Periciclo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anatomía da raíz primaria de Iris florentina. 1. Célula de paso da endoderme, 2. Célula do parénquima cortical ou córtex, 3. Endoderme, coas súas células con engrosamento en forma de «U», 4. Células do periciclo, 5. Células do floema, 6. Elemento dos vasos do xilema.

En botánica, o periciclo ou pericámbium é un tecido que rodea o cilindro vascular da raíz das plantas vasculares, situado por debaixo da endoderme e formado por células de características parenquimáticas.

Este tecido está formado por unha ou por varias capas de células. Ten unha capa na maioría das anxiospermas. Ten varias capas nas ximnospermas e algunhas anxiospermas, entre elas monocotiledóneas como varias especies de gramíneas e Dracaena, Agave, palmeiras, Smilax, e dicotiledóneas como Celtis, Salix, Castanea, Morus e Calycanthus. O periciclo pode estar ausente en casos excepcionais, como ocorre nas plantas acuáticas e nas plantas parasitas. [1]

As células do periciclo son parenquimáticas, de paredes delgadas, alongadas, rectangulares en sección lonxitudinal. O periciclo pode conter laticíferos e condutos secretores. En certos casos a capa de células que o forman queda interrompida pola diferenciación de elementos do xilema e floema. [2]

Nas espermatófitas o periciclo ten actividade meristemática, é dicir, funciona como un meristema, xa que orixina parte do cámbium, o felóxeno e as raíces laterais [3]. Nas plantas monocotiledóneas que non teñen crecemento en grosor o periciclo con frecuencia esclerifícase nas raíces vellas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 526-527. ISBN 84-282-0169-2.
  2. Valla, Juan J. (2007). Botánica. Morfología de las plantas superiores. (1a ed. 20a reimp. ed.). Buenos Aires. pp. 352. ISBN 950-504-378-3. 
  3. Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxina 189. ISBN 84-7102-990-1.