Patricia Highsmith

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Patricia Highsmith, nada co nome de Mary Patricia Plangman en Fort Worth (Texas) o 19 de xaneiro de 1921 e finada en Locarno (Suíza) o 4 de febreiro de 1995, foi unha escritora estadounidense, coñecida especialmente polas súas novelas de suspense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai e maila súa nai divorciáronse catro meses antes do seu nacemento. Marchou coa súa nai a Greenwich Village (New York), onde foi educada pola súa avoa materna, Willi Mae. En 1924 a súa nai casou con Stanley Highsmith, do que Patricia tomou o apelido. Non coñeceu ao seu pai biolóxico até os 12 anos. De nova tivo unha relación intensa e complicada coa súa nai, quen lle confesou que intentara abortar bebendo augarrás.

En 1942 graduouse no Barnard College en literatura inglesa, latín e grego. En 1943 empezou a traballar para a editorial Fawcett facendo sinopses de cómics, e nesa época descubre a súa homosexualidade, tema que tratou en 1952 na novela The Price of Salt, publicada orixinalmente co pseudónimo de Claire Morgan e reeditada en 1989 co título de Carol, aparecendo xa con Patricia Highsmith como autora.

Con 22 anos comezou a escribir a súa primeira novela, The click of the shutting, nunca publicada. En 1945, logo de pasar cinco meses en México, publicou dous relatos na revista Harper´s Bazaar. En 1950 publica a súa primeira novela, Strangers on a Train, coa que acadou gran sona pola adaptación cinematográfica feita un ano despois por Alfred Hitchcock.

En 1963 trasladouse a Europa, pois o pesimismo das súas historias e a crueldade materialista da súas análises éticos non tiñan boa acollida nos EUA, onde ademais as súas ideas políticas de trazo comunista contrariaban o american way of life. Residiu en East Anglia (Reino Unido) e en Francia, e os seus últimos anos pasounos en Tegna, en Suíza.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa vocación literaria comezou de ben nova, sendo unha gran lectora preocupada por cuestións relacionadas coa culpa, a mentira e o crime, que máis adiante se converteron en temas centrais da súa obra. Os seus personaxes, moi ben caracterizados, adoitan estar cerca da psicopatía, movéndose na liña entre o ben e o mal. A visión da realidade nas súas novelas e contos é depresiva, pesimista e sombría, así como o seu concepto sobre o ser humano. A temática homosexual aparece en dúas das súas obras.

Serie "Ripley" (1955-1991)[editar | editar a fonte]

O personaxe amoral de Tom Ripley foi creado logo dunha estancia en Europa. Trátase dun estafador que suplanta ás súas vítimas, e un ladrón e asasino ocasional. Non se somete á moral establecida e crea os seus propios valores. Non é castigado nin atrapado pola policía, e inicia un grande ascenso social. É o protagonista de cinco novelas:

Nas diversas adaptacións cinematográficas e radiofónicas, o personaxe de Ripley foi interpretado por Alain Delon, Dennis Hopper, Matt Damon, John Malkovich, Barry Pepper, Jonathan Kent e Ian Hart.

Outras novelas[editar | editar a fonte]

Libros de relatos[editar | editar a fonte]