Partido Socialista Popular (Arxentina)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Socialista Popular (Arxentina) (PSP) foi un partido político arxentino fundado en 1972 como consecuencia da fusión do Partido Socialista Arxentino (PSA), o Movemento de Acción Popular Arxentino (MAPA) e outros grupos menores.

O PSP tivo un desenvolvemento especialmente importante na provincia de Santa Fe. En 1987 Guillermo Estévez Boero resultou electo deputado nacional por Santa Fe, constituíndose no primeiro parlamentario socialista electo desde a morte de Alfredo Palacios en 1965. En 1989 o PSP gañou na cidade de Rosario, a segunda cidade do país, gobernando ininterrompidamente desde entón os intendentes socialistas Héctor Cavallero (1989-1995), Hermes Binner (1995-2003) e Miguel Lifschitz (2003-2007).

O brazo universitario do PSP, o Movemento Nacional Reformista (MNR), foi unha das organizacións estudantís máis representativas desde a década de 1970, habendo alcanzado varias veces a presidencia ou a secretaría xeral da Federación Universitaria Arxentina (FUA), e de varias federacións universitarias locais.

O PSP tiña a representación do socialismo arxentino na Internacional Socialista e na Coordinación Socialista Latinoamericana.

En 2002 o Partido Socialista Popular (PSP) fusionouse co Partido Socialista Democrático (PSD), dando lugar á refundación do Partido Socialista.