Paul Lafargue

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lafargue.jpg

Paul Lafargue, nado en Santiago de Cuba o 15 de xaneiro de 1842 e finado en Draveil o 26 de novembro de 1911, foi un xornalista, médico, teórico político e revolucionario francés.

Aínda que nun principio a súa actividade política se orientou a partir da obra de Proudhon, o contacto con Karl Marx (do que chegou a ser xenro ao casar coa súa segunda filla, Laura), acabou sendo determinante. A súa obra máis coñecida é O dereito á preguiza.

Mocidade[editar | editar a fonte]

O pai de Lafargue era un acomodado propietario de plantacións de café en Cuba, polo que Paul puido seguir os seus estudos en Francia. En 1851 a familia Lafargue mudouse a Bordeaux, e Paul estudou no Instituto de Tolosa. Posteriormente estudou Medicina en París.

Nesta cidade foi onde Lafargue comezou a súa carreira política e intelectual, adheríndose á filosofía positivista e entrando en contacto cos grupos republicanos que se opuñan a Napoleón III. A obra de Proudhon influíuno particularmente nesta etapa da súa vida, e foi como anarquista proudhoniano como Lafargue ingresou na sección francesa da Asociación Internacional dos Traballadores (AIT, máis coñecida como Primeira Internacional). Porén, axiña entrou en contacto con dúas das personalidades máis prominentes do pensamento revolucionario, Karl Marx e Louis Auguste Blanqui, cuxa influencia eclipsou por completo as tendencias anarquistas que até entón mostrara Lafargue.

Laura, filla de Karl Marx e esposa de Paul Lafargue.

En 1865, tras participar no Congreso Internacional de Estudantes en Liège, as universidades francesas prohibiron que Lafargue puidese ter relación algunha coas mesmas, polo que tivo que marchar a Londres para empezar alí de novo a súa carreira. En Londres converteuse nun asiduo da casa de Marx, onde coñeceu a súa filla Laura, coa que casaría en 1868. A súa actividade política tomou un novo rumbo en Inglaterra: foi elixido membro do Consello Xeral da Primeira Internacional e acabou sendo nomeado secretario correspondente para todo o relacionado con España (cargo que ocupou entre 1866 e 1868), pero ao parecer non conseguiu establecer ningún tipo de contacto serio coas organizacións de traballadores españolas. As organizacións españolas só entraron a formar parte da Internacional a partir da Revolución de 1868, mentres que a chegada a España do anarquista italiano Giuseppe Fanelli converteu o país nun bastión do movemento libertario (e non da corrente marxista que representaba Lafargue).

A oposición ao anarquismo de Lafargue volveuse notoria cando, ao seu regreso de España, escribiu unha serie de artigos nos que criticaba a influencia de Proudhon nalgunhas organizacións obreiras francesas. Esta serie de artigos supuxo o punto de partida dunha longa carreira como escritor de artigos políticos.

Etapa en España[editar | editar a fonte]

Paul Lafargue en 1871.

Tralo episodio revolucionario da Comuna de París de 1871, a represión política obrigou a Lafargue a emigrar a España. Estableceuse en Madrid, onde contactou con algúns membros locais da Internacional, sobre os que a súa influencia acabou sendo moi importante.

A diferenza do que ocorría noutros países europeos, a influencia do anarquismo foi enorme, aínda tratándose dun país tan abrumadoramente agrario como era España naquel momento. A maioría dos revolucionarios españois formaban parte da facción anarquista da Internacional (e o seu peso seguiu sendo enorme en España até a Guerra Civil). Lafargue dedicouse a intentar redirixir esta tendencia cara ao marxismo, tarefa na que estivo asesorado de preto por Friedrich Engels. Esta labor tiña tamén importantes implicacións a nivel internacional, xa que a federación española da Internacional era un dos piares principais da facción anarquista.

A tarefa encomendada a Lafargue consistía principalmente en reunir en Madrid un grupo marxista capaz de liderar a actividade revolucionaria. Ao mesmo tempo, Lafargue comezou a escribir unha serie de artigos anónimos para o periódico La Emancipación, nos que defendía a necesidade de crear un partido político da clase obreira (un dos principais puntos de desacordo cos anarquistas). Nalgúns destes artigos Lafargue expresaba as súas propias ideas acerca da necesidade de reducir a xornada laboral (unha concepción que non era allea ao pensamento do propio Marx).

En 1872, tras un ataque de La Emancipación contra o novo e anarquista Consello Federal, a Federación de Madrid expulsou aos que firmaran ese artigo. Ao pouco tempo, estes crearon a Nueva Federación de Madrid, un grupo que nunca chegou a ter unha grande influencia. A última actividade de Lafargue como activista político en España consistiu en representar a minoritaria sección marxista no Congreso de Den Haag de 1872, congreso que significou o final da Primeira Internacional como asociación unitaria de todos os socialistas.

Regreso a Francia[editar | editar a fonte]

En 1873 Lafargue trasladouse a Londres. Para entón xa deixara de exercer a Medicina, pois xa non tiña fe nela. Abriu un obradoiro de litografía, pero a escaseza dos ingresos que conseguiu con el obrigouno a pedir cartos a Engels (que era propietario de industrias) en varias ocasións. Grazas á axuda de Engels conseguiu entrar novamente en contacto desde Londres co movemento obreiro francés, que estaba empezando de novo a gañar base social, logo da tremenda represión reaccionaria que levara a cabo Adolphe Thiers durante os primeiros anos da Terceira República Francesa).

A partir de 1880 traballou de novo como editor do diario L`Egalité. Nese mesmo ano comezou a publicar nese xornal os primeiros bosquexos d' O dereito á preguiza.

Foi un activo militante na Comuna de París, e foi membro-fundador das súas seccións francesas, españolas e portuguesas. Lafargue foi tamén dirixente da II Internacional e un dos fundadores do Partido Obreiro francés en 1879.

Traballos[editar | editar a fonte]

  • O dereito á preguiza (Le Droit à la paresse, 1880). Crítica ao «Droit au travail» de 1848.
  • Le Parti socialiste allemand, 11 de decembro de 1881.
  • La Politique de la bourgeoisie, 18 de decembro de 1881.
  • Que veulent donc les seigneurs de l'industrie du fer ?, 18 de decembro de 1881.
  • Au nom de l'autonomie, 18 de decembro de 1881.
  • Le Sentimentalisme bourgeois, 25 de decembro de 1881.
  • M. Paul Leroy-Beaulieu, 25 de decembro de 1881.
  • L'Autonomie, 25 de decembro de 1881.
  • L'Ultimatum de Rothschild, 8 de xaneiro de 1882.
  • Les Luttes de classes en Flandre de 1336-1348 et de 1379-1385, 22 e 29 de xaneiro de 1882.
  • La Journée légale de travail réduite à huit heures, 26 de febreiro de 1882.
  • Un moyen de groupement, 12 de marzo de 1882.
  • La Base philosophique du Parti ouvrier, 1882.
  • Essai critique sur la révolution française du XVIII siècle, 1883.
  • Le Matérialisme économique de Karl Marx, cours d'économie sociale, 1884.
  • La Légende de Victor Hugo, 1885, panfleto escrito poucos días despois de acusar á clase média de oportunista
  • Une visite à Louise Michel, 1885.
  • Sapho, 1886.
  • Les Chansons et les cérémonies populaires du mariage, 1886.
  • Le Matriarcat, étude sur les origines de la famille, 1886.
  • La Circoncision, sa signification sociale et religieuse, 1887.
  • Le Parti ouvrier français, 1888.
  • Pie IX au Paradis, 1890.
  • Le Darwinisme sur la scène française, 1890.
  • Souvenirs personnels sur Karl Marx, 1890.
  • Appel aux électeurs de la 1re circonscription de Lille, 1891.
  • Origine de la propriété en Grèce, 1893.
  • Un appétit vendu, 1893.
  • Campanella, estudo sobre súa vida e a Cidade do Sol, 1895.
  • Idéalisme et matérialisme dans la conception de l'histoire, 1895.
  • Le Mythe de l'Immaculée Conception, estudo de mitologia comparada, 1896.
  • Les Origines du Romantisme, 1896.
  • Le Socialisme et la Science sociale, 1896.
  • La Fonction économique de la bourse, contribución á teoría do valor, 1897.
  • Le Socialisme et la Conquête des pouvoirs publics, 1899.
  • Origine de l'idée du Bien, 1899.
  • Le Socialisme et les Intellectuels, 1900.
  • Souvenirs personnels sur Friedrich Engels, 1904.
  • La Question de la femme, 1904.
  • Le Mythe de Prométhée, 1904.
  • Le Patriotisme de la bourgeoisie, 1906.
  • Origine des idées abstraites, 1909.
  • La Croyance en Dieu, 1909.
  • Le Problème de la connaissance, 15 de decembro de 1910.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Paul Lafargue