Partido Carlista (1970)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Partido Carlista»)
Partido Carlista
Partido político de España
Dirixentes e organización
LíderEvaristo Olcina
MocidadesJuventudes Carlistas
Historia
Fundación1969
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Autoxestión
Federalismo
Representación
RepresentaciónSen representación
Outros datos
SedeC/Silva Nº 13, 1º-B 28004 Madrid
PublicaciónEl Federal
Na rede
www.partidocarlista.com/
Facebook: PartidoCarlista Twitter: partidocarlista Editar o valor em Wikidata

O Partido Carlista é un partido político español, que se considera continuador directo da tradición histórica do carlismo. O secretario xeral do PC é, dende o ano 2000, Evaristo Olcina. El Federal é o seu voceiro oficial dende 1999, antes fora IM. Dende 1991, o PC mantén unha estrutura federal coa posibilidade que se formen partidos carlistas soberanos nas nacionalidades asociados ao Partido Carlista. As mocidades do PC agrúpanse nas Xuventudes Carlistas.

Historia[editar | editar a fonte]

Xavier de Borbón-Parma

O actual PC provén da renovación da ideoloxía da Comuñón Carlista que se deu nas décadas de 1950 e 1960 impulsada polas organizacións universitarias e obreiras do carlismo co apoio de Xavier de Borbón-Parma, aínda que o nome de Partido Carlista non se xeneralizou ata fins dos anos 1960.

Entre 1970 e 1972, o PC organizou os Congresos do Pobo Carlista en Arbonne, nos que se materializou o cambio ideolóxico do carlismo cara a un socialismo autoxestionario e a conversión do PC nun partido de masas, de clase, federal e democrático que aspiraba a unha monarquía socialista baseada no pacto entre a dinastía e o pobo.

O presidente do PC era Carlos Hugo de Borbón-Parma que estaba representado en España por José María de Zavala e segundo datos do partido contaba con 25.000 militantes en 1977. En 1974, o PC pasou a formar parte con outras forzas da oposición da Junta Democrática de España, ata que marchou en febreiro de 1975 para pasar a formar parte da Plataforma de Converxencia Democrática que en marzo de 1976 se fusionou coa Xunta na Coordinadora Democrática. O PC non puido participar nas primeiras eleccións democráticas de 1977 por non lle chegar a tempo o seu recoñecemento oficial como partido, e tras apoiar a Constitución de 1978, entrou en crise coa marcha de parte da súa base cara partidos nacionalistas e de esquerda.

Nas eleccións de marzo de 1979, o PC obtivo 50.552 votos (0.28%) e quedou sen representación parlamentaria. Os mellores resultados obtívoos en Navarra co 7.72% e País Vasco 0.65%. Por mor do fracaso electoral dimitiu o seu secretario Xeral, Zavala, ao que seguiron o resto dos dirixentes, entre eles Carlos Carnicero e Josep Carles Clemente. En novembro de 1979 renunciou á presidencia Carlos Hugo e en abril de 1980 deuse de baixa no partido que pasou a ser testemuñal na vida política española. Mariano Zufía, secretario xeral do EKA-Partido Carlista de Euskadi, asumiu a secretaria xeral do PC.

En 1986, foi unha das forzas que deron orixe a Izquierda Unida aínda que marchou da coalición en 1987. O PC deixou de acudir á maioría dos procesos electorais por falta de fondos e militancia. Si acudiu a varias eleccións ao Parlamento europeo: 1989 tivo 8.477 votos (0.05%), deles 1.226 (0.54%) en Navarra, en 1994 tivo 4.640 votos (0.02%), deles 583 (0.25%) en Navarra, nas de 2004 consegue 1.600 votos (0.01%), deles 264 en Navarra (0.13%). Nas eleccións municipais de 2003 conseguiu uns poucos concelleiros en Navarra. Nas eleccións xerais de 2004 obtivo 1.813 votos (0.01%), deles 620 (0.18%) en Navarra.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia o Partido Carlista Galego tiña como principal dirixente a Manuel Rego Nieto mais tras a crise de 1979, practicamente desapareceu. Nas eleccións xerais de 1979 obtivo 1.711 votos (0.17%). Nas eleccións europeas de 1989 conseguiu 791 votos (0.08%), nas de 1994 tivo 301 votos (0.03%). Nas eleccións xerais de 2004 o PC non se presentou en Galicia. Nas eleccións europeas de 2004 tivo 96 votos (0.01%).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]