Phocoenoides dalli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Phocoenoidinae»)

Phocoenoides dalli

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Phocoenidae
Subfamilia: Phocoenoidinae
Barnes, 1984
Xénero: Phocoenoides
Andrews, 1911
Especie: Ph. phocoenoides
Nome binomial
Phocoenoides dalii
(True, 1885) [1]
Distribución mundial de Phocoenoides dalii
Distribución mundial de Phocoenoides dalii

Distribución mundial de Phocoenoides dalii
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Phocaena dalli True, 1885 (basónimo)
  • Phocoenoides truei Andrews, 1911

Phocoenoides dalli é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos focénidos, o único membro do xénero Phocoenoides que, á súa vez, é o único da subfamilia dos focenoidinos (Phocoenoidinae).

Esta especie de toniña foi descrita en 1885 polo zoólogo estadounidense Frederick William True, que a denominou Phocoena dalli na honra do seu compatriota o naturalista William Healey Dall (1845-1927).

Pero cando máis tarde , en 1911, Roy Chapman Andrews describiu o xénero Phocoenoides,[2] foi reclasificada neste xénero, de xeito que o seu nome científico válido actualmente é Pnocoenoides dalli (True, 1885).

Esta marsopa adquiriu certa sona nos medios de comunicación mundiais na década de 1970, cando se revelou por primeira vez ao público que a pesca de salmóns con palangres matara a miles destes cetáceos. Por outra parte, cómpre dicir que esta especie péscase industrialmente no Xapón, onde se consome a súa carne.

Catarcetrísticas[editar | editar a fonte]

As características principais son as seguintes:[3]

  • Os adultos teñen un tamaño comprendido entre 1,70 e 2,40 m, e un peso de entre 170 e 200 kg.
  • O corpo ten unha coloración chamativa: negra, cunha ampla zona branca nos flancos e, ás veces, no extremo das aletas dorsal e caudal.
  • A cabeza e as aletas pectorais, situadas cerca da cabeza, son relativamente pequenas, e a súa boca, estreita, nun fociño cun bico pouco prominente e labios que poden ser negros ou brancos, está armada con de 23 a 28 pares de dentes na mandíbula superior, e de 24 a 28 na inferior.
  • A aleta dorsal é prominente, en forma de gancho, e de cor variábel, normalmente negra na base e gris ou branca na parte superior.
  • Nada rapidamente (até os 55 km/h) e é hiperactivo.
  • Aproxímase aos barcos.
  • Polo xeral viaxa en pequenos grupos, que poden ocasionalmente reunirse en grandes bancos de miles de individuos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Vive en augas frías do Pacífico setentrional, entre as Kamchatka á de Alasca, polo norte, e até os 50º N (asociado con golfiños), e desde os 40º N (asociado a caldeiróns) até mais ao sur (costas de Corea e o Xapón) no leste e costas norteamericanas até a Baixa California no oeste.[3]

Pouco se sabe sobre as súas migracións, pero parece que se despraza cara ao norte en verán e cara ao sur en inverno; algúns individuos poden pasar o verán tan ao norte como no estreiro de Bering.[3]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Caza crustáceos, luras e peixes, apañando sardiñas e especies afíns en augas superficiais, e peixes lanterna a niveis máis baixos.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A especie é abundante, e estímase que a poboación actual é de máis de 1 millón de animais. A especie foi amplamente matada en operacións de pesca en mar aberto con redes de deriva durante as décadas de 1970 e 1980, pero agora están prohibidas estas pescarías, e os niveis de capturas no actuais non están considerados como o suficientemente altos como para causar descensos de poboación significativos. As capturas nas augas costeiras xaponesas, así como as incidentais nestas augasa e n as rusas (que se estiman globalmente nuns 20 000 espécimes ao ano), non parece que constitúan unha ameaza para o descenso de poboación suficiente como para xustificar a inclusión desta especie en ningunha categoría de ameaza.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Phocoenoides dalii en WoRMS.
  2. Andrews, R. C. (1911), Bull. Am. Mus. Nat. Hist., 30: 31. Phocoenoides dalli en Mammal Species of the World.
  3. 3,0 3,1 3,2 Carwardine, M. (1995), pp. 248-249.
  4. Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K. A., Karkzmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M.D., Wang, J. Y. , Wells, R. S. & Wilson, B. (asesores) (2008): Phocoenoides dalli na Lista vermella de especises ameazadas da IUCN, versión 2013.1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]