Partido dos Traballadores do Curdistán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partidarios de Öcalan manifestándose en Londres.

O Partido dos Traballadores do Curdistán (en idioma curdo Partiya Karkerên Kurdistan, PKK), de tendencia independentista e marxista, é un partido político armado ilegal fundado en Turquía en 1973. O seu brazo armado denomínase Forzas de Defensa Populares. O presidente do partido é Abdullah Öcalan, condenado a cadea perpetua por delitos de "terrorismo" e "separatismo".

O partido, coñecido polas súas siglas en curdo (PKK), loita pola independencia do Curdistán turco nun estado socialista, polo que é considerado como unha organización "terrorista" tanto por Turquía, como por Estados Unidos e a Unión Europea.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Öçalan, estudante de Ciencias Políticas, tomou contacto con activistas políticos e culturais que abordaban a cuestión curda. Estes opinaban que o problema curdo podía ser resolto a través dunha serie de reformas, para o que encamiñaron a súa actividade ao desenvolvemento de actividades culturais. Pola contra, Öçalan comezara unha ofensiva política en 1972 cunha conferencia sobre os problemas da cuestión turca, afirmando que en Turquía non existía unha soa nación, senón que tamén existía a nación curda. A partir de entón, o grupo comeza unha intensa actividade política marcando o seu ideario no antifascismo, o que lles permite gañar un importante número de adeptos na comunidade universitaria e comezar a traballar na Unión de Estudantes de Ankara (Ayod).

Nese momento comeza a desenvolverse o corpo ideolóxico do PKK, baseado no antifascismo e un nacionalismo curdo oposto ó chauvinismo e ó racismo. Tamén nese momento comeza un intenso debate entre a esquerda turca e o nacionalismo curdo.

Fundación[editar | editar a fonte]

Öçalan fundou informalmente o partido en 1973, e o grupo comezou as súas actividades nos territorios curdos, principalmente en Urfa, Mus (cidade), Batman e Dersim.

En 1977 tivo lugar unha asemblea xeral, á que asisten máis de 100 representantes de diversas profesións e observadores doutras organizacións de esquerdas, amosando o gran crecemento do grupo e a súa paulatina integración no Curdistán turco. O PKK tomou a determinación de estender a organización cara outros poboados e cidades curdas. Tamén nese ano un membro dos servizos secretos turcos infiltrouse no partido, sendo descuberto, e foi asasinado o dirixente Hakki Karer en marzo de 1977 pola policía secreta turca, tendo este acto unha gran repercusión no grupo. En outono dese mesmo ano publicouse o manifesto Camiño para a Emancipación Curda, que deu un marco político ó grupo, que ata entón tivera un papel principalmente ideolóxico e cultural.

O Congreso Constitutivo formal do partido levouse a cabo o 27 de novembro de 1978. O Primeiro Congreso do PKK tivo lugar do 15 ó 26 de xullo de 1981, e o segundo do 20 ó 25 de agosto de 1982.

O partido comezou a loita armada o 15 de agosto de 1984. Segundo o goberno turco, aproximadamente 30.000 persoas morreron en combates entre as súas forzas e as do PKK ata 2003.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]