Pedro de Mena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pedro de Mena y Medrano
Pedro de Mena y Medrano
Busto de Pedro de Mena na Calle Afligidos de Málaga, xunto á que foi a súa casa-taller.
Nacemento: agosto de 1638
Granada, España
Falecemento: 13 de outubro de 1688
Málaga, España
Nacionalidade: Española
Ocupación: Escultor barroco
Cónxuxe(s): Catalina de Vitoria Urquízar

Pedro de Mena y Medrano, nado en Granada en agosto de 1628 e finado en Málaga o 13 de outubro de 1688, foi un escultor do barroco español.

Dedicouse principalmente á realización de imaxinería relixiosa, oficio ao que tamén se adicara seu pai, Alonso de Mena, e de quen herdou un taller en Granada. Ademais, tivo outro taller instalado durante trinta anos en Málaga, a onde se dirixira para participar nunha das súas obras máis recoñecidas, o cadeirado do coro da Catedral de Málaga. Nesta cidade executou moitos encargos, especialmente para ordes relixiosas. [1]

Nas súas obras destacan: os rostros e trazos alongados das súas figuras, as roupas traballadas cuns perfís extremadamente finos e a policromía empregada (cores en forte contraste) e o realismo nas encarnaduras, que se amosa claramente e, sobre todo, na súa Magadalenta Penitente, «Dolorosas» e «Ecce Homo». Debido ao grande impacto que produciu a imaxe de San Francisco de Asís realizada para a Catedral Primada de Toledo e grazas á intervención do cardeal Moscoso y Sandoval, antigo coñecido de seu pai, foi nomeado mestre maior da mesma.[2]

Traxectoria humana e profesional[editar | editar a fonte]

A Dolorosa, talla de madeira policromada, conservada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid.

Foi bautizado o 29 de agosto de 1628 en Granada na desaparecida parroquia de Santo Andrés. Os seus pais foron Alonso de Mena, famoso escultor, e a súa segunda esposa Juana de Medrano. Os seus primeiros anos de aprendizaxe pasounos co seu pai xunto con outros aprendices entre os que se encontraba Pedro Roldán. Ao falecer seu pai en 1646, Pedro, con dezaoito anos, fíxose cargo do taller, que compartiu a partir de 1652 con Alonso Cano —cando este regresou a Granada desde Madrid, para actuar de racioneiro na catedral—,[3] con quen traballou e colaborou estreitamente, pondo á súa disposición o seu propio taller. Grazas a esta colaboración, Mena puido asimilar uns procedementos de traballo máis elaborados e un novo concepto estético que desenvolveu pola vía da perfección técnica e o realismo.

O 5 de xuño de 1647 casou con Catalina de Vitoria y Urquízar, natural de Granada e de 13 anos de idade, coa que tivo seis fillos antes da súa marcha a Málaga, dos que sobreviviron tres que se fixeron relixiosos. Durante a súa estancia en Málaga tiveron outros oito fillos, quedando en vida só dous, José, capelán real na Capela Real de Granada e Juana Teresa no Císter, onde xa estaban as súas irmás Andrea e Claudia Juana.[4] Redactou o seu primeiro testamento en 1666; pero é no realizado en 1675 cando fala da súa filla Juana que aínda non tiña seis anos:

... e desexa vivir e permanecer en estado de relixión, gardando pureza e castidade, polo que desexamos que sexa relixiosa por ser dos estados máis perfectos e seguros para a salvación.[5]

Polas súas firmes crenzas relixiosas, pediu ser enterrado entre as dúas portas da igrexa do Císter para que a súa lápida fora pisada por todos os fieis que entraran na igrexa.

Mena mantivo unha gran vinculación relixiosa con distintas confrarías e foi irmán maior da do gremio de artistas do Santísimo Corpus Christi, Ánimas e Misericordia.

Loitou e conseguiu ser aceptado como familiar da Inquisición en 1678. Este feito significaba un ascenso social, xa que supoñía un recoñecemento público de limpeza de sangue e ademais levaba implicados certos privilexios como o verse libre de pagar impostos. As súas grandes amizades foron sobre todo eclesiásticas, segundo Palomino:

...foi un home da primeira estimación, e así nunca se acompañou senón coa primeira nobreza, levándoo o señor D. Frei Alonso[6] ao seu carón nos paseos públicos e recreos da caza.[7]

Permaneceu en Granada até que en 1658 foi chamado polo bispo de Málaga, Diego Martínez de Zarzosa, para realizar o cadeirado do coro da Catedral da Encarnación de Málaga. Nesta cidade, excepto unha estancia en Madrid entre os anos 1662 e 1663, montou o seu taller definitivo con grande éxito de encargos, até o seu pasamento no mes de outubro de 1688.[8]

San Xoán Bautista Neno (1674), Museo de Belas Artes de Sevilla.

Foi nomeado mestre maior de escultura da catedral de Toledo en maio de 1663 por iniciativa do cardeal Baltasar Moscoso y Sandoval, onde se encontra San Francisco de Asís, unha das súas mellores obras. Regresou a Málaga e, demostrando grandes dotes empresariais, deixou en Madrid un representante encargado de recoller posibles encargos e de subministrarlle material necesario para o seu traballo.

Os seus traballos fóronse estendendo por toda a península; crese que coa colaboración do seu fillo Alonso, xesuíta, xa que se atopan numerosas obras de Mena en templos desta orde en Alcalá de Henares, Madrid, Marchena, Sevilla e incluso na Cidade de México ou Lima.

Destacou pola súa gran capacidade de traballo así como polos seus dotes administrativos e a súa visión comercial.[9] Adquiriu un patrimonio que lle permitiu unha vida folgada e unha respetable posición que conseguiu ao ser nomeado tenente de alcalde da fortaleza de Gibralfaro en 1679. Neste mesmo ano, meses máis tarde, afectado pola enfermidade da peste, volveu redactar o que sería o seu terceiro e derradeiro testamento, onde detallou a propiedade de seis vivendas e regalou ao convento de Santa Ana do Císter, a cambio da súa sepultura, a parella de bustos dunha Dolorosa e un Ecce Homo.[10] Non sucumbiu á peste pero deberon quedarlle secuelas xa que, a partir de entón, puxo á fronte do taller o seu discípulo Miguel Félix de Zayas. Este, despois da morte do seu mestre, asinou a súa escasa obra coñecida como «discípulo de Pedro de Mena».[11] Durante estes últimos anos de vida, crese que a participación de Mena nos traballos do taller limitouse a debuxar e a facer bosquexos, xa sempre con modelos repetidos, pero que cumprían os encargos solicitados ao taller. Recibiu sepultura no convento do Císter o 14 de outubro de 1688.

En 1876, a abadía cisterciense de Santa Ana de Málaga foi derribada e localizáronse os seus restos nunha caixa de piñeiro, entón foron trasladados á igrexa do Santo Cristo da Saúde, até o seu novo traslado en 1996 á actual igrexa do Císter, moi cerca da casa onde viviu e morreu, onde segue enterrado nunha pequena capela cos bustos da Dolorosa e o Ecce Homo, que realizara e doara ao convento derrubado.

Estilo[editar | editar a fonte]

Ecce Homo do Museo Diocesano e Catedralicio de Valladolid, vese como a policromía dá carácter á talla.

Nas súas primeiras obras apréciase perfectamente o estilo do seu pai, que vai mudando pouco a pouco, segundo autores como Antonio Palomino[12] ou Ceán Bermúdez. A grande influencia que tivo Alonso Cano sobre a súa obra artística apréciase en que os rostros femininos os vai facendo máis ovalados, os pescozos máis longos, o nariz perfilábao estreitándoo e reducía a boca.[13] A partir da súa estancia en Málaga foi proxectándose cara a un estilo moito máis realista e naturalista, ademais de ir adquirindo un gran dominio técnico na talla e policromía. O coñecemento das obras e artistas casteláns lévao a simplificar as formas e os volumes das súas figuras, sobrecargando en cambio o seu contido espiritual; é cando conseguiu as súas mellores obras. Só na súa última etapa os modelos volvéronse máis simples, e é onde se aprecia a súa mestría e habelencia técnica, xa que sen moito esforzo, realizaba obras moi dignas.

Os modelos iconográficos que empregaba na súa gran maioría non eran creacións persoais, senón que estaban inspirados nos realizados polos seus achegados: seu pai, Alonso de Mena —seu gran mestre—, Alonso Cano, Gregorio Fernández, Pablo de Rojas. Outro punto de inspiración foron pinturas ou estampas; aínda que en Mena, a calidade da técnica é o que imperaba, dando como resultado túnicas e mantos que parecen teas finísimas e rostros que expresan unha gran espiritualidade. Toda a súa produción foi de tema relixioso excepto as imaxes dos Reis Católicos das catedrais de Granada e Málaga.

A pesar de ser unha época de grande auxe das irmandades penitenciais de Semana Santa, só se ten noticia da realización dunha escultura, concretamente dun Nazareno en 1679 para a cidade de Lucena, que por non ter o mecanismo de articulación no brazo que debía bendicir, non foi do agrado da confraría.[14] Mena dedicouse sobre todo a tallas xeralmente pequenas, con temas como o Neno Xesús, Santos, Inmaculadas, Dolorosas e Ecce Homo, con só un Crucificado, desaparecido. De tamaño maior que o natural é o Cristo da Boa Morte do convento de Santo Domingo. As restantes obras de Cristos son tamén de tamaño menor.

Na súa primeira etapa de traballo ocupábase el mesmo do acabado das súas imaxes e da aplicación da policromía. Co tempo deixou este labor en mans dun pintor especialista que o realizaba sempre baixo a súa supervisión. Tamén aquí se advirte a influencia de Alonso Cano. Nos seus primeiros tempos a policromía empregada era con estufado de ricos motivos e bordos con cenefas e carnacións tostadas. A partir da súa colaboración con Cano, foi deixando as estofas e preferindo os tons lisos con cores contrastadas e o realismo nas austeras estameñas do hábito dos santos franciscanos. As carnacións fixéronse máis claras, engadíndose os postizos frecuentes da época: pelo natural, pestanas, dentes de marfil e ollos de cristal.

Período de Granada[editar | editar a fonte]

Entre as súas primeiras obras realizadas no taller do seu pai en Granada, atópase un San Francisco Solano, encargado polos marqueses de Priego no ano 1647 para o convento franciscano de Montilla. Trátase dunha talla de tamaño natural cos atributos propios do santo: unha cuncha para bautizar e un crucifixo na outra man, que se conserva na parroquia de Santiago, de dita cidade.[15] As mellores obras catalogadas deste primeiro período son: San Pedro e San Paulo do convento de San Antón, de tamaño mediano (123 cm); teñen as vestiduras talladas con pregos finos de gran naturalidade, unha policromía moi rica en estufados e tostada a pintura dos rostros.

A chegada de Cano ao taller e as súas mutuas colaboracións fan difícil precisar as autorías concretas. Na igrexa dos santos Xusto e Pastor pódense apreciar os catro evanxelistas, recolocados nun tabernáculo de finais do século XVII, que presentan unha gran policromía da mesma calidade que o San Xoán Bautista do convento de San Antón de Granada.[16] Palomino afirma que Mena executou as imaxes de San Xosé e Santo Antonio co Neno, San Diego de Alcalá e San Pedro de Alcántara, hoxe no museo de Belas Artes de Granada:

... con asistencia e modelos do seu mestre, quen lle deu as últimas carnacións... coas cales acabou de asentar o seu crédito en toda Andalucía, e aínda en toda España.[17]

Destas mesmas imaxes, Sánchez-Mesa en 1967, recalcaba que, aínda que talladas por Mena a partir de modelos de Cano e baixo a súa dirección, este debeu de introducir correccións. Estas esculturas resaltan pola súa elegancia, pola súa capacidade para captar as figuras en total illamento, co realismo que lle caracteriza; no xesto de San Diego de Alcalá, mentres levanta o hábito onde se produciu o milagre da conversión do pan en rosas, alza o seu rostro lixeiramente ladeado cara ás alturas; en San Pedro de Alcántara apréciase a súa actitude totalmente natural durante a redacción do seu libro que se encontra aberto e apoiado sobre a súa perna esquerda. Este tema foi representado varias veces por Mena ao longo da súa vida laboral.[18]

Na capela da Nosa Señora do Carme na catedral atópase a imaxe de San Elías, unha escultura moi expresiva, con gran movemento, que presenta o profeta brandindo a espada flamíxera coa man dereita, mentres sostén na contraria o libro das profecías; o rostro é o dun ancián con engurras, enxoito e enérxico con barba e unha longa cabeleira.[19]

Período de Málaga[editar | editar a fonte]

Pedro de Mena foi un home con inquietudes e ambición. Aceptou con dilixencia a invitación de asumir o proxecto da execución do cadeirado alto do coro da catedral de Málaga proposto polo bispo Martínez Zarzosa, coincidindo coa estancia de Cano outra vez en Madrid, coa intención de volver á súa cidade natal unha vez realizado o encargo. Pero a gran popularidade e prestixio que conseguiu con esta obra e a pouca competencia que había na cidade de Málaga, así como co aumento ininterrompido de encargos, fixéronlle montar un taller e permanecer nela até a súa morte.[20]

Cadeirado da catedral[editar | editar a fonte]

O bispo Martínez Zarzosa encargoulle en 1658 a terminación do cadeirado do coro da catedral, comenzada en 1630 polo escultor xienense Luis Ortiz de Vargas. Realizouse o contrato o 25 de xullo do mesmo ano para a realización de corenta paneis con imaxes de santos, propostos polo cabido catedralicio, nos que se inclúen mártires da igrexa universal e española, pais e doutores da Igrexa, fundadores e membros de ordes relixiosas, en fin, un amplo repertorio iconográfico, todos colocados no cadeirado alto. Neste traballo apréciase a influencia de Alonso Cano; por unha parte, imaxes dunha gran serenidade totalmente clásica, como a imaxe de San Lucas que serviu como modelo de presentación ao bispo, xunto co San Xosé co Neno inspirado nun debuxo de Cano co mesmo tema do Museo do Prado; e, por outra, as realizadas posteriormente, onde se ve o realismo e os detalles naturalistas como en San Ignacio de Loyola, Santo Agostiño, ou os patróns de Málaga, San Ciríaco e Santa Paula. Teñen gran calidade as anatomías de San Sebastián e San Xerónimo, que ao estar todo o traballo sen policromar, poderían resaltar máis os fallos. É evidente que esta é unha das súas obras máis importantes e mellor logradas.[21] Como «a oitava marabilla do mundo» considerou o coro da catedral de Málaga o pintor e escritor Antonio Palomino.[22]

Estancia en Madrid[editar | editar a fonte]

Trasladouse a Madrid e Toledo durante os anos 1662-1663 para coñecer a obra da etapa madrileña de Cano, ademais da de outros artistas e, aconsellado por este, para darse a coñecer na corte. Pouco despois, regresou a Málaga, onde deixara a familia, con encargos novos e deixando representante en Madrid para futuras obras.

San Francisco de Asís[editar | editar a fonte]

Na sancristía da Catedral Primada de Toledo encóntrase a imaxe de San Francisco de Asís de 83 cm, unha obra de imaxinería, que a pesar de que xa Palomino falaba dela, dando como autor a Pedro de Mena, estivo moito tempo durante o século XIX atribuída ao propio Alonso Cano. A iconografía que representou foi a momia do santo, tal como se describe cando foi contemplada cara ao 1449 polo papa Nicolao V na basílica inferior de San Francisco de Asís, na súa sepultura, posto de pé, cuberto con capucha, mirando cara ao ceo coas mans ocultas nas mangas e mostrando o pé descalzo coa chaga. Este achado foi amplamente difundido e chegou a España onde diversos artistas o representaron, como Zurbarán a través da pintura e Gregorio Fernández e Alonso Cano en escultura, incluso Mena xa o tratara no cadeirado da catedral de Málaga.[23] Quedaron moi compracidos coa súa obra, polo que o nomearon mestre maior de escultura da catedral de Toledo a instancias do cardeal Moscoso y Sandoval. O tema de San Francisco de Asís foi un dos máis frecuentes dentro da súa produción, con lixeiras variantes como a do museo Municipal de Antequera e a da igrexa de San Martín de Segovia.

Obras de madurez[editar | editar a fonte]

María Magdalena penitente[editar | editar a fonte]

Magdalena penitente no Museo Nacional de Escultura, Valladolid.

Pedro de Mena é especialmente recoñecido polas súas esculturas de María Magdalena en situación suplicante, que foi denominada como Magdalena Penitente.

A Magdalena de Mena é unha muller nova aínda que axada pola penitencia, coa cara ovalada e que mostra un gran sentimento cunha espiritualidade que reforza o nariz afiado, a boca pequena entreaberta e a mirada triste; unha gran cabeleira, máis escueta que a de Fernández, cáelle sobre os ombros. O dramatismo apréciase na man dereita aberta sobre o seu peito e seguindo a mirada da imaxe cara ao crucifixo que sostén na man esquerda; cobre o seu corpo cun tecido de esteira de palma até os nocellos, atado cunha soga formando un gran nó á cintura. Atópase de pé; asomando por debaixo do saio os pés descalzos e ten o esquerdo adiantado como en acción de botar a andar.[24] É unha peza de gran realismo que transmite profundo valor místico-espiritual que denota a influencia da escultura castelá de Gregorio Fernández.[25]

Tras a expulsión dos xesuítas pola Pragmática Sanción de 1767, pasou ao oratorio de San Filipe Neri até a desamortización de 1835. A imaxe gardárona as Salesas Reais até a súa exclaustración en 1870, cando foi trasladada ao Museo da Trindade. Máis tarde, en 1921, estivo no Museo do Prado que a depositou en 1933, por orde do goberno da II República, no Museo Nacional Colexio de San Gregorio, en Valladolid.[26] Esta obra, restaurada no Museo do Prado, retornou ao Museo de Valladolid en 2008.

Ecce Homo e Dolorosas[editar | editar a fonte]

O Ecce Homo é a representación do momento no que despois de ser azoutado Xesús, con coroa de espiñas, manto e soga ao pescozo, é mostrado por Poncio Pilato ao pobo segundo o evanxeo de Xoán (19, 5) e di: Ecce Homo, («este é o home»), que é o que dará nome a esta iconografía. Aínda que hai realizacións anteriores tanto en pintura como en escultura, é durante o Barroco cando se encontran máis mostras executadas por artistas na pintura (Tiziano) como na escultura (Alonso Berruguete, Juan de Juni, Diego de Siloé e sobre todo, Gregorio Fernández).[27] Non obstante, Mena optou pola realización de bustos de Ecce Homo, respondendo estes á necesidade de devocións familiares ou conventuais; todas son de dimensións relativamente pequenas. Ademais do Ecce Homo que custodia o Museo catedralicio de Valladolid, hai outros dous no Museo Nacional Colexio de San Gregorio: o que se expón habitualmente, e outro máis, adquirido en 2008.

O Cristo pode representarse de medio corpo cunha altura duns 95 cm e córtase a imaxe por debaixo das cadeiras, coas mans cruzadas e cos atributos de coroa de espiñas, soga e cana, como os exemplares de Budia en Guadalajara e o das Descalzas Reais en Madrid. Outro modelo ten o busto até os pectorais, cos brazos e as mans atadas e os atributos pertinentes, como o das Madres Mercedarias de Madrid. Por último, o tipo máis numeroso é o do busto curto representado até o arranque dos brazos, coa soga colgada do pescozo e a coroa de espiñas, logrando o impacto principal coa policromía do rostro. Entre eles están o do convento da Concepción de Zamora e a da casa Profesa da Cidade de México.

Dolorosa de busto curto, do Museo Diocesano e Catedralicio de Valladolid.

Como os Ecce Homo, as Dolorosas están realizadas cos mesmos tipos e mesmas medidas, sendo o máis corrente o de medio busto, onde aparece a Virxe cos brazos completos, como a gardada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid, a do Museo de Bela Artes de Granada, ou a das Descalzas Reais tamén de Madrid, de medio corpo con túnica vermella, veo branco e manto azul, cunha man sobre o peito e a outra estendida, no rostro os ollos entornados coa boca entreaberta e lágrimas sobre as meixelas, con dor contida; o modelado é sobrio e a talla dos panos finísima.[28]

Unha das creacións singulares da escultura granadina atribuída a Mena, é a de emparellar ambos bustos. Entre estes destacan o grupo do mosteiro das Descalzas Reais, datados en 1673, os procedentes da igrexa parroquial de Valdestillas que se gardan no Museo Diocesano e Catedralicio de Valladolid, da igrexa de San Luís dos Franceses de Sevilla ou os da igrexa de San Pedro de Lima.[29]

Esculturas dos Reis Católicos[editar | editar a fonte]

De toda a obra de Mena, as esculturas dos Reis Católicos para as catedrais de Granada e Málaga son as únicas que non son de tema relixioso.

O contrato para as efixies orantes dos reis, que debían colocarse na capela maior da catedral de Granada, rubricouse o 26 de agosto de 1675 entre os cabidos catedralicios, o municipal da cidade e por Pedro de Urrea en representación de Pedro de Mena:

... en atención y consideración a los muy esclarecidos e invencibles Señores Reyes Católicos de Castilla, Don Fernando y Doña Isabel, de feliz Memoria, con su poder y cristiano celo, ganaron y conquistaron esta ciudad y su reino, fabricando y edificando en ella muchos templos, a honra y gloria de Dios, Nuestro Señor, y su Bendita Madre, en especial mandaron edificar esta dicha Santa Iglesia Metropolitana, [...] que de presente se esta acabando con tanta grandeza que será uno de los mayores templos de España y para ilustrarlo, con mayor perfección, han determinado que [...]se coloquen las efigies de los Sres. Reyes Católicos[...] con la decencia y majestad que se debe.[30]

O escultor fixou a cantidade de 3.000 ducados pola realización da obra incluída a policromía, tendo mandado para a súa aceptación as condicións xunto con debuxos preparatorios a pluma e tinta con augadas. O debuxo de Sabela atópase no The Getty Center dos Ánxeles[31] e o de Fernando na Universidade de Leiden.[32] O traballo concluíse coa colocación das esculturas o 29 de decembro de 1676, Mena cobrou o último pago de 1.000 ducados o 11 de xaneiro de 1677. As imaxes realizadas en madeira de cedro teñen unhas medidas de 146x126x157 cm e están colocadas a uns oito metros do chan, en actitude orante ante o tabernáculo central da capela, axeonllados ambos sobre un coxín e coas mans unidas polas xemas dos dedos. Para o rostro de Sabela parece que tomou como modelo o da Virxe de Belén realizada por el mesmo, mentres que o de Fernando parece remitir ao do cenotafio real de Domenico Fancelli. A calidade das vestiduras talladas cos máis mínimos detalles queda resaltada pola magnífica policromía. A raíña loce o brial e o manto cun rico estofado con adornos de tipo vexetal, predominando as colores rubias e douradas; o rei atópase vestido cun manto vermello forrado de armiño e adornado con símbolos e emblemas dos monarcas. A pintura levouna a cabo o pintor Luis de Zayas como aparece nas condicións que remitiu Mena ao cabido, previas ao contrato.[33]

En 1676, seguramente ao ver as anteriores imaxes, encargóuselle a Mena a realización doutra parella real, tamén orantes, para a capela da Virxe dos Reis da catedral de Málaga, pertencente á Irmandade dos Racioneiros. As esculturas son de tamaño máis reducido que as súas homónimas da catedral de Granada. Nestas de Málaga móstranse máis humildes nas súas vestiduras e as cabezas dos monarcas están ladeadas cara arriba para orar en dirección da imaxe da Virxe co Neno que se encontra nun plano superior.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Magdalena penitente. Museo Nacional Colexio de San Gregorio (Valladolid).
  • Magdalena penitente. Igrexa de San Miguel e San Xulián de Valladolid.
  • Magdalena penitente. Igrexa da Magdalena de Valladolid.
  • San Pedro de Alcántara. Museo Nacional Colexio de San Gregorio (Valladolid).
  • Bustos en parella de Ecce Homo e Dolorosa. Museo Diocesano e Catedralicio de Valladolid.
  • Bustos en parella de Ecce Homo e Dolorosa. Museo do Císter, Málaga.
  • Bustos en parella de Ecce Homo e Dolorosa. Museo de Belas Artes de Málaga.
  • Cadeirado alto do coro da Catedral da Encarnación de Málaga.
  • San Francisco de Asís na Catedral de Toledo.
  • Os Reis Católicos. Catedral de Granada.
  • Os Reis Católicos. Catedral de Málaga.
  • A Dolorosa, no Museo da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid.
  • San Pascual Baylón. Museo catedralicio de Málaga.
  • Inmaculada. Igrexa de San Nicolao de Bari (Murcia).
  • María Santísima da Esperanza. Real Irmandade Sacramental de Paixón de Fuengirola.
  • Inmaculada. Museo do Císter, Málaga.
  • Inmaculada. Seminario de Málaga.
  • San Xoán Bautista Neno, (1674), Museo de Belas Artes de Sevilla.
  • Grupo escultórico do Sagrado Lavatorio. Ermida de Deus Pai de Lucena.
  • Cristo da Boa Morte e Ánimas (Cristo de Mena). Igrexa de Santo Domingo (destruído na queima de conventos de 1931; parte dunha perna non queimada completamente da escultura orixinal exhíbese no museo do Palacio Episcopal, e o pé gárdao a agrupación de Mena)
  • Virxe de Belén. Igrexa de Santo Domingo (destruído en 1931)
  • Cristo da misericordia. Parroquia do Carmen (Málaga) (destruído 1931)
  • Ecce homo e Dolorosa. Parroquia do Carmen (destruído en 1931)
  • A Soedade. Parroquia de San Paulo (Málaga) (destruído en 1931)
  • Virxe das Lágrimas. Igrexa dos Santos Mártires (Málaga) (destruído en 1931)
  • San Pedro de Alcántara. Igrexa dos Santos Mártires (destruído en 1931)
  • Bustos de xesuítas. Igrexa de Santiago Apóstolo (Málaga) (destruído en 1931)
  • San Xoán de Deus. Parroquia de Santiago Apóstolo (destruído en 1931)
  • Dolorosa das Servitas. Igrexa de San Felipe Neri (Málaga) (destruído en 1931)
  • Santa Ana. Parroquia de San Felipe Neri (destruído en 1931)
  • San Xosé. Parroquia de San Felipe Neri (destruído en 1931)
  • San Xoaquín. Parroquia de San Felipe Neri (destruído en 1931)
  • Dolorosa. Igrexa de Santo Agostiño (destruído en 1931)
  • Dolorosa. Basílica e Real Santuario de Santa María da Vitoria (Málaga).
  • Dolorosa da Catedral da Encarnación de Málaga.
  • Neno no berce. Museo do Císter, Málaga.
  • Aparición da Virxe a Santo Antonio de Padua. Museo de Belas Artes de Málaga.
  • Busto de Dolorosa. Convento de San Xosé de Málaga, similar á Dolorosa de Cuenca. (destruído en 1931)
  • San Elías. Igrexa da Encarnación. Alcaudete (Xaén).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gila Medina, Lázaro, (2007), p. 108
  2. Nicolau Castro, Juan, (1997) Pedro de Mena y la Catedral de Toledo, Universidade de Málaga, pp.467-468
  3. Gómez-Moreno, Manuel, (1964), p. 20
  4. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp. 49-51
  5. Gadoww, Marion Reder, La mentalidad religiosa de Pedro de Mena a través de sus testamentos en Actas do Simposio Nacional «Pedro de Mena y su época», 1990, pp. 179-194
  6. Frei Alonso de Santo Tomás ou Alonso Enríquez de Guzmán, fillo dos marqueses de Quintana e condes de Castronuevo, pero con fundadas sospeitas de ser un dos moitos fillos naturais de Filipe IV de España; foi bispo de Málaga de 1664 a 1692.
  7. Palomino, A., (1986), p. 325
  8. Historia Universal del Arte, Tomo XI, (1982), Madrid, Sarpe, ISBN 84-7291-599-9
  9. Dedicouse tamén ao negocio da seda, vendéndoa en rama ou en bruto para que a teceran. Este negocio non lle era alleo xa que súa avoa materna pertencía a unha familia de sedeiros do Albaizín granadino.
  10. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp. 12-13
  11. Gila Medina, Lázaro (2007) p.61
  12. Palomino, Antonio, (1986), pp. 322-325
  13. Ortueta y Duarte, R. (1988), pp. 35-44
  14. Gila Medina, Lázaro, (2007), p. 75
  15. AA.VV. (2002) Montilla en "Catálogo artístico y monumental de la Provincia de Córdoba", Tomo VII, Córdoba, p. 154, ISBN 978-84-8154-470-1
  16. Sánchez-Mesa, Domingo, (1971), Técnica de la escultura policromada granadina. Universidade de Granada, pp. 154-167
  17. Palomino, A., (1986) p. 323
  18. San Pedro de Alcántara foi beatificado en 1622 e canonizado en 1669, despertou un gran fervor popular que fixo que aumentaran os encargos de imaxes para a súa devoción.
  19. Esta escultura de san Elías mostrouse na exposición Iconografía y arte carmelitanos de 1991 en Granada.
  20. Gila Medina, Lázaro (2007) p.104
  21. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp.106-118
  22. Palomino, A., (1986), p.323
  23. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp. 118-122
  24. "Legado andalusí.Magdalena penitente". http://www.legadoandalusi.es/legado/contenido/rutas/obras/15585.htm. Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  25. Gila Medina, Lázaro (2007) p.124
  26. Gómez-Moreno, Manuel, (1964), p. 53
  27. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp. 175-178
  28. Gómez-Moreno, Manuel, (1964), p. 25
  29. Gila Medina, Lázaro, (2007), pp. 187-190
  30. Arquivo Histórico do Arcebispado de Granada, Caixa 48, Cartapacio A, folio 321
  31. "Study for a Statue of Queen Isabella" (en inglés). http://www.getty.edu/art/gettyguide/artObjectDetails?artobj=465. Consultado o 24 de febreiro de 2013. 
  32. LLordén, A., (1960) pp. 130-132
  33. Llordén, A., (1960) p. 132

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lázaro Gila Medina (2007). Pedro de Mena, escultor 1628 - 1688. Madrid, Arco. ISBN 978-84-7635-686-9. 
  • Manuel Gómez-Moreno (1964). La Gran Época de la Escultura Española. Barcelona, Noguer. Número rexistro: B-44-1964. 
  • Andrés Llordén (1960). Escultores y entalladores malagueños. Ensayo histórico documental (Siglos XVI -XIX). Ávila, Real Monasterio de El Escorial. 
  • Ortueta y Duarte (1914), Facsímile: Sánchez-Mesa, Martín (1988). Pedro de Mena. Málaga, Universidade-Colexio de Arquitectos. 
  • Antonio Palomino (edición de Nina Ayala Mallory) (1986). Vidas. Madrid, Alianza. ISBN 84-206-7056-1. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pedro de Mena