Parlamento escocés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Parlamento Escocés»)
Para a cámara lexislativa escocesa anterior a 1707, véxase Estados de Escocia

Coordenadas: 55°57′07″N 3°10′30″O / 55.95194, -3.17513

Parlamento Escocés
Scottish Parliament
Pàrlamaid na h-Alba
Scots Pairlament
V Lexislatura
Datos xerais
ÁmbitoEscocia Escocia
Creación1998, mediante a Acta de Escocia
TipoUnicameral
Liderado
PresidenteKen Macintosh (SNP)
desde o 12 de maio de 2016
Ministro de Asuntos ParlamentariosGraeme Day (SNP)
desde o 27 de xuño de 2018
Líder da MaioríaNicola Sturgeon (SNP)
desde o 20 de novembro de 2014
Líder da OposiciónRuth Davidson (Conservador)
desde o 2016
Composición
Membros129
Scottish-parliament.svg
Grupos representadosGoberno
     SNP (61)Oposición
     Conservadores (30)      Laboristas (23)      Partido Verde Escocés (5)      Liberal Demócratas (5)
Eleccións
Última elección5 de maio de 2016
Próxima elección5 de maio de 2021
Sitio web
www.parliament.scot
Parlamento Escocés

O Parlamento escocés (en inglés, Scottish Parliament, en gaélico escocés Pàrlamaid na h-Alba e en escocés Scots Pairlament) é o lexislativo unicameral de Escocia. Atópase situado na zona de Holyrood, na cidade de Edimburgo ao remate da Milla real, a principal arteria histórica da capital. Por iso ao parlamento escocés se lle coñece informalmente por Holyrood. Está composto por 129 deputados que se escollen democraticamente cada catro anos por un sistema mixto proporcional e directo, isto é, 73 deputados proceden da elección de 73 circunscricións e 56 repártense proporcionalmente conforme oito rexións distintas.

Ver artigo principal Eleccións ao Parlamento escocés.

O primeiro parlamento de Escocia, tamén chamado os Estados de Escocia, foi a cámara lexislativa do Reino de Escocia, e funcionou dende comezos do século XIII ata que a monarquía independente se fusionou co Reino de Inglaterra conforme a Lei da Unión de 1707, para formar o Reino de Gran Bretaña. Como consecuencia, tamén o Parlamento de Escocia se fusionou co Parlamento de Inglaterra para formar o Parlamento de Gran Bretaña, que ten a súa sede en Westminster, en Londres.

Logo do referendo escocés de 1997 onde os escoceses apoiaron amplamente a recuperación da institución lexislativa, o actual parlamento estableceuno a Lei de Escocia de 1998, que lle devolve algunhas capacidades a esta nación. Esta lei define tamén as competencias da cámara sinalando explicitamente aqueles asuntos que lle corresponden unicamente xestionalos a Westminster, entre os que se atopan a lei que rexe esta cámara así como a capacidade para aumentarlle ou reducirlle competencias. A primeira sesión do novo parlamento tivo lugar o 12 de maio de 1999.

O seu presidente actual (en funcións) é George Reid, que renunciou voluntariamente a súa militancia nacionalista para poder desempeñar mellor o seu cargo de presidente.

Historia[editar | editar a fonte]

Antes da Lei da Unión de 1707, Escocia era un reino independente cunha cámara lexislativa propia chamada os Estados de Escocia. Nas conversas iniciais da época, os escoceses suxeríronlles aos ingleses que o seu parlamento continuase existindo, pero non lles foi aceptado.

Durante estes tres séculos, o Parlamento escocés seguiu sendo un importante elemento da identidade nacional escocesa e producíronse en 1914 distintas peticións para que fose devolto, pero a primeira guerra mundial foi unha boa escusa para arquivalas. Un súpeto avance do nacionalismo escocés durante os últimos anos sesenta impulsou as demandas dalgúns pola autodeterminación e pola independencia, e levou o goberno laborista de Harold Wilson a crear a Comisión Kilbrandon para a reforma da constitución británica en 1969. Un dos obxectivos da comisión era examinar as posibilidades de dotar a Escocia dun maior autogoberno dentro dun único estado: o Reino Unido. Kilbrandon publicou o seu informe en 1973 recomendando o establecemento dun Parlamento escocés elixido directamente polo pobo e que puidese lexislar sobre a maioría dos asuntos internos de Escocia.

Nese tempo o descubrimento de pozos petrolíferos no Mar do Norte e a conseguinte campaña publicitaria do Partido Nacional Escocés (SNP) co slogan É petróleo escocés, fixeron medraron aínda máis os apoios tanto a prol da independencia como a prol do SNP. O argumento da formación nacionalista era que a explotación do petróleo non estaba a beneficiar a Escocia tanto como debería. A suma deses acontecementos levou ao primeiro ministro Wilson a iniciar medidas para a devolución do lexislativo, se ben non foi ata 1978 cando as propostas chegaron ao Parlamento británico. Nos termos da Lei de Escocia de 1978, debería constituírse un parlamento en Edimburgo se a maioría do electorado escocés votaba ao seu favor nun referendo. A consulta popular tivo lugar o 1 de marzo de 1979, pero non acadou o apoio abondo conforme sinalaba aquela lei. O 52% votou a favor, pero ese 52% só representaba un 40% do electorado, porque se producira unha abstención próxima ao terzo dos votantes.

Durante os anos oitenta e noventa, as peticións a prol dun Parlamento escocés seguiron medrando, en parte debido a que o goberno do Reino Unido estivo controlado polo Partido Conservador de Margaret Thatcher e John Major, formación que tiña moi poucos apoios en Escocia. Como consecuencia da derrota no referendo, os nacionalistas lideraron unha Convención Constitucional Escocesa na que tomaron parte organizacións, partidos e empresarios.

A devolución do Parlamento regresou ao plano electoral coa súa inclusión no programa do laborista Tony Blair, nado el mesmo en Edimburgo. O 11 de setembro de 1997 votouse en referendo a prol da creación dunha nova asemblea lexislativa que tivese capacidade para variar as taxas impositivas. Como consecuencia desa decisión popular, o goberno promulgou a Lei de Escocia de 1998 e o 1 de xullo de 1999, logo das primeiras eleccións ao parlamento escocés, se constituía a nova cámara. A súa primeira sede, con carácter provisional, ocupouna na Igrexa de Escocia da Milla real, en Edimburgo.

O edificio[editar | editar a fonte]

Cámara de debate do parlamento
Edificio do Parlamento escocés, na súa fachada sur. En primeiro termo un museo de ciencias naturais, e ao fondo, Leith e o estuario do Forth

Dende setembro de 2004 a sede oficial do Parlamento escocés é o Edificio do Parlamento escocés, no barrio de Holyrood, en Edimburgo. Foi deseñado polo arquitecto catalán Enric Miralles, e componse dun conxunto de edificios con forma de folla, con cuberta herbosa, que queren mesturarse co parque adxacente e cos depósitos de pedras que proceden de construcións anteriores. Polo seu interior espállanse distintos motivos xeométricos baseados no cadro de Henry Raeburn do Reverendo patinando, unha auténtica icona da arte escocesa. Gabletes encadeados e o horizonte de barcas dadas a volta do Garden Lobby completan a súa arquitectura. A raíña Isabel II inaugurou o novo edificio o 9 de outubro de 2004.

Mentres a construción do edificio se prolongaba (e iso foi durante tres anos máis do previsto) o Parlamento tivo a súa sede no Sala da Asemblea Xeral da Igrexa de Escocia, a uns centos de metros de Holyrood, tamén en Edimburgo. As fotografías oficiais e as entrevistas para a televisión a miúdo teñen lugar nun patio anexo ao Parlamento, que lle pertence á Universidade de Edimburgo. Ademais, e de maneira puntual, o Parlamento escocés reuniuse no Consello Rexional de Strathclyde, en Glasgow en maio de 2000 e na Universidade de Aberdeen, en maio de 2002.

Ademais, en marzo de 2006, unha das trabes do teito esvarou do seu soporte e quedou bailando sobre as bancadas do conservadores. O debate na cámara houbo de suspenderse e os traballos parlamentarios dirixíronse ao Hub de Edimburgo durante unha semana, mentres se levaban a cabo as inspeccións correspondentes.

Cargos[editar | editar a fonte]

Despois de cada elección ao Parlamento escocés, e ao comezo dos tempos parlamentarios, os deputados elixen un de entre eles para que acceda ao cargo de Presidente do Parlamento escocés así como dous secretarios. Ao presidente e aos dous secretarios escóllenos os 129 deputados en votación secreta, a única que pode ter estas características segundo o seu regulamento.

O labor principal do presidente do Parlamento escocés é o de ordenar os procedementos da cámara, e nesa tarefa tanto el como os seus secretarios teñen que ser imparciais. Durante os debates estes tres cargos están axudados por un administrativo especialista en procedemento, así como por un administrativo que ten como función controlar o sistema de voto e os reloxos do parlamento. Ademais, a área da presidencia ten ao seu cargo un funcionario que asegura que todo funciona correctamente e que tanto o persoal como o inmoble e os recursos están listos para o seu emprego.

O presidente tamén ten como misión distribuír os tempos na cámara, e representar institucionalmente o Parlamento, tanto fóra como dentro de Escocia.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Na actualidade os cargos, que están en funcións ata a formación dun novo parlamento, son estes:

Dentro do Goberno escocés existe unha carteira para Asuntos Parlamentarios, que se encarga de facer fluídas as relacións entre o executivo e o lexislativo. A súa ministra, en funcións, é Margaret Curran.

Composición[editar | editar a fonte]

Véxase o artigo Composición do Parlamento escocés, para anteriores lexislaturas.

O Parlamento escocés ten 129 deputados. As últimas eleccións celebráronse o 6 de maio de 2021

Velaquí a distribución actual de escanos. En números en letras grosas escríbense os deputados conforme se atopen actualmente (agora, maio de 2021).[1]

Partido DEPUTADOS
  Partido Nacional Escocés 64
  Partido Laborista 22
  Partido Conservador 31
  Partido Liberal-Demócrata 4
  Partido Verde Escocés 8
 Total
129
 Maioría gobernamental
65

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dw Miguel, Rafa (8 de maio de 2021). "El refuerzo del voto independentista escocés anuncia un enfrentamiento entre Edimburgo y Londres". elpais.com (en castelán). Consultado o 23 de agosto de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]