París-Niza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

París-Niza (en francés Paris-Nice) é unha carreira ciclista francesa por etapas creada en 1933 por Albert Lejeune, director do xornal Le Petit Niçois. É coñecida como a Carreira do Sol pola mellora meteorolóxica que adoita acompañalo tránsito da carreira do norte ao sur de Francia.

Por mor da Segunda Guerra Mundial, a París-Niza desaparece trala edición de 1939. En maio de 1946 vólvese a celebrar, pero non ten continuidade os anos seguintes.

En 1951, o xornalista Jean Leulliot recupera a carreira, que dende entón se disputa ininterrompidamente cada mes de marzo. Entre 1951 e 1953 toma o nome de « Paris-Côte-d'Azur ». En 1954 retoma o nome orixinal de « París-Niza », que só se modifica en 1959 cando se disputa como París-Niza-Roma. Esta foi a edición máis longa da historia da carreira, con 1955 km percorridos en 11 etapas.

Dende 1982 ata 1999, Josette Leulliot, filla de Jean Leulliot, asume a dirección da carreira, que é traspasada a Laurent Fignon en 2000 e 2001. Dende 2002, a carreira de París-Niza é propiedade da sociedade A.S.O., organizadora do Tour de Francia e o París-Dakar entre outros eventos deportivos.

Dende a súa creación, a París-Niza foi unha das probas máis importantes do calendario, e por iso, entre os seus gañadores se atopa un gran número de ciclistas ilustres, entre os que destacan Sean Kelly (vencedor de sete edicións consecutivas de 1982 a 1988), Jacques Anquetil, Fred De Bruyne, Eddy Merckx, Raymond Poulidor, Joop Zoetemelk, Miguel Indurain, Tony Rominger, Laurent Jalabert ou Alberto Contador.

A pesar do seu nome, a carreira non sempre comeza en París senón en cidades próximas ou do sur da capital francesa. Dende 1998, a última etapa finaliza no paseo da Promenade des Anglais de Niza. Con anterioridade, dende 1973 ata 1995, a carreira terminaba nunha cronoescalada ao Col d'Eze. Como transición, as edicións de 1996 e 1997 finalizaron cun sector contrarreloxo entre Antibes e Niza. A derradeira ou penúltima etapa acostuma ter un longo percorrido de montaña pasando polo alto da Turbie e a Col d'Eze. Outro fin de etapa habitual é o Mont Faron, nas proximidades de Toulon.