Pandulfo III de Benevento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pandulfo III (morreu en 1060) foi o príncipe de Benevento no Mezzogiorno na Italia medieval, primeiro como cogobernante co seu pai, Landulfo V, e o seu avó, Pandulfo II, desde 1012 aproximadamente ata 1014, cando morreu este último. Cogobernou co seu pai ata a morte deste en 1033. Despois foi o gobernante ata a súa abdicación en 1059 (agás durante un breve período).

Biografía[editar | editar a fonte]

Inmediatamente despois da morte de Pandulfo II, os cidadáns de Benevento rebeláronse contra os dous copríncipes, pai e fillo. Os rebeldes non os deron botado do poder. Con todo, os cidadáns obrigáronnos a lles ceder concesións de autoridade e á aristocracia da cidade. Os Annales din facta est communitas prima: "fíxose a primeira comuna."

Landulfo veuse forzado a se someter ao Imperio Bizantino, cuxo catapán italiano Boaiannes construíran a cidade fortificada de Troia nas inmediacións. En 1022, o emperador Henrique II uniu o seu exército con outros dous ás ordes de Poppo de Aquileia e Pilgrim de Colonia en Benevento, que someteron tras un rápido cerco. Desde aquí marcharon a Troia, pero non a deron tomado. Tras facer sometemento ao Emperador de Occidente, non se volveu falar de Landulfo nas páxinas da historia ata a súa morte.

En agosto ou setembro de 1038, Pandulfo asociou ao trono ao seu propio fillo, Landulfo VI. Un cogoberno tal era unha tradición que se remontaba ao testamento de Atenulfo I de Capua en 910. En 1041, foi o seu segundo fillo Atenulfo quen incitou unha rebelión por non ser incluído no cogoberno co seu irmán máis vello. Para o autor dos Annales Beneventani, esta fuit [...] coniuratio secunda, a segunda conxuración para botar os príncipes. Como a de 1014, fracasou.

En 1047, o emperador Henrique III veu para reafirmar a súa autoridade no Mezzogiorno. A emperatriz Agnes visitou Monte Gargano como peregrina e volveu vía Benevento, onde lle permitiron a entrada, non así ao seu home. O imperator rexeitado puxo inmediatamente cerco á cidade e o Papa Clemente II excomungou a Landulfo e Pandulfo e aos cidadáns. Co tempo levantouse o cerco, con todo, a falta de respecto amosada á familia imperial e á igrexa xunto co declive do principado fixo que o irmán de Pandulfo, Daufer, fuxise da cidade e buscase refuxio onda Guaimaro IV de Salerno.

Os asuntos beneventanos chegaron a un punto delicado en 1050, cando o papa León IX foi como peregrino a Monte Gargano e confirmou a excomuñón dos príncipes. Os cidadáns déronlles as costas e botáronnos cum sculdays suis, "cos seus sculdais". Os cidadáns entregáronlle a vila ao Papa en abril de 1051 e o 5 de xullo o papa aceptou e entrou na súa nova cidade.

Despois da Batalla de Civitate, na que meteron ao papa preso en Benevento, a cidade invitou a Pandulfo e Landulfo a que volvese (nalgún momento entre xuño de 1053 e marzo de 1054). Pandulfo volveu e gobernou como vasalo do Papa. En 1056, supervisou a asociación do seu neto Pandulfo IV. En 1059, abdicou no mosteiro de S. Sofia, a fundación familiar e mausoleo da casa reinante en Benevento. Alí morreu un ano máis tarde.

Fontes[editar | editar a fonte]

  • Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LXIII Labroca – Laterza. Roma, 2004.