Período orientalizante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como período orientalizante á etapa que viviron as distintas rexións de Grecia dende finais do século VIII a. C. e durante o século VII a. C. O nome do devandito período provén da influencia que pobos máis orientais -como Fenicia e o Imperio Asirio na súa derradeira etapa-, que amosan os novos materiais (tecidos, marfís), manufacturas e técnicas artísticas gregas durante este período. En ocasións considérase a este período como unha etapa de transición á Época Arcaica.

Comezos do período orientalizante[editar | editar a fonte]

A finais do século VIII a. C., o aumento demográfico grego levoulles a iniciar un proceso de colonización polo Mediterráneo. Esta expansión colonial levoulles a tomar contacto con outros pobos mediterráneos e a intensificar a súa actividade colonial, moi estragada trala Idade Escura.

Estes contactos introducen en Grecia novos materiais e técnicas artesanais que permitirán desenvolver a cerámica, a escultura e a arquitectura.

Creta será unha das primeiras áreas en acusar o influxo oriental a través de tecidos, marfís, etc. A mostra máis famosa desta influencia será unha serie de escudos votivos atopados no santuario de Zeus na cova do Ida polas súas escenas de clara inspiración asiria.

Arquitectura do período orientalizante[editar | editar a fonte]

A arquitectura grega desta época comeza a amosar o que será o patrón arquitectónico clásico. Os templos comezan a planta rectangular, desaparecendo a ábsida típica de etapas anteriores e comezando o esquema típico con pronaos, cella e opistodomos.

Entre os exemplos máis coñecidos deste período destacan o templo de Apolo en Thermon (mediados do século VII a. C.), que substitúe ao megaron de época anterior. Outro gran templo de finais do século VII é o templo de Hera en Olimpia, ou Hereo, así como o templo A de Prinias en Creta.

Rexionalización segundo a cerámica[editar | editar a fonte]

A forma de datación máis empregada para analizar o período orientalizante é, do mesmo xeito que para as épocas anteriores, a cerámica. Con todo durante esta época, en contraste coa relativa homoxeneidade do período xeométrico, a cerámica grega vaise diversificar segundo a rexión póndose á cabeza da produción a cerámica corintia, cuxo estilo se coñecerá como estilo protocorintio.

Tamén terán un importante desenvolvemento as producións áticas, as cales coñeceranse como de estilo protoático. Deste estilo desenvolveranse a cerámica de figuras negras, primeiro, e a cerámica de figuras vermellas despois.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Período orientalizante