Panxón, Nigrán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panxón
San Xoán de Panxón, Templo Votivo do Mar.
ConcelloNigrán[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°08′32″N 8°49′29″O / 42.14224564, -8.82483364Coordenadas: 42°08′32″N 8°49′29″O / 42.14224564, -8.82483364
Poboación3.853 hab. (2022)
Entidades de poboación29[1]
editar datos en Wikidata ]

San Xoán de Panxón é unha parroquia do concello de Nigrán, pertencente á comarca do Val Miñor. Panxón é unha parroquia de tradición mariñeira, cun porto propio dependente da Xunta de Galicia. Segundo o IGE[2] en 2022 tiña 3.853 habitantes (1.896 homes e 1.957 mulleres).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Monumento á mariña universal.

En Panxón rexístranse praias como as de Panxón, Madorra e Patos, así como pequenos areais nos acantilados de Monteferro.[3]

A praia de Panxón abrangue todo o antigo paseo marítimo dirección Monte Lourido en Praia América. Na zona comprendida entre o final do paseo marítimo e a desembocadura do río Muíños está a praia de Canido, nas desaparecidas Dunas de Gaifar. O seguinte tramo de praia dende o río até Monte Lourido sería Praia América. É un areal de cerca de 2,5 km de area fina, bordeado por tramos de paseo de madeira de formigón, que vai enlazar co paseo marítimo de Ramallosa, bordeando a costa por Monte Lourido. Outro dos areais que ten Panxón é o da Madorra, que se atopa en dirección a Praia de Patos, xusto no istmo da península de Monteferro. Por último, está a praia de Patos. Esta praia está moi frecuentada por afeccionados e seguidores do mundo do surf, grazas ás súas ondas provocadas pola súa orientación cara mar aberto.

Eclesiasticamente, pertence ao arcipretado de Miñor.[4]

Economía[editar | editar a fonte]

Actualmente a súa vida está fortemente marcada pola actividade hostaleira ó redor do turismo. A pesca de baixura, restaurantes e inmobiliarias son os principais negocios que nel se asentan.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Mosaico romano de Panxón.

Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca o Arco visigótico de Panxón e o camposanto visigótico. Xusto ao lado érguese o Templo Votivo do Mar ambos situados moi preto do núcleo de poboación. Este último é ademais a igrexa da parroquia de San Xoán e foi proxectado polo arquitecto Antonio Palacios Ramilo.

No Monteferro érguese un monumento á mariña universal, inaugurado en 1924 por Miguel Primo de Rivera, ten unha gran figura da Virxe do Carme e o neno Xesús sobre a inscrición "SALVE REGINA MARIUM" e tres grandes placas de mármore.

Nunha glorieta no centro de Panxón está situada a áncora do petroleiro noruegués Polycommander, que afundiu fronte ás Illas Cíes o 5 de maio de 1970. O barco, que tiña só cinco anos de servizo, estaba baixo o mando do capitán Alf. Strom-Olsen.

O escritor galego Carlos Casares escribiu sobre Monteferro o seguinte texto:

"Nigrán é mais que o seu mar e as súas praias. Incluso se pode dicir que o mar e as praias necesitan dos montes e os outeiros para seren contemplados en todo o seu esplendor. Eso sábeno ben as persoas que se teñen aventurado a ir cara o interior ou as que simplemente ascenden ata as alturas amables de Monteferro, desde onde se pode gozar de vistas grandiosas, cadros divinos pintados por Deus para disfrute de todos"

Natureza e deporte[editar | editar a fonte]

Praia de Panxón.

En Panxón están as praias de Panxón, da Madorra, de Patos e das Canas (ou do Caranquexo). Ademais hai pequenas calas con area, especialmente entre as rochas de Monteferro, onde hai unha zona forestal en mancomún, que ten o interese de se atopar á beira do mar; e en fronte atópanse as Estelas, dúas pequenas illas moi preto da costa.

A actividade deportiva en Panxón está moi ligada ao mar, no club náutico é posíbel aprender windsurf, vela e outras modalidades de deportes mariños. O submarinismo patícase ao longo da súa costa, principalmente en Monteferro, pero tamén entre as rochas diante da praia de Patos. Nesta mesma praia pódese ver ao longo de todo o ano, pero especialmente no inverno, incluso o día de aninovo, a moita xente nova practicando o surf enriba das fortes ondas que a mollan. Ademais en Panxón está o pavillón polideportivo de Nigrán, onde se pode practicar fútbol sala, baloncesto, voleibol etc.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Panxón[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Panxón no concello de Nigrán (Pontevedra)

A Area Alta | A Barcalleira | A Bouza Vella | A Calzada | A Carballesa | O Carballo da Palma | O Carregal | As Dunas | O Formigón | Gaifar | A Madorra | O Mallón | Monteferro | Paraviñaval | Patos | A Porqueira | Portocelo | A Praia | O Quinteiro | A Rabadeira | O Rial | O Río do Forno | San Xoán | Sancho | O Seixo | A Touza | O Tripeiro | A Veiga da Arca | Xermaña

Parroquias de Nigrán[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Nigrán

Camos (Santa Baia) | Chandebrito (San Xosé) | Nigrán (San Fiz) | Panxón (San Xoán) | Parada (Santiago) | Priegue (San Mamede) | A Ramallosa (San Pedro)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]