesco and the early research in neuropathology.". Neurology 72 (1): 88–91. 2009. DOI:10.1212/01.wnl.0000338626.93425.74. PMID 19122036
  6. "Uber einen eigenartige Erkranung der Hirnrinde.". Allgemeine Zeitschrift fur Psychiatrie und Psychisch-Gerichtisch Medizin 64: 146–148. 1907
  7. "Some cerebral proteins and enzyme systems in Alzheimer's presenile and senile dementia.". Journal of the American Geriatrics Society. 1 (New York, NY: Blackwell Science) 24 (1): 12–16. January 1976. PMID 1244383
  8. 8,0 8,1 Suh, YH; Checler, F (September 2002). "Amyloid precursor protein, presenilins, and alpha-synuclein: molecular pathogenesis and pharmacological applications in Alzheimer's disease.". Pharmacological reviews 54 (3): 469–525. PMID 12223532.
  9. 9,0 9,1 "Are routine methods good enough to stain senile plaques and neurofibrillary tangles in different brain regions of demented patients?". Psychiatr Danub (Bochum, Germany: Psychiatria Danubina) 23 (4): 334–339. December 2011. PMID 22075733
  10. Stone, J. "What initiates the formation of senile plaques? The origin of Alzheimer-like dementias in capillary haemorrhages.". PubMed. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/18524497.
  11. Ksiezak-Reding, H; Morgan, K; Mattiace, LA; Davies, P; Liu, WK; Yen, SH; Weidenheim, K; Dickson, DW (1994). "Ultrastructure and biochemical composition of paired helical filaments in corticobasal degeneration" [Ultrastructure and biochemical composition of paired helical filaments in corticobasal degeneration.]. American Journal of Pathology 145 (6): 1496–508. PMC 1887493. PMID 7992852
  12. "Comparison of seven staining methods for senile plaques and neurofibrillary tangles in a prospective series of 15 elderly patients". Neuropathology and applied neurobiology (Paris, France: Laboratoire de Neuropathologie) 15 (6): 563–578. November–December 1989. PMID 2482455
  13. 13,0 13,1 "The role of amyloid beta peptide 42 in Alzheimer's disease". Pharmacology & therapeutics. 2 (Boston, MA: Satori Pharmaceuticals Incorporated) 116 (2): 266–286. November 2007. DOI:10.1016/j.pharmthera.2007.06.006. PMID 17716740
  14. "Staging of Alzheimer-related cortical destruction.". European neurology (Frankfurt, Germany: Department of Anatomy, Goethe University) 33 (6): 403–408. 1993. PMID 8307060

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Outras lecturas[editar | editar a fonte]

  • Cruz L, Urbanc B, Buldyrev SV, Christie R, Gomez-Isla T, Havlin S, McNamara M, Stanley HE, Hyman BT. Aggregation and disaggregation of senile plaques in Alzheimer disease. Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America. 1997;94(14):7612–7616. PMID 9207140.
  • Stone J. What initiates the formation of senile plaques? The origin of Alzheimer-like dementias in capillary haemorrhages.. Medical hypotheses. 2008;71(3):347-359. PMID 18524497.