Pico (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pico (do grego antigo Πἳκος Pikos) era, na mitoloxía romana, unha divindade profética, descrito como fillo de Saturno ou de Sterculus, marido da ninfa Canente e pai de Fauno.[1] Nalgunhas tradicións considerábase o primeiro rei do Lacio,[2] pois seu fillo Fauno foi pai de Latino, o rei dos laurentinos contra quen loitaron Eneas e os troianos, e a quen logo se uniron.

Foi un famoso adiviño e augur, e, como facía uso nestes mesteres dun picus (‘paxaro carpinteiro’), recibía tamén este nome el mesmo. Representábase de forma ruda e primitiva como un piar de madeira cun paxaro carpinteiro sobre el, e máis tarde como un home novo cun paxaro carpinteiro sobre a cabeza.[3] Toda a lenda de Pico está baseada na noción de que o paxaro carpinteiro é un paxaro profético, consagrado a Marte. Dicíase que Pomona estaba namorada del, e que cando o amor que Circe lle profesou non foi correspondido, esta transformouno en paxaro carpinteiro, que aínda así retivo os poderes proféticos que posuía como home.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ovidio, As metamorfoses xiv.320, 338, Fastos iii.291; Virxilio, Eneida vii.48; Servio, Sobre a Eneida x.76.
  2. Xoán Tzetzes, Sobre Licofrón 1232.
  3. Dionisio i.14; Ovidio, As metamorfose xiv.314; Virxilio, Eneida vii.187.
  4. Virxilio, Eneida vii.190; Ovidio, As metamorfoses xiv.346, Fastos iii.37; Plutarco, Cuestións romanas 21.

Bibliografía[editar | editar a fonte]