Pasteurella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pasteurella é un xénero de bacterias gramnegativas, anaerobias facultativas.[1][2] As especies de Pasteurella non son móbiles e son pleomórficas. A maioría das especies son catalase positivas e oxidase positivas.[3] A especie máis salientable é P. multocida.

O hábitat destes microorganismos pode ser o medio ambiente en xeral, pero máis frecuentemente forman parte da microbiota da rexión nasofarínxea de distintas especies de animais domésticos e aves.

Os medios de cultivo para este xénero son o ágar sangue e ágar chocolate. No BHI mostra unha característica especial, xa que forma colonias de cor cincenta, mucoides e cun cheiro característico.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira bacteria de Pasteurella foi descrita en 1879 por Henry Toussaint e Louis Pasteur. Os seus traballos permitiron a descuberta do axente causante da enfermidade chamada cólera das aves (Pasteurella multocida ou septica), e a obtención dunha vacina con xermes atenuados. O xénero e o nome Pasteurella foron propostos en 1887 polo bacteriólogo C. Trevisan en honor a Pasteur. O xénero chegou a incluír varias especies que despois foron reclasificadas, como Pasteurella pestis, que despois foi renomeada como Yersinia pestis, axente causante da peste bubónica, ou a antiga Pasteurella haemolytica, que despois se chamou Mannheimia haemolytica.

Patoxénese[editar | editar a fonte]

Moitas especies de Pasteurella son patóxenos zoonóticos, e os humanos poden adquirir unha infección por mordeduras de mascotas domésticas, que orixinan pasteurelose.[4] P. multocida é o axente causante de pasteurelose humana máis frecuente.[5] Síntomas comúns da pasteurelose nos humanos son inchazón, celulite, e drenaxe sanguinolento no lugar da ferida. As infeccións poden progresar ás articulacións próximas, onde poden causar inchazón e artrite.

As Pasteurella son xeralmente susceptibles ao cloranfenicol, penicilinas, tetraciclina, e aos macrólidos.

Pasteurella está presente nas bocas de moitos gatos e cans e frecuentemente nos coellos. Isto é totalmente normal nestes animais, aos que a bacteria non lles causa trastornos e teñen boa saúde. A frecuente presenza da bacteria nas súas bocas é a causa de que cando un animal morde a unha persoa se adopten accións médicas proactivas e defensivas (algunhas veces son necesarios tratamentos antibacterianos).[6]

Pasteurella multocida pode orixinar nas aves unha septicemia fulminante chamada cólera das aves.

En coellos[editar | editar a fonte]

P. multocida causa morbidez e mortaldade nos coellos, e a síndrome predominante é unha enfermidade das vías respiratorias superiores. P. multocida pode ser endémica nas colonias de coellos e a miúdo transmítese polas secrecións nasais. P. multocida pode sobrevivir varios días na auga en áreas húmidas.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pasteurella". List of Prokaryotic Names with Standing in Nomenclature. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2006. Consultado o 2006-04-06. 
  2. Kuhnert P; Christensen H (editors). (2008). Pasteurellaceae: Biology, Genomics and Molecular Aspects. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-34-9 . 
  3. Health Protection Agency (2007). Identification of Pasteurella species and morphologically similar bacteria (.pdf) Arquivado 22 de setembro de 2009 en Wayback Machine.. National Standard Method BSOP ID 13 Issue 2.1.
  4. Mark A Marinella, MD. "Community-Acquired Pneumonia Due to Pasteurella multocida" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xaneiro de 2013. 
  5. Collins FM (1996). Pasteurella, Yersinia, and Francisella. In: Baron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed. ed.). Univ of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1. 
  6. "Pets and Pasteurella Infections". healthy children.org. June 27, 2012. Consultado o July 18, 2012. 
  7. Barbara Deeb, DVM, MS Assistant Professor Dept. of Comparative Medicine University of Washington. "Pasteurella multocida Infection in Rabbits". Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2015. Consultado o 03 de xaneiro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]