Partido Reformista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Reformista foi un partido político español de ideais republicanos, laicistas e anticaciquís, fundado en 1912 por Melquíades Álvarez, despois dun memorable discurso pronunciado no Hotel Palace de Madrid. Nel militaron inicialmente figuras importantes da intelectualidade española da época, como Benito Pérez Galdós, Manuel Azaña, José Ortega y Gasset e Manuel García Morente.

A maior base electoral do Partido Reformista situábase en Asturias, onde chegou a ter numerosos representantes nas institucións locais e provinciais.

En 1923, Álvarez foi elixido Presidente do Congreso dos Deputados, do que era membro por ser electo polo distrito de Castropol, e ante a proclamación da Ditadura de Primo de Rivera adoptou unha postura pasiva e ambigua, aínda que posteriormente participou en diversas conspiracións antiditatoriais.

Despois de proclamarse a Segunda República en 1931, o Partido Reformista cambiou o seu nome polo de Partido Republicano Liberal Demócrata.