Phrynorhombus norvegicus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Phrynorhombus norvegicus
Meiga de Noruega
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Scophthalmidae
Xénero: Phrynorhombus
Günther, 1862
Especie: P. norvegicus
Nome binomial
Phrynorhombus norvegicus
(Günther, 1862)

Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos escoftálmidos, única actualmente recoñecida no xénero Phrynorhombus [1] e coñecida en galego como meiga de Noruega.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Xénero

O xénero Phrynorhombus foi descrito en 1862 polo zoólogo británico de orixe alemá Albert Günther.[3]

Etimoloxía

O nome Phrynorhombus está formado coa raíz do latín científico phryno-, derivada do grego φρύνος phrýnos, "sapo", e o latín rhombus, "rodaballo" que, á súa vez, deriva do grego antigo ῥόμβος rhómbos, "rombo".

Especie

Günther, así mesmo, describiu por primeira vez, e o mesmo ano, á especie, pero baixo o nome de Rhombus norvegicus, que máis tarde reclasificou no xénero actual.[1]

Até hai pouco tempo recoñecíanse no xénero dúas especies:

  • Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862).
  • Phrynorhombus regius (Bonnaterre, 1788).

pero a segunda reclasificouse actualmente como Zeugopterus regius (Bonnaterre, 1788).[3]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas deste peixe son:[4][5]

  • Corpo ovalado, alongado e comprimido, de até os 12 cm de lonxitude (é a menor das especies de peixes planos do norte de Europa).
  • Cabeza con perfil lixeiramente arredondado.
  • Ollos separados por un estreito espazo.
  • Boca grande e oblicua.
  • Pel áspera, con escamas rugosas en ambos os lados do corpo.
  • Liña lateral igualmente desenvolvida nos dous lados do corpo, que describe un arco sobre a aleta pectoral no lado pigmentado.
  • A aleta dorsal orixínase sobre o ollo superior. As aletas ventral e anal non están fusionadas.
  • A coloración do lado pigmentado é parda clara, con manchas irregulares máis escuras sobre todo o corpo (incluídas as aletas).

Distribución[editar | editar a fonte]

Distribúese por toda a costa de Noruega, desde o cabo Norte até o Skagerrak, sur de Islandia, noroeste de Suecia, oeste de Dinamarca, illas Feroe, illas Británicas, o canal da Mancha e o noroste de Francia, até o sur da Bretaña.[5][6]

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Vive principalmente en fondos rochosos de 10 a 100 m de profundidade (máis abundante entre os 20 e os 50 m).[4][5]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición

Aliméntase principalmente de pequenos peixes e invertebrados (sobre todo crustáceos e vermes).[4][5]

Reprodución

A desova efectúase entre os meses de febreiro e agosto (con máis frecuencia entre abril e xullo). Os ovos, peláxicos, miden 0,8 mm de diámetro, e eclosionan ao cabo dunha semana. As larvas, de simetría bilateral, sofren a metamorfose ao estadio bentónico cando alcanzan entre 10 e 13 mm.[4][5]

En Galicia[editar | editar a fonte]

O primeiro rexistro en augas de Galicia, na zona externa da ría de Arousa, entre os 10 e os 40 m de profundidade, fíxoo J. Iglesias en 1981, publicándoa no seu traballo "Spatial and temporal changes in the demersl fish community of the Ria de Arosa (NW Spain)", Mar. Biol. 65: 199-208. Posteriormente hai outra cita, do mesmo autor, xunto a E. González Gurriarán, en 1984, na ría de Pontevedra, publicada en "Primeros datos sobre la megafauna bentónica de la Ría de Pontevedra: Peces demersales y crustáceos decápodos (Brachyura)", Cuadernos da Área de Ciencias Mariñas. Seminario de Estudos Galegos 1: 303-319.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) no WoRMS.
  2. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 84.
  3. 3,0 3,1 Phrynorhombus Günther, 1862 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Rodríguez Villanueva et al. (1995), pp. 284-285.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Muus, Bent J. el al. (1998), pp. 255-256.
  6. Phrynorhombus norvegicus (Günther, 1862) en FishBase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 978-0-471-25031-7.* Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • van der Land, J.; Costello, M.J.; Zavodnik, D.; Santos, R.S.; Porteiro, F.M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W.N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds. European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: pp. 357–374.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]