Pilar Rojo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pilar Rojo Noguera")
Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, nun encontro cos medios.

Pilar Rojo Noguera, nada na Coruña, é unha política galega militante do PPdG.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É licenciada en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e está especializada en edificación e urbanismo. Conta cos Diplomas de directivo da Xunta de Galicia e diploma de Alta Dirección do Instituto Nacional de Administración Pública.

Ata 1988 traballou, como profesional liberal, nos campos da arquitectura e do urbanismo. Nese ano obtivo o título de funcionaría de carreira pertencente ao Corpo de Arquitectos da Facenda Pública. Entre 1989 e 1990 desenvolveu a súa actividade como arquitecta da Facenda Pública en Palma.

De 1990 a 1996 exerceu como arquitecta da Facenda Pública na Delegación Provincial de Economía e Facenda en Pontevedra.

Foi membro electo do claustro constituínte da Universidade de Santiago de Compostela en representación do alumnado de doutoramento (1986-1988); vocal do Xurado Provincial de Expropiación Forzosa de Pontevedra (1990-1996); vocal do Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria Urbana de Baleares (1989-1990) e de Pontevedra (1990-1996).

En novembro de 1996 foi nomeada delegada provincial da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia en Pontevedra, cargo que ocupou ata finais de 2001.

No ano 2001 (VI Lexislatura) foi elixida deputada do PPdeG por Pontevedra no Parlamento de Galicia, cargo para o que foi reelixida nas VII e VIII lexislaturas. O 20 de xaneiro de 2003 foi nomeada Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, cargo que desempeñou ata as eleccións autonómicas de 2005.

Como parlamentaria, na VI lexislatura, desempeñou as funcións de presidenta da Comisión de Educación e Cultura, vicepresidenta da Comisión de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente, e voceira de Asuntos Europeos.

Na VII Lexislatura foi voceira Adxunta do Grupo Parlamentario Popular, así como voceira de Vivenda e de Urbanismo. Nesa mesma lexislatura foi membro da Comisión de estudo da reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia e formou parte das comisións de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos; e da de Educación e Cultura.

Tralas Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009, foi elixida presidenta do Parlamento de Galicia. En marzo de 2011 resultou elixida presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) durante un período dun ano.

Forma parte do Comité Executivo Nacional do Partido Popular e é membro do Comité Executivo Rexional, da Xunta Directiva Rexional e do Comité de Dirección do mesmo partido, sendo secretaria executiva de Política Social, Benestar e Mocidade. É membro do Comité Executivo Provincial e do Comité Executivo Local de Pontevedra.


Predecesor:
Dolores Villarino
presidente do Parlamento
2009-2013
Sucesor:
no cargo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]