Pasteureláceas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pasteurellaceae»)

As Pasteureláceas ou Pasteurellaceae son unha ampla familia de bacterias gramnegativas do filo das Proteobacteria que viven principalmente como comensais de animais e algunhas son patóxenas.[1] É a única familia da orde Pasteurellales[2]. A maioría dos seus membros viven como comensais nas superficies mucosas, especialmente do tracto respiratorio superior, de aves e mamíferos. Entre as patóxenas está Haemophilus influenzae, que causa infeccións en humanos; outras pasteureláceas causan xinxivite e chancros xenitais ou son patóxenos veterinarios importantes.

As Pasteurellaceae son tipicamente bacilares, e maioritariamente anaerobias facultativas. Poden distinguirse da familia próxima das Enterobacteriaceae pola presenza do encima oxidase, e doutras bacterias similares pola ausencia de flaxelos.

As bacterias da familia Pasteurellaceae foron clasificadas en varios xéneros baseándose nas súas propiedades metabólicas, pero estas clasificacións non son xeralmente exactas en canto ás relacións evolutivas entre as difeentes especies. H. influenzae foi o primeiro organismo de vida libre do cal se secuenciou o seu xenoma completo, que foi estudado intensamente por métodos xenéticos e moleculares. Desde 1995, a familia foise expandindo, xa que se foron engadindo xéneros desde os tres iniciais ata os actuais trece ao empezar a usarse as tecnoloxías modernas de identificación e clasificación baseadas na xenética. Moitos membros das Pasteurellaceae son excelentes modelos naturais para o estudo da patoxénese bacteriana e as interaccións hóspede-patóxeno aplicables a moitas doenzas humanas.[1]

Taxonomía e biodiversidade[editar | editar a fonte]

A familia Pasteurellaceae inclúe 38 especies debidamente clasificadas ademais doutras 24 probablemente mal clasificadas. A maioría dos taxons foron illados de mostras de individuos doentes de sangue quente, especialmente animais de granxa. Estas bacterias son parasitos obrigados ou comensais de vertebrados, que colonizan mucosas do tracto respiratorio superior, orofarinxe, e tractos reprodutores e posiblemente tamén de partes do tracto intestinal. A maioría dos taxons representan patóxenos potenciais. Os taxons implicados en enfermidades poden producir tanto infeccións sistémicas coma locais. Porén, a pneumonía é a máis frecuente. A información sobre a diversificación dos taxons dentro da familia só pode obterse mediante reconstrución filoxenética.[3]

Sinaturas moleculares[editar | editar a fonte]

As análises comparativas dos xenomas das Pasteurellaceae identificaron numerosos (>20) indeis sinatura conservados en importantes proteínas que son compartidos por todas as especies/cepas de Pasteurellaceae secuenciadas e exclusivos delas, xa que non se encontran noutros grupos bacterianos. Baseándose noutros indeis conservados que son específicos de subgrupos dentro das Pasteurellaceae, propúxose a división da familia Pasteurellaceae en polo menos dous clados.[4] Un dos clados propostos inclúe as seguintes especies: Aggregatibacter, Pasteurella, Actinobacillus succinogenes, Haemophilus influenzae, Haemophilus somnus e Mannheimia succiniciproducens; e o outro clado inclúe: Actinobacillus minor, Actinobacillus pleuropneumoniae, Haemophilus ducreyi, Haemophilus parasuis e Mannheimia haemolytica.

Toxina RTX[editar | editar a fonte]

As toxinas RTX son toxinas formadoras de poros bacterianas, que son particularmente abundantes entre as especies patoxénicas das Pasteurellaceae, nas que teñen unha importante función na virulencia. As toxinas RTX de varios patóxenos desta familia están directamente implicadas en causar lesións necróticas nos órganos diana. Moitas toxinas RTX coñécense principalmente como hemolisinas debido á súa capacidade de lisar eritrocitos in vitro, un efecto que parece que non é específico. Sábese que moitas toxinas RTX teñen como diana específica os leucocitos, nos que as toxinas RTX se unen á subunidade β (CD18) dos integróns β2 e despois causan un efecto citotóxico. Para varias toxinas RTX a unión ao CD18 é específica do hóspede e parece ser a base que determina o rango de hóspedes aos que afecta unha determinada toxina RTX. Observacións en especies moi relacionadas de Pasteurellaceae con diferentes toxinas RTX indican que estas últimas contribúen a unha parte significativa á especificidade do hóspede do patóxeno. As toxinas RTX inducen unha forte resposta inmunolóxica na que se xeran anticorpos neutralizantes. Constitúen importantes antíxenos para o desenvolvemento das modernas vacinas de subunidades.[5]

Captación de ferro[editar | editar a fonte]

As proteínas da membrana externa para a captación de ferro teñen un papel na infección e patoxénese e espertan cada vez máis interese como novas dianas para os compostos terapéuticos e antiinfectivos. A caracterización das proteínas da superficie celular de membros das Pasteurellaceae como Haemophilus, Actinobacillus, Pasteurella, e Mannheimia identificou varios receptores para a captación do ferro redundantes para a transferrina, sideróforos, e hemo/proteínas que conteñen hemo. Ademais, a identificación de varias lipoproteínas inmunoxénicas e proteínas da membrana externa levou a investigar sobre unha vacina con protección cruzada efectiva para estes organismos.[6]

Secuenciación do ADN[editar | editar a fonte]

Dispóñense de datos das secuencias de ADN das seguintes Pasteurellaceae: Aggregatibacter actinomycetemcomitans cepa HK1651, Actinobacillus pleuropneumoniae cepas L20 e sv1 4074, [Haemophilus] ducreyi cepa 35000HP, Haemophilus influenzae cepas 86-028NP, R2846, R2866, e Rd, Histophilus somni cepas 129Pt e 2336, Mannheimia haemolytica A1 cepa ATCC BAA-410, Mannheimia succiniciproducens cepa MBEL55E, e Pasteurella multocida cepa Pm70.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Kuhnert P; Christensen H (editors). (2008). Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9. 
  2. "LPSN Pasteurellales/Pasteurellaceae". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2013. Consultado o 03 de xullo de 2013. 
  3. Christensen H; Bisgaard M (2008). "Taxonomy and biodiversity of members of Pasteurellaceae". Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9. 
  4. Naushad HS, Gupta RS (2011) Molecular signatures (conserved indels) in protein sequences that are specific for the order Pasteurellales and distinguish two of its main clades. Antonie Van Leeuwenhoek,2012 Jan;101(1):105-24. Epub 2011 Aug 10 PMID 21830122
  5. Frey J (2008). "RTX Toxin Determined Virulence of Pasteurellaceae". Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9. 
  6. Chung; et al. (2008). "Outer Membrane Proteins and Iron Uptake of Actinobacillus pleuropneumoniae". Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9. 
  7. Challacombe JF; Inzana TJ (2008). "Comparative Genomics of Pasteurellaceae". Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9.