Perfecto Conde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Perfecto Conde Muruais, nado en Xinzo (A Pontenova) o 13 de abril de 1943, é un xornalista e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Fillo de labregos e incentivado polo mestre Enrique Muruais, da súa familia, estudou por libre os catro primeiros cursos do bacharelato en Lugo, e despois Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde foi compañeiro de Carlos Casares, Luis Cochón, Mauro Fernández, Arturo Reguera, Marisa Melón ou Vicente Álvarez Areces. En 1969, co único propósito de conseguir un permiso no servizo militar que estaba facendo en Santiago, ingresou na Escuela de Periodismo de la Iglesia de Madrid.

Xornalismo[editar | editar a fonte]

Rodrigo Royo, fundador e director de Diario SP, deulle o primeiro traballo neste xornal. Pouco despois, mentres exercía no xornal Noticias Médicas, tomou contacto con Raimundo García Domínguez (Borobó), que dirixía a revista Chan. Mentres tanto, empezou a escribir nos semanarios Triunfo e Actualidade Económica.

En 1972 o editor asturiano Silverio Cañada contratouno para coordinar a posta en marcha da Gran Enciclopedia Gallega, que empezou a publicarse en 1974. Perfecto Conde participou, anos despois, no consello asesor da reedición desta enciclopedia que fixo o diario El Progreso de Lugo.

En 1975, chamado por Luis Mariñas, incorporouse á redacción en Galicia de Televisión Española, onde foi pioneiro da utilización do idioma galego neste medio, con programas como Panorama de Galicia e Concellos. Nese tempo entrevistou a diversos persoeiros da cultura galega, como Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Domingo García-Sabell, Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane, Valentín Paz Andrade, Rafael Dieste, Sebastián Martínez Risco, Ánxel Fole, Xesús Alonso Montero etc. Ó mesmo tempo, era correspondente en Galicia da BBC de Londres, na que tivo que asinar co pseudónimo de Antonio del Eo por razóns políticas, e traballou tamén para a Radiodifução Portuguesa.

En 1976, cando empezou a publicarse o xornal El País, incorpórase como correspondente en Galicia, oficio que desempeñou ata 1982. Así mesmo formou parte do equipo de redacción de Interviú, primeiro como delegado en Galicia, ata 1984, e logo como xefe de Investigación e redactor xefe na redacción central do Grupo Zeta en Madrid.

Perfecto Conde colaborou co semanario Tiempo, así como cos xornais galegos La Región e El Progreso e cos cataláns El Periódico de Catalunya e Avui. De volta a Galicia en 1995, dirixiu a revista Gam durante unha curta etapa e foi xefe do Gabinete de Prensa do Concello de Ferrol dende xullo 1999 ata xuño de 2003. En setembro dese ano incorporouse ao semanario A Nosa Terra como redactor de Investigación.

Obra[editar | editar a fonte]

Froito das investigacións xornalísticas que levou a cabo en Colombia, México, Brasil, Arxentina e noutros países, en 1991 publicou o libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína (Ediciones B, Barcelona), e tres anos despois Memoria infinda (Santiago de Compostela).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]