Paulino Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPaulino Fernández
Biografía
Nacemento1925 Editar o valor em Wikidata
Surribas, España Editar o valor em Wikidata
Morte8 de marzo de 1989 Editar o valor em Wikidata (63/64 anos)
Surribas, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSuicidio Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlabrego Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata

Paulino Fernández Vázquez, nado en Surribas (Adá, Chantada) en 1925 e finado no mesmo lugar o 8 de marzo de 1989, foi un labrego galego, que se fixo famoso ao cometer o maior crime en serie da historia de Galicia.

O crime de Chantada[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os coñecidos de Paulino Fernández falan del como un veciño introvertido, tranquilo e serio, que se levaba ben con todo o mundo a pesar de ser unha persoa reservada[1]. Ó parecer, levaba tempo preocupado pola propiedade dunhas terras que mercara a uns parentes que vivían no Brasil[2], que non estaban ao seu nome no catastro, conforme relatou o seu avogado e daquela alcalde de Chantada, Sergio Vázquez Yebra, que falou na mañá do crime con el. Segundo o seu relato, o día dos acontecementos, Paulino amosábase máis nervioso e depresivo do normal e levaba un tempo obsesionado con que os seus veciños querían facerse coas terras recentemente adquiridas.[2] Esa mesma mañá falou tamén co notario e despois fixo algúns recados pola vila de Chantada co seu irmán, Marcelino Fernández, co que quedou a xantar na casa deste.

Paulino estaba casado, e non tiña fillos; a súa muller tiña problemas de mobilidade e cegueira logo dun accidente[3]. Dende 1971, Paulino sufría dunha síndrome depresiva que lle afectaba fisicamente e cuxo tratamento abandonou en 1988 ó non volver á consulta do seu psiquiatra.[4]

Os feitos[editar | editar a fonte]

O 8 de marzo de 1989 contra as tres e media da tarde, de volta xa en Surribas, Paulino Fernández saíu da súa casa e atacou cun coitelo da matanza o seu veciño José Gamallo. Este escapou xunto á súa muller, que chamou á Garda Civil.[2] Paulino volveu para a casa, sacou a pacer as vacas e foi con elas cara a Quinzán da Vila. De camiño atopou catro veciños dunha mesma familia traballando nunha leira, e atacounos. Tres deles morreron no momento, e a cuarta tentou escapar por unha pista cara a Adá, pero Paulino atrapouna e asasinouna tamén. Nese momento atopou outro veciño, atacouno e deixouno ferido grave.

Decidiu entón volver cara a Surribas por Quinzán do Carballo, e polo camiño atacou sete veciños máis, dos cales dous morreron no momento e unha máis faleceu ao cabo de vinte días polas feridas sufridas. No seu camiño tamén atopou outras persoas ás que non atacou.

Cando chegaron os gardas, Paulino xa volvera para a súa propia casa, de onde o seu irmán sacara a súa muller tras coñecer os sucesos.[2] Prendeu lume á vivenda con el dentro e deitouse na cama. Faleceu como consecuencia deste incendio.

As vítimas[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de Adá

Incluíndo o propio Paulino Fernández, houbo oito mortos[5]:

  • Avelina Moure Soengas (67 anos de idade)
  • Emilio Ramos Blanco (66)
  • José Lago García (59)
  • Celsa Sanmartín Ledo (63)
  • Aurora Sanmartín Ledo
  • Maximino Saa Sánchez (72)
  • Amadora Vázquez Pereira (43)

O enterro[editar | editar a fonte]

O día 10 de marzo, cinco das vítimas, e tamén Paulino Fernández, foron soterradas na igrexa parroquial de Adá.[4] O enterro do asasino realizouse unha hora antes da cerimonia conxunta das súas vítimas. A sexta vítima foi soterrada en Mato (Taboada).

Impacto cultural[editar | editar a fonte]

O crime de Paulino Fernández aparece citado na longametraxe A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (1993), do cineasta Antonio Blanco[6]. Tamén se menciona o seu nome nas cancións "Terra brava" de Os Diplomáticos de Monte Alto (1993)[7] e "Veraneo en Puerto Hurraco", de Def Con Dos (1999).[8]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]