Partido Republicano Radical Socialista en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Republicano Radical Socialista apareceu xa, ao pouco de escindirse do Partido Republicano Radical, no Pacto de Lestrobe (1930) que deu orixe á Federación Republicana Gallega pero a súa implantación en Galicia foi mínima e despois de proclamada a Segunda República deixou a federación, os radicais socialistas tan só puideron presentar candidatura en Ourense nas eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 en coalición coa FRG e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense conseguindo 2 escanos. Ao longo do ano 1931 o PRRS estableceu agrupacións locais no resto das cidades galegas, contando con arredor dun milleiro de militantes e varios miles máis en sociedades agrarias vencelladas ao partido na provincia de Ourense e as alcaldías de Vigo e A Coruña[1]. Contaba como órganos de prensa con El Noroeste da Coruña, La República de Pontevedra, o semanario Horizontes de Lugo e La Vanguardia da Estrada.

En 1933 o partido deixou de existir en Galicia polas diferenzas internas, en 1934 a maior parte dos seus militantes acabaron por entrar en Unión Republicana e o sector minoritario participou na formación de Izquierda Republicana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 24