Petróglifos de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un petróglifo é unha representación gravada sobre pedra ou rocha, propia de pobos prehistóricos.
As gravuras existentes en Galiza conforman o chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre. Todas elas se realizaron sobre granito (agás no Incio onde están gravadas sobre lousa, e en Sarria e Samos sobre xisto), aínda que non se sabe se esta foi unha escolla intencional ou se é que se trata simplemente do material máis duradoiro, e por ese motivo chegaron ata os nosos días. O conxunto de petróglifos galegos é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e incluso mundial[1].
Índice |
[editar] Cronoloxía
Estas gravuras son produto da sociedade da Idade do Bronce, coincidindo co desenvolvemento inicial da metalurxia. Porén en moitos casos aparecen gravados de datacións posteriores mesturados cos existentes anteriormente, nalgunhas ocasións perseguendo a finalidade de cristianizar os símbolos considerados pagáns, a imaxe do que sucedeu con moitos castros nos que se erixiron ermidas, igrexas ou cruceiros no lugar que ocupaban como proceso de cristianización de lugares que eran obxecto de lendas (cos mouros de protagonistas na súa maioria) e cultos pagáns por parte do pobo.
[editar] Temas
A temática dos petróglifos pódese distinguir en dous: temas naturalistas e temas xeométricos ou abstractos. Os naturalistas son os máis característicos da arte rupestre galaica ó ar libre (a pesar de ser menos abondosos cós xeométricos/abstractos), por mor da súa orixinalidade que a diferencia doutras zonas atlánticas[1]. Pola contra, os xeométricos ou abstractos son os máis abundates e os que están máis espallados xeograficamente.
- Nas representacións naturalistas destacan as representacións zoomorfas, antropomorfas e de certas armas:
- Nas representacións zoomorfas os cérvidos acadan o 95% do total de figuras deste tipo, o que fala da importancia deste animal na sociedade da época (tanto alimentar, como o seu uso das peles ou ósos e como animal simbólico do seu mundo mítico). Ademais tamén son representados cabalos (xeralmente montados por unha figura humana), bóvidos e serpes.
- As representacións antropomorfas adoitan ir asociadas a figuras animais, así principalmente a figura humana aparece representada en escenas de caza, pastoreo ou, como se dixo antes, cabalgando. As representacións humanas son moi esquemáticas e simples.
- Nas representacións de armas distínguense sobre todo as espadas curtas, os puñais, as alabardas e os escudos. Porén, nalgúns casos, é difícil distinguir se se pretende debuxar un arma ou distinguir cal é. É o caso de diversos deseños, tanto circulares coma triangulares, que poden suxerir un escudo.
- As representacións xeométricas ou abstractas son as máis abondosas, con exemplos coma os círculos concéntricos, deseños labirínticos (salientando os Labirintos de Mogor), deseños reticulados, espirais, puntos e cazoletas. Todas estas representación posúen un significado simbólico, aínda que é difícil interpretar o auténtico significado.
[editar] Xacementos
A maior parte dos petróglifos descubertos e que chegaron aos nosos días dan como resultado que é no sur de Galiza, na provincia de Pontevedra, na zona costeira que abrangue dende a ría de Muros ata a desembocadura do río Miño, e concretamente no val do río Lérez, onde se conservan a maior parte dos gravados. Canto máis nos afastamos deste lugar cara ao norte ou ás provincias de interior atopamos un número moi inferior e case sempre relacionados cos vales dos ríos.
Algúns dos xacementos máis destacados son os seguintes:
- Parque arqueolóxico de Campo Lameiro (Pontevedra) (conxunto considerado por moitos autores como a "Capela Sistina" dos petróglifos galegos).
- Labirintos de Mogor (Marín, Pontevedra).
- Vigo, destacando o da Pedra Moura ou petróglifo do Fragoselo, en Coruxo ou o petróglifo das Millaradas.
- Castriño de Conxo, no concello de Santiago de Compostela.
- Auga da Laxe, no concello de Gondomar.
- Petróglifos de Fontemoureira, lugar do Freixo, concello de Outes.
- Petróglifos do Monte Farelo, no concello de Antas de Ulla.
- Coto do Corno, no concello de Teo.
- Pedra redonda en Cotobade.
[editar] Conservación
Cando se visite unha "estación" con petróglifos non se deben tocar e moito menos pintar con xiz ou ceras escolares para que saian ben na foto. Isto deterióraos. Os especialistas pódeno facer contando sempre cun permiso previo da Dirección Xeral de Patrimonio e utilizan técnicas non destrutivas. Se se quere obter boas fotos abonda con esperar ás últimas luces do día, cando os raios do sol inciden lateralmente sobre os sucos e resaltan o seu trazado.
[editar] Galería de Imaxes
-
- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de petróglifos de Galicia
|
Gravados do Castriño de Conxo que representa distintas armas. |
|||
|
Petróglifos de Fentáns en Cotobade. |
Petróglifos do Lombo da Costa en Sacos, Cotobade. |
[editar] Notas
- ↑ 1,0 1,1 CAAMAÑO GESTO, José Manuel: "A Gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 2: O Calcolítico e a Idade de Bronce". ISBN 978-84-96931-02-2.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Costas Goberna, F. J., J. Hidalgo Cuñarro e Antonio de la Peña Santos (1999), Arte rupestre no sur da Ría de Vigo, Vigo. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN 84-89599-13-0.
- de la Peña Santos, Antonio (1999), Os petroglifos galegos, A NOSA TERRA. ISBN 84-89976-68-6.
- de la Peña Santos, Antonio e Vázquez Varela, J. M. (1996), Los petroglifos gallegos. Grabados rupestres prehistóricos al aire libre en Galicia, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-85134-99-0. (3ª edición)
- García Alén, Alfredo e De la Peña Santos, Antonio (1981), Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra, Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-04-1.
- Guitián Castromil, Jorge e Xoán Guitián Rivera (2001), Arte rupestre do Barbanza, Noia. Editorial Toxosoutos. ISBN 84-95622-21-1.
- Sobriño Buhigas, Ramón (2000), Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-956-3. (orixinal de 1935)
- Vázquez Varela, J. M. (1990), Petroglifos de Galicia, Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-655-X.
- Vázquez Rozas, Roberto (1997), Petroglifos de las Rías Baixas gallegas, Pontevedra. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-89690-00-6.
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Mapa virtual de petróglifos de Galicia.
- Petróglifos e arte rupestre en Galicia.
- A arte rupestre de Galicia.
- Análise do contexto sociocultural dos petróglifos en Galicia
- Os gravados rupestres de Oia no contexto dos petróglifos do Suroeste galaico.
- Petróglifos por teléfono (con imaxes de moitas gravuras galegas).