Paulino Alcántara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paulino Alcántara
Información persoal
Nome Paulino Alcántara Riestrá
Nacemento 7 de outubro de 1896
Lugar de nacemento Cidade de Iloilo
Falecemento 13 de febreiro de 1964
Lugar de falecemento Barcelona
Posición dianteiro, dianteira
editar datos en Wikidata ]

Paulino Alcántara Riestrá, nado o 7 de outubro de 1896 na illa de Panay (Filipinas) e finado o 13 de febreiro de 1964 en Barcelona (España), foi un xogador e adestrador de fútbol, que defendeu durante 15 anos as cores do FC Barcelona (1912-1927), e que ocupou o cargo de seleccionador español en 1951.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Paulino Alcántara naceu en Filipinas, cando esta aínda era unha colonia española. Os seus pais eran unha muller filipina e un militar español destinado nas illas por razóns profesionais. En 1899 a familia chegou a Barcelona. Nos seus primeiros anos xogou no Universitary Sport Club, equipo hoxe desaparecido, e en 1911 foi contratado por Joan Gamper para o FC Barcelona.

Alcántara debutou no FC Barcelona o 25 de febreiro de 1912, con 15 anos e 4 meses de idade, anotando 3 goles. Hoxe aínda segue a ser o xogador mais novo en debutar e en marcar un gol co primeiro equipo do Barça. Era un xogador rápido, con potente disparo, que xogaba de medio punta facendo de enlace entre os centrocampistas e os dianteiros. En 1916 deixou o fútbol durante un ano para rematar os seus estudos de medicina en Filipinas. Xa de volta en España volveu ás ringleiras do FC Barcelona, uníndose ós Zamora, Samitier e Sagi Barba entre outros xogadores, que nos seguintes anos acadaron varias Copas do Rei e varios Campionatos de Cataluña, facendo que o Camp del Carrer Indústria no que xogaba como local o FC Barcelona quedase pequeno, obrigando a Joan Gamper a construír un novo estadio mais grande, o Camp de Les Corts.

Xogando como atacante, era famoso pola potencia do seu disparo. Recibiu o alcume rompe redes despois do sucedido o 30 de abril de 1922 en Bordeos, nun encontro España - Francia, no que Alcántara disparou con toda a súa forza, o balón entrou na portería, rompeu as redes, e golpeou na cabeza a un soldado francés que estaba a 12 metros facendo que perdese o coñecemento durante uns intres. O porteiro francés declarou tralo encontro que non vira pasar o balón, senón que simplemente escoitou como pasaba pola súa dereita como un obús. A lenda de Paulino Alcántara confírmase coas súas cifras goleadoras. Trátase do máximo goleador histórico do FC Barcelona, marcando 356 goles en 357 encontros (oficiais e amigables).

Como xogador da selección española, disputou 5 encontros, entre 1921 e 1923, nos que anotou 6 goles. Tamén xogou coa selección catalá (1915-1924) e coa filipina.

Alcántara gañou 5 Copas do Rei e 10 Campionatos de Cataluña co FC Barcelona. Nunca xogou un encontro de Liga, xa que a súa retirada, o 5 de xullo de 1927, foi anterior á disputa da primeira edición da Liga Española, na tempada 1928-29. Alcántara retirouse con 31 anos para adicarse á medicina.

Nos anos seguintes á súa retirada, compaxinou a medicina co deporte. En 1951 foi elixido con Félix Quesada e Luís Iceta para dirixir á Selección de fútbol de España durante 3 encontros, colleitando unha vitoria e dous empates. Foron substituídos por Ricardo Zamora ó ano seguinte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]