Hyaena brunnea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Parahyaena brunnea»)

Hyaena brunnea
Hiena parda

Rango fósil: plioceno - actualidade
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Hyaenidae
Subfamilia: Hyaeninae
Xénero: Hyaena
Especie: H. brunnea
Nome binomial
Hyaena brunnea
Thunberg, 1820
Distribución da hiena parda
Distribución da hiena parda

Distribución da hiena parda
Sinonimia
  • Parahyaena brunnea (Thunberg, 1820)
  • Hyaena (Parahyaena) brunnea Jenks & Werdelin, 1998

Hyaena brunnea,[1][2] coñecida en galego como hiena parda, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos hiénidos que vive nos desertos do Kalahari e de Namibia, en África meridional.

É máis pequena que a hiena pinta (Crocuta crocuta) e, a diferenza desta, aliméntase principalmente de preas.

É o animal terrestre de maior tamaño que obtén a maior parte do seu alimento da prea.

A causa da escaseza de comida no deserto, a hiena parda complementa a súa dieta con froitas e diversos vexetais.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha hiena grande, aínda que lixeiramente menor que a súa parente a hiena pinta, da que se diferencia, entre outras cousas, por ter un cranio máis forte. Presenta algunhas características comúns coa súa conxénero a hiena raiada, aínda que o seu fociño é máis curto. As orellas son son longas e extraordinariamente aguzadas no extremo.[3]

Mide entre 1,10 e 1,25 m de lonxitude, aos que hai que engadir entre 25 e 30 cm da cola. Presenta unha altura variábel entre os 70 e os 86 cm na cruz, e pesa entre os 35 e 57 kg.[3][4]

Non existen grandes diferenzas entre os sexos, aínda que os machos poden ter un tamaño lixeramente superior, razón pola cal é difícil distinguir en principio se un exemplar é macho ou femia.

A súa pelaxe, áspera e de cor parda escura, é longa e enmarañada, especialmente no dorso e a longa cola, moi poboada, totalmente negra, mentres que na cabeza presenta un matiz agrisado. No pescozo, ombros e na parte anterior e superior do dorso, os longos pelos, máis claros que os do resto do tronco, forman unha especie de esclavina.[3]

As patas da hiena parda, estreitas, normalmente presentan raias grises escuras, case negras. Os cuartos traseiros son moito máis curtos que os dianteiros, o que fai que o lombo sexa francamente descendente.[3]

Ao igual que as demais especies de hienas, presenta unha mandíbula moi forte, capaz de romper e triturar ósos, capacidade que perde coa idade en función da deterioración dos dentes.

Taxonomía controvertida[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1820 polo naturalista sueco Carl Peter Thunberg.

Porén, algúns autores modernos inclúen esta especie no xénero Parahyaena, fundado por Hendey en 1974;[5] por exemplo, Wozencraft, en 1993.[6] Porén, Jenks e Werdelin (1998) propoñen que,[7] en ausencia de datos claros sobre a filación entre as hienas, e porque datos tirados do citocromo b unen á hiena raiada e a hiena parda como taxa irmáns de Crocuta e Proteles, as dúas anteriores debe situarse xuntas no xénero Hyaena. E recoñecen que a separación entre as hienas raiadas e as pardas é relativamente antiga (produciríase no mioceno), polo que sitúan a ambas en diferentes subxéneros, Hyaena (Hyaena) e Hyaena (Parahyaena).[1]

O xénero Hyaena Brisson, 1762, foi avaliado pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica en 1955 e en 1998, aínda que isto foi rexeitado por algúns autores. A relación entre as hienas raiada e parda sempre foi problemática. McKenna e Bell (1997) seguindo a Galiano e Frailey (1977) e situaron a hiena parda no xénero Pachycrocuta. Polo contrario, Werdelin e Solounias (1991) argumentaron que a especie brunnea debe colocarse en Parahyaena. Finalmente, como queou dito arriba, Jenks e Werdelin (1998) clasificaron as especies brennea e hyaena en subxéneros diferentes, dentro de Hyaena para manter a intención orixinal.[2]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

A hiena parda habita nas chairas de sabana seca (veld) e zonas desérticas e semidesérticas do sur de África,[3][4] por debaixo dunha liña que vai desde o sur de Angola (contra os 15º S) até o centro de Mozambique, sendo o límite norte da súa área de dispersión o río Zambeze. Antigamente ocupaba toda a rexión ur de África, pero hoxe está extinguida no Estado Libre de Orange, Natal, antiga Provincia do Cabo (excepto no noroeste), Malaui, Zambia, Cimbabue e parte de Mozambique.[4]

Costumes[editar | editar a fonte]

Moi tímida e estritamente nocturna ou crepuscular, a hiena parda é un animal de costumes solitarios, agochándose durante o día en tobos de orictéropo, anfractuosidades das rochas, ou na espesura de matos,[3][4] onde os cachorros permanecen escondidos.

A voz da hiena parda é un melancólico grito "uah, uah, uah" pero, aparentemente, nunca o distintivo "riso" da hiena pinta, moito máis agresiva.[3][4]

Ao igual que as outras hienas, a parda é unha gran viaxeira, e percorre longas distancias na procura de alimento.[3]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Como as outras hienas é preeira, congregándose en torno aos cadáveres, onde come os seus restos. Naqueles lugares onde op seu territorio alcanza a costa tamén se alimenmta de animais mariños mortos e outros refugallos que aparecen nas praias (deste costume deriva o nome de Strandwolf, "lobo de praia", que recibe o animal en afrikaans). Ademais, pode tamén cazar antílopes de pequeno tamaño, ou individuos xuvenís de especies maiores, e se ten informado de ataques ao gando doméstico. Así mesmo, os ovos, insectos (como as lagostas) e froitas, forman parte ás veces da súa dieta.[3]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Durante o cortexo nupcial o macho efectúa grandes deposicións da secreción das glándulas anais sobre obxectos prominentes. O macho e a femia andan a rolos polo chan, gruñindo e chiando. A femia senta como unha gata en celo, e o macho mórdea na melena, ambos os dous chiando.
A xestación dura de 92 a 98 días, ao cabo dos cales nacemn os cachorros, en número de 2 a 4 por camada, cun peso de entre os 635 e os 750 g.
A temporada de partos no Kalahari é en xullo, descoñecéndose cando ocorre noutras rexións.
As femias paren xeralmente en tobos coa entrada estreita, onde permanecen as crías mentres son poequenas, evitando así o ataque de chacais e outros depredadores, mentres os pais andan á busca de comida.
Os cachorros abren os ollols aos 5 días, e a desteta é aos 3 mses. Non se coñece a idae a á que as hienas pardaa alcanzaan a madurez sexual. A lonxeviade da especie é de 13 anos en catividade.[4]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A hiena parda sufriu desde sempre a persecución polos granxeiros, que a consideran un perigo para o gando. De continuar esta persecución, probabelmente será exterminada, ao igual que outros depredadores, de todas as áreas habitadas.[3]

Na actualidade, o número de hienas pardas en África calcúlase en menos de 8 000 individuos. Segundo a UICN, o estado de conservación na actualidade da hiena parda está cualidicado como VU, vulnerábel.[1]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Wiesel, I.; Maude, G.; Scott, D. & Mills, G. (2008): Hyaena brunnea. En: IUCN 2008. Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.3. Consultada o 19 de marzo de 2014.
  2. 2,0 2,1 "Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2012. Consultado o 19 de marzo de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 135-136.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), pp. 217-218.
  5. Nowak, Ronald M. (2005): Walker's Carnivores of the World. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkis University Press. ISBN 0-8018-8033-X, p. 223.
  6. Wozencraft, W. C. (1993): "Order Carnivora" en: D. E. Wilson & D. M. Reeder (eds.), Mammal Species of the World: A taxonomic and geographic reference. Second Edition, pp. 279-344. Smithsonian Institution Press, Washington, DC.
  7. Jenks, S. & Werdelin, L. (1998): "Taxonomy and systematics of living hyaenas (family Hyaenidae)", en M. G. L. Mills & H. Hofer (eds.) Hyaenas: status survey and conservation action plan, pp. 8-17. IUCN, Gland, Suíza e Cambridge, UK.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Macdonald, David (1992): The Velvet Claw: A Natural History of the Carnivores. Nova York: Parkwest. ISBN 0-563-20844-9.
  • Mills, Gus & Hofer, Heribert (1998): Hyaenas: status survey and conservation action plan. IUCN/SSC Hyena Specialist Group. ISBN 2-8317-0442-1.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds). (2005): Mammal Species of the World - A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Baixo o nome de Parahyaena brunnea (non válido hoxe)[editar | editar a fonte]

Baixo o nome de Hyaena brunnea[editar | editar a fonte]