Peixe pau

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peixe pau
Molva dypterygia
Peixe pau
Peixe pau
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Orde: Gadiformes
Familia: Lotidae
Xénero: Molva
Especie: M. dypterygia
Nome binomial
Molva dypterygia
Pennant, 1784
Sinonimia
  • Gadus dypterygius Pennant, 1784
  • Molva dypterygia dypterygia (Pennant, 1784)
  • Molva dipterygius (Pennant, 1784)
  • Gadus abyssorum Nilsson, 1832
  • Molva abyssorum (Nilsson, 1832)

O peixe pau,[1] [2] Molva dypterygia, tamén coñecida como maruca azul,[3] é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos lótidos, que vive nas costas do Atlántico norte.

Esta especie, descrita por Pennant en 1784 (como Gadus dypterygius), vive nas primeiras capas das augas profundas, polo que aínda é pouco coñecida. Ademais, é unha das numerosas especies de peixes cuxas poboacións parece que diminúen rapidamente desde que, na década dos anos 1970, os arrastreiros pescan nas zonas onde os reprodutores se reúnen para a posta.

Moitas veces o peixe pau é confundido cunha especie moi semellante, Molva macrophthalma, a maruca do Mediterráneo,[3] de xeito que nalgunhas estatísticas sobre pesca, e en moitos mercados, estas marucas aparecen indistintamente con un ou outro nome.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Anatomía[editar | editar a fonte]

Moi semellante á maruca, da que se diferencia pola forma do corpo, moito máis alongada, ademais pola mandíbula proxectada cara á adiante, sobrepasando ao maxilar superior.[5] Mide xeralmente de 70 a 110 cm de longo, pero a lonxitude máxima é de 155 cm.[6]

A cabeza é grande, así como os ollos, presentando unha única barbela no mento. Ten dúas aletas dorsais, a primeira pequena, triangular, e con de 10 a 12 raios; a segunda é longa, estendéndose desda a primeira até o pedúnculo caudal; a aleta anal é semellante á segunda dorsal, pero máis curta; as pectorais son estreiutas e alongadas, e as pelvianas, situadas debaxio da cabeza, teñen o segundo raio maís longo que os outros. O corpo está cuberto de pequenas escamas e é de cor cobriza polo dorso, cos flancos de cor azul prateada e o ventre é abrancazado.[2]

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Vive en augas profundas, entre os 350 e os 500 m, aínda que se ten atopado entre os 200 e os 1 000 m. Aliméntase de crustáceos e de peixes (gobios, peixes planos e outros),[2] e de diversos invertebrados bentónicos.

ASlcanza a madurez sexual entre os 6 e os 12 anos de idade, reproducíndose de maio a xuño en fondos de 500 a 1 000 m.[2]

A súa área de distribución abarca gran parte do Atlántico norte, desd as costas do norte do Canadá (península do Labrador e a illa de Terranova, o sur de Groenlandia, Islandia o norte da península Escandinava e Rusia occidental, até as costas da península Ibérica, o norte de Marrocos e o Mediterráneo occidental, pasando polas cosas das illas Azores.[6] [7]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia varios autores rexistraron a súa presenza, como de Buen, en 1932, citándoa como M. elongata (un sinónimo de M. macrophthalma) ou Lozano e Rey, que a cita en Pontevedra en 1960 como M. macrophthalma; Fernández et al. (1978, 1979) e Fariña et al. (1983), e como M. dypterygia, en toda a plataforma continental galega en fondos de máis de 200 m, desde a desembocadura do Miño até Ribadeo.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez Solórzano et al. (1983)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Rodríguez Villanueva et al. (1995)
  3. 3,0 3,1 Lahuerta e Vázquez (2000)
  4. Ver páxinas 17 a 23 da avaliación do 2008 do ICES ICES Advice 2008, Book 9.
  5. 5,0 5,1 Solórzano et al. (1983)
  6. 6,0 6,1 Icelandic Fisheries.
  7. Mapa en FishBase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingïue de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]