Partes por millón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Partes por millón (ppm) é unha unidade de medida coa que se avalía a concentración. Refírese á cantidade de unidades da substancia (axente, medicamento etc) que hai por cada millón de unidades do conxunto do que forma parte. Por exemplo, nun millón de grans de arroz, se se pintase un de negro, este gran representaría unha (1) parte por millón. Abréviase como "ppm".

Características[editar | editar a fonte]

É un concepto análogo á da porcentaxe, só que neste caso non é partes por cen senón por millón. De feito, poderíase tomar a seguiente equivalencia:

10 000 ppm = 1 %

É dicir, que 10 000 ppm equivalen ao un por cento (unha parte por cada cen). Do anterior pódese deducir que esta unidade se usa de maneira análoga á porcentaxe, pero para concentracións ou valores moito menores. Por exemplo, cando se fala de concentracións de contaminantes en auga ou en aire, ou en solucións con moi baixas concentracións ou cantidades de partículas de po nun ambiente, entre outros.

Un exemplo podería ser as medicións de concentración dun contaminante no aire do ambiente cuxo valor máximo permisíbel sexa 10 000 ppm. Tratar de escribir iso en porcentaxe sería pouco práctico, pois sería moito menor a 1 % (0,01 %).

Un concepto análogo utilízase para "partes por billón".

Uso[editar | editar a fonte]

O uso de ppm como unidade axiliza a comunicación, pero pode ter unha connotación ambigua fóra do marco de referencia, ó poder usarse para diferentes tios de partes (g en g, cm3 en cm3, moles en moles, ou mesmo mesturados, como mg/L, asumindo a densidade unidade no S.I.).

Algúns casos
  • Análise química da auga: as ppm refírense a mg de analito por litro de auga; mg·L−1. Por exemplo: Cloruros = 20 ppm equivale a 20 mg·L—1 como Cl, que quere dicir vinte miligramos de ión cloruro por litro de auga.
  • Contaminantes do aire: ppm refírese a partes de vapor ou gas (en volume) por cada millón de partes de aire contaminado; cm³·m−3. Ou, de xeito equivalente, polas leis dos gases, número de moles por cada millón de moles.[1] Outra forma de expresalo é en mg·m−3, do que xorde un factor de conversión[2] que depende das propiedades físicas de cada contaminante. Por exemplo, para o benceno o factor de conversión é 1 ppm = 3,19 mg/m³.[3]
  • Análise, en minerais, de cantidades minúsculas doutras substancias presentes; ppm refírese a g de analito por tonelada de mineral; g·Ton−1 ou mg·kg−1
  • Estatística: ppm significa un caso cada un millón de casos da poboación en estudo.
  • Tolerancia: ppm significa unha incerteza dun millonésimo da medición.

Ao igual que cando se usan porcentaxes, pode ser necesario aclarar se son partes en volume, en masa ou peso, se se refiren a base seca etc.

Notas[editar | editar a fonte]