Petaquias de Ratisbona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Percorrido aproximado da viaxe de Petaquias.

Petaquias de Ratisbona, tamén coñecido co nome de Petachiah Ben Yakov, Moses Petachiah ou Petachiah de Regensburg, foi un viaxeiro e rabino de finais do século XII e principios do XIII célebre por ter relatado as súas viaxes pola Europa do Leste, a rexión do Cáucaso e Oriente Medio.

Biografía[editar | editar a fonte]

Petaquias naceu en Ratisbona, Baviera. Era irmán do tamén rabino Isaac ben Jacob ha-Lavan, un famoso xurista xudeu. Durante a súa infancia viviu baixo a tutela probablemente de estudosos como Xudá o Piadoso (Yehuda ben Shmuel). Foi autor de varias glosas no Talmud. Aínda sendo novo, deixou Ratisbona, unha cidade onde a comunidade xudea era ben recoñecida pola súa piedade e interese nas escrituras de tal forma que se lle chamaba ás veces a Atenas xudaica e se estabeleceu en Praga.

As datas concretas das súas viaxes sonnos aínda descoñecidas. Podemos pensar que saíu de Praga nalgún momento entre 1170 e 1180, e estivo con certeza en Xerusalén antes de 1187, xa que a describiu baixo o Reino de Xerusalén. Xa que se supón que Xudá o Piadoso foi quen compilou as notas da edición pervivinte do caderno de viaxes de Petaquias, debe de ter regresado a Ratisbona antes da data da súa morte, que sabemos que foi en 1217. Porén descoñecemos a data da morte de Petaquias.

A viaxe[editar | editar a fonte]

Petaquias viaxou ao leste desde Bohemia, a través de Polonia, Bielorrusia, o sur de Ucraína (que el chamou Kedar) e Crimea. Describe os rescoldos dos cazares e os principios da comunidade caraíta de Crimea. A continuación, dirixiuse cara o sur a través dos Kipchaks e o Cáucaso en Armenia, residindo por un tempo en Nísibis. Desde aló viaxou a Mesopotamia, visitando as cidades de Nínive, Sura, Pumbedita e Bagdad antes de pasar a Persia. Virando ao oeste, remontou o río Éufrates e chegou a Siria, visitando Alepo e Damasco. Viaxou polo Reino de Xerusalén, visitando os lugares santos en Galilea e Xudea, de onde puido embarcar, dado que o seguinte lugar que describe é Grecia. A partir daí suponse que regresaría a casa polos Balcáns.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]