Panificadora de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°14′08″N 8°43′41″O / 42.23556, -8.72806

A panificadora en 2007.

A panificadora de Vigo é unha antiga fábrica de pan, fariñas e outros subprodutos da panificación, coma pensos para animais e pastas alimenticias. Estivo en actividade produtiva entre 1924 e 1980. Atópase no centro da cidade, no barrio da Falperra; a media ladeira, entre o cumio do Castro e a ribeira do Berbés. A construción caracterízase polo uso masivo de formigón armado, unha solución de enxeñería novidosa na súa época[1].

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A Panificadora de Vigo inaugurouse o 26 de outubro de 1924. Obra do arquitecto Manuel Gómez Román e o enxeñeiro Otto Werner. Era propiedade da Compañía Viguesa de Panificación SA (CVPSA), constituída en 1920 por varios empresarios panadeiros. Ata entón a produción de pan en Vigo facíase en pequenas-medianas tafonas escasamente mecanizadas ou incluso no fogar.

A Panificadora supuña unha decidida aposta pola tecnoloxía e a economía de escala. A maior parte da maquinaria importouse de Alemaña (da casa Werner und Pfleiderer), e o proxecto inicial marcábase un horizonte produtivo de 50 tm de pan diarias (moito máis do que consumía o conxunto da cidade naquel entón).

Desenvolvemento de infraestruturas[editar | editar a fonte]

En orixe a Panificadora só tiña unha sección de panificación automatizada. O edificio de panificación apenas ocupaba unha sétima parte do predio, víase acompañado dunha serie de obras e edificacións auxiliares (talleres, garaxes, pozo, báscula…) espalladas ao seu redor.

A partir de 1926 Antonio Valcarce García quedou como único accionista maioritario. En 1930, buscando un novo pulo, o edificio principal foi ampliado en varios andares para acoller a sección de moenda (enxeñería e maquinaria da casa catalá Andrés Morro). Para soportar esta nova actividade produtiva tamén se fixo necesario a construción duns silos na parte norte, e un almacén para os sacos de fariña e salvados na parte leste.

Os silos, figura senlleira da vista urbana do Vigo contemporáneo, pertencen a dúas etapas: unha primeira (rematada antes de 1931) formou 4 silos de sección circular rematados por un miradoiro; e unha segunda (rematada antes de 1940) ampliou con 6 máis de sección ovalada. Ámbolos dous construíronse en formigón armado por encofrado escorrente, e están comunicados co edificio principal por unha pasarela e un túnel. O almacén de sacos tamén ten unha característica solución técnica: unha cuberta inundable de formigón armado, que xunto a un sifón xigante, funcionaba como termorregulador para a mercancía.

Pan, fariña, lavadura e outros subprodutos da panificación eran logo distribuídos por camións, da propia empresa, para as localidades e buques do sur da provincia de Pontevedra.

En 1958 e en 1962, na cara oeste da Panificadora, no edificio da rúa Falperra, construíuse unha fábrica de pensos, dotada con tecnoloxía de Philips Duphar. No baixos habilitáronse oficinas e comercios. O proxecto das dúas ampliacións foi do arquitecto Antón Román Conde.

Evolución empresarial[editar | editar a fonte]

Os primeiros anos a CVPSA, baseándose na súa superioridade técnica e comercial, deu grandes beneficios. Os anos da II República xa non foron tan bos, en parte polas consecuencias da Gran Depresión, pero sobre todo, porque moitos antigos socios pasaron a ser competencia. A guerra civil implicou algunhas pequenas dificultades no abastecemento, pero a CVPSA e o Exército Nacional chegaron axiña a un acordo. Nos anos de posguerra a Panificadora perdeu marxe de beneficio, xa que o comercio de pan quedou estritamente regulado, pero pola contra viu asegurado o seu mercado coa asignación de 30.000 cartillas de racionamento, (cerca dos 150.000 consumidores, entre 40 e 50 tm de pan, cantidade que fora marcada como horizonte produtivo).

Cara aos anos sesenta, coa paulatina superación da posguerra, o pan perdeu peso na cesta da compra. A Panificadora, virou o seu fronte de interese comercial e investimento cara aos subprodutos do pan. Foi entón cando Pescanova, coa súa liña de peixe empanado e ultraconxelado, converteuse no principal cliente.

En 1967, a CVPSA constituíu a empresa Galega de Nutrición Animal S.A.(GANASA), e despois, continuando coa concentración vertical, participa na formación de Productora Avícola do Noroeste S.A. (ProANoSA).

Peche[editar | editar a fonte]

GANASA resultou ser unha empresa deficitaria: devorou o escaso marxe de beneficio da CVPSA. En 1978 morreu o fundador da Panificadora, Antonio Valcarce. En 1979 quebrou GANASA e os acredores recibiron a propiedade do edificio da Falperra, que ao mesmo tempo era parte do capital da CVPSA. Tamén en 1979 Pescanova deixou de ser cliente da Panificadora. Finalmente, en 1980, a CVPSA quebrou, e o seu capital, fundamentalmente o inmoble, entrou en concurso de acredores.

A Panificadora na actualidade[editar | editar a fonte]

Na actualidade a propiedade da Panificadora encóntrase repartida entre dúas empresas inmobiliarias, INVOGA e Promociones Montelouro S.A., e a CVPSA[2]. Dende 1988 estas promotoras fecharon un convenio co concello de Vigo para a demolición e reedificación[3], pero este convenio, integrado no PEPRI, inda non puido ser executado por cuestións legais.

Namentres a Panificadora está sufrindo un proceso de ruína, con espolios e incendios incluídos, tan só os baixos comerciais da Falperra manteñen un certo nivel de uso.

Por outra banda, a ruína non está impedindo o seu crecente recoñecemento coma senlleira testemuña da industrialización e coma símbolo da cidade viguesa. A leira da Panificadora foi promovida polo COAG coma Ben de Interese Cultural, catalogado pola fundación DoCoMoMo (Documentación y conservación del Movimiento Moderno en España y Portugal) e parcialmente integrado no Conxunto Histórico-Artístico do Vigo Vello. Amais, arquitectura, historia e imaxe da Panificadora ten sido obxecto de multitude de documentais, reportaxes televisivas, unha novela (Panificadora, de Xosé Cid Cabido), artigos de prensa[4] e iconografías, sempre en moi estreita relación coa identidade viguesa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Informe A Panificadora. Patrimonio arquitectónico Industrial. Vigo. Colexio Oficial de Arquitectos, subdelegación de Vigo, 1995.
  2. "Un juzgado embarga fincas de La Panificadora a Montelouro por demandas de otros propietarios" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine., artigo no Faro de Vigo, 4 de abril de 2008 (en castelán).
  3. Convenio urbanístico da leira A Panificadora Arquivado 19 de setembro de 2011 en Wayback Machine., PEPRI do casco vello de Vigo, decembro de 2006.
  4. "Panificadora" Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine., artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo, 1 de maio de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]