Pazo provincial de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Pazo provincial de Ourense é un edificio histórico desa cidade, que na actualidade acolle a sede da Deputación de Ourense.

Localización[editar | editar a fonte]

O edificio sitúase na zona sur do concello, na marxe exterior da cidade vella, sobre a rúa do Progreso. Atópase lindando co bispado, e a uns 200 metros da praza maior.

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio construíuse a finais do século XIX, co obxectivo de converterse nunha fábrica de afiaduras. Fora promovido pola familia Pérez Bobo. En 1895 a Deputación de Ourense mercou o local e o arquitecto Daniel Vázquez Gulías imprimiulle unha fonda reforma, onde lle engadiu o corpo central e pola que adquiriu a fasquía que se pode ver na actualidade.

Dende ese ano ata 1936 o edificio foi a sede da Deputación (segundo andar), da Audiencia provincial, do Goberno civil (primeiro andar), da biblioteca pública provincial e do centro de recrutamento. Durante a ditadura o edificio quedou destinado unicamente a goberno civil e deputación, e a rúa mudou de nome e pasou a chamarse General Franco. Nos anos sesenta o goberno civil pasou á súa localización recente do parque de San Lázaro, e o edificio quedou destinado unicamente ao servizo da Deputación. Ben entrada a democracia, a rúa recuperou o seu nome orixinal de Progreso.