Pilro gordo
| Pilro gordo | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Calidris canutus | ||||||||||||
O pilro gordo (Calidris canutus) é unha ave limícola de tamaño mediano que cría en zonas de tundra do hemisferio norte.
Índice |
[editar] Descrición
Da talla aproximada dun merlo, entre 23 e 26 cm. A envergadura das alas vai dos 47 ós 53 cm. O peso, que varía segundo a subespecie, é de entre 100 e 200 gramos. Antes da migración poden chegar a multiplicar por dous o seu peso. Ten o pescozo e as patas, que son verdes agrisadas, curtos, e o bico escuro, dereito e de tamaño medio. Fora da época de cría teñen o lombo gris cinza e a parte inferior abrancazada, con liñas grises pouco visibles no peito e nos vaos. No tempo da reprodución a parte superior do corpo é negra con manchas grises. A cara, a gorxa e o peito son vermellos coa parte inferior clara. As subespecies canutus, islandica e piersmai son máis escuras e a rufa a máis clara.
[editar] Distribución
Crían sobre todo na tundra en Grenlandia, Canadá, Alasca e Siberia. É unha ave migratoria de longa distancia que pasa os invernos no suroeste de África.
[editar] Subespecies e a súa distribución
Ten seis subespecies, que, ordenadas segundo o tamaño son:
- C. c. roselaari (a meirande)
- C. c. rufa
- C. c. canutus
- C. c. islandica
- C. c. rogersi
- C. c. piersmai ( a máis pequena)
C. c. piersmai cría no norte de Siberia e pasa o inverno nas costas chas do noroeste de Australia, depois dunha parada no delta do río Amarelo en China. C. c. rogersi cría no noreste de Siberia e emigra ó longo da costa chinesa ó sueste de Australia e norte de Nova Celandia. C. c. roselaari reprodúcese no extremo norte de Alasca e pasa o inverno en Florida. Non está claro se algunhas poboacións desta subespecie emigran seguindo a costa do océano Pacífico para pasa-lo inverno na América central. C. c. rufa, que pon os ovos no noroeste do Canadá, segue a costa atlántica e, despois dunha parada en Brasil acaba a viaxe en Arxentina. C. c. islandica, que cría no norte de Grenlandia voa no inverno o noroeste de Europa, con paradas en Islandia e poida que en Noruega. C. c. canutus ten as crías no norte de Siberia, máis o oeste cá variedade C. c.piersmai e pasa a estación fría ó longo das costas do oeste de África.
[editar] Alimentación
Aliméntanse principalmente de moluscos que tragan enteiros, partindo a casca cos músculos da morzoa. Na época reprodutora coman vermes e artrópodos acuáticos.
[editar] Reprodución
O pilro gordo cría na tundra de Siberia, Grenlandia, Canada e Alasca. Crían illados: os niños están separados a miúdo por quilómetros de distancia. A femia pon 3 ou 4 ovos nun furado do chan cuberto de brión. Os ovos son chocados polos dous membros da parella. Os polos deixan o niño inmediatamente e comezan a alimentarse polos seus propios medios. En canto comezan a voar, os machos adultos comezan a viaxe migratoria. As aves novas séguenos días ou semanas máis tarde en solitario.
[editar] Adaptación ó voo de longa distancia
O pilro gordo fai a súa viaxe migratoria en etapas que poden acadar os 5000 km. Para poder voar esas distancias comen grandes cantidades de alimento, o que fai que poidan dobra o seu peso antes de comeza-la viaxe. Teñen depósitos de graxa distribuídos polo corpo, dos que sacan a enerxía necesaria durante o voo. Para facer sitio para eses depósitos sen comprometer a capacidade de voo, os seus órganos internos redúcense. A morzoa aumenta e diminúe de tamaño de acordo co tipo de alimentación: cando comen moluscos de casca dura, medra, mentres que o consumo de vermes e outras presas brandas activa a redución do seu tamaño e con isto a posibilidade de aumentar o tamaño dos depósitos de graxa.
[editar] Nomes comúns noutras linguas
- Alemán: Knutt
- Danés: Islandsk ryle
- Finlandés: Isosirri
- Francés: Bécasseau maubèche
- Ingles: Red Knot
- Neerlandés: Kanoet
- Noruegués: Polarsnipe
- Sueco: Kustsnäppa
[editar] Fontes
- Shorebirds von Hayman, Marchant and Prater ISBN 0-395-60237-8
- Piersma, T., de Goeij, T. P. & Tulp, I. 1993 An evaluation of intertidal feeding habitats from a shorebird perspective: towards relevant comparisons between temperate and tropical mudflats. Netherlands Journal of Sea Research 31, 503-512.
- Piersma, T., Dietz, M. W., Dekinga, A., Nebel, S., van Gils, J. A., Battley, P. F. & Spaans, B. 1999 Reversible size-changes in stomachs of shorebirds: when, to what extent, and why? Acta Ornithologia 34, 175-181.
- Tomkovich, P. S. 1992 An analysis of the geographic variability in knots Calidris canutus based on museum skins. Wader Study Group Bulletin 64 Supplement, 17-23.
- Tomkovich, P. S. 2001 A new subspecies of Red Knot Calidris canutus from the New Siberian Islands. Bulletin of the British Ornithologists Club 121, 257-263.
- Tulp, I., Schekkerman, H., Piersma, T., Jukema, J., de Goeij, P. & van de Kam, J. 1998 Breeding waders at Cape Sterlegova, northern Taimyr, in 1994. Zeist: WIWO - Report 61.
[editar] Ligazóns externas
- http://www.birds.cornell.edu/AllAboutBirds/BirdGuide/Red_Knot.html - Cornell Lab of Ornithology - Red Knot] (en inglés)
- - USGS - Pilro gordo (Red Knot) (en inglés)
- - South Dakota Birds - Pilro gordo (Red Knot) Información e fotos (en inglés)
- - eNature.com - Pilro gordo (Red Knot) (en inglés)