Pamplona
Coordenadas: 42°49′6″N 1°38′39″W / 42.81833°N 1.64417°W
| Pamplona | |
|---|---|
| Situación xeográfica | |
| Estado: | |
| Comunidade Autónoma: | |
| Provincia: | |
| Comarca: | Cuenca de Pamplona |
| Xeografía | |
| Altitude: | 449 msnm |
| Superficie: | 23.55 km² |
| Poboación | |
| Poboación total: | 197.275 habitantes (2008) |
| Densidade de poboación: | 8376,86 hab/km² |
| Xentilicio: | Pamplonés/esa Pamplonica Iruindar |
| Información | |
| Código postal: | 31001 - 31016 (excepto 31010 e 31013 |
| Alcalde: | Enrique Maya (UPN) |
| Sitio na web: | www.pamplona.es |
Pamplona (en éuscaro Iruña, ou Iruñea[1] segundo a Euskaltzaindia) é unha cidade española, a capital de Navarra e tamén do histórico País Vasco. É sede arcebispal e etapa no Camiño de Santiago. A súa poboación é de 198.491 habitantes (INE 2009).
Pamplona foi fundada no 74 a.C. polo xeneral romano Pompeio sobre un poboado preexistente chamado Iruña ou Bengoda[2], converténdose nunha das poboacións máis importantes do territorio dos vascóns.
É coñecida internacionalmente polos Sanfermines, festas que se celebran entre o 6 e 14 de xullo e que están declaradas de interese turístico internacional.
Índice |
Xeografía[editar]
Pamplona esta sita na Navarra media ou Prepirineo, nunha ampla depresión, a uns 445 m de altitude sobre o nivel do mar, rodeada de montañas, denominada Cuenca de Pamplona, atravesada polo río Arga, a ambas dúas beiras do cal se estende a cidade. É unha boa situación estratéxica, en cruce de vías por todas as direccións, o que influíu no papel histórico da cidade.
Clima[editar]
A súa situación na Navarra media, crea un clima de transición entre o tipo atlántico, da Navarra norte e o mediterráneo continentalizado da Navarra sur ou Ribera. A media de temperaturas dos meses máis fríos (decembro, xaneiro, febreiro) é de 6,6º C, con riscos de continentalización por mor da súa situación interior; mentres que a dos meses máis cálidos (xuño, xullo, agosto) é de 21,6º C, máis suave que que a de localidades do curso medio do Ebro. Porén as precipitacións medias son superiores ás do val do Ebro, evidenciando a influencia oceánica, especialmente nos meses invernais (225,9 mm), aínda que só representen a metade das que recibe San Sebastián (490 mm) no mesmo período, pero netamente superiores ás de Logroño (148,9 mm) ou Zaragoza (88,2 mm). A época máis seca corresponde á primavera con só 34,5 mm.
Demografía[editar]
Evolución demográfica[editar]
Da evolución demográfica contemporánea da cidade dáse conta no apartado histórico e sinálase no gráfico inferior. Baste indicar que a mediados do século XIX, Pamplona a penas representaba o 7 % da poboación de toda Navarra, mentres que a mediados da década de 1960 ascendía a case o 30 %.
Historia[editar]
Pamplona é citada por Ptolomeo como Pompailon, supóndose que o nome alude á súa fundación por Cneo Pompeio no ano 74 a.C. No Itinerario de Antonino aparece como Pompelone. No ano 465 a cidade é ocupada polo rei visigodo Eurico, e posteriormente por reis francos por pouco tempo. Nese mesmo século afírmase como sé episcopal, con sn Fermín como primeiro bispo segundo a tradición. Tomada polos árabes, foi atacada por Carlomagno no ano 778, pero este sería derrotado en Roncesvalles na súa retirada.
Durante o século IX o reis de Pamplona, os Enneco, afirman paulatinamente a súa independencia, buscando, se era preciso o apoio dos Banu Qasi de Tudela e tomando precaucións diplomáticas a respecto doutros gobernantes musulmáns próximos. En 924 foi de novo asolada polos musulmáns, con Abd ar-Rahman III, que saquea e incendia a cidade, pero que non incorpora.
A finais do século XI parece estar restaurada a sede bispal, pero a cidade está sometida á autoridade real. Durante o reinado de Sancho Ramírez iniciouse a construción da catedral, no que se coñece como a Navarrería, que ven continuar o antigo núcleo romano. O impulso de renovación urbana en toda Europa, propiciou a chegada de estranxeiros, especialmente de territorio francés, de aí o nome xenérico de francos con que son coñecidos. Acollidos na cidade, acrecentan o seu perímetro asentados no burgo de San Cernín, que é obxecto de protección real a través de foro propio desde 1129. Sesenta anos despois engádese o burgo de san Nicolás. Os tres burgos, autónomos en certo modo, pasan a formar unha unidade urbana en 1423 polo Privilexio de Unión outorgado polo rei Carlos III.
As ambicións aragonesas no século XV e a súa rivalidade con Francia, herdadas polo Rei Católico, conduciron á invasión de Navarra e á toma da capital, con tropas ao mando do duque de Alba o 25 de xullo de 1512. O reino, perdida a súa secular independencia medieval, sería, porén incorporado á Coroa de Castela en 1515, e pasa a ser dirixida por un vicerrei auxiliado por un consello real, aínda que conservaría os seus foros, facenda (Cámara de Comptos), cortes, moeda propia e alfándegas fronte os reinos peninsulares limítrofes.
Poucos anos despois en 1521 a cidade sería cercada, por tropas de Francisco I de Francia, infrutuosamente. Con oito camiños en dirección cara o país galo, decidiuse fortificar adecuadamente a cidade, e en 1571, no reinado de Filipe II levantouse a cidadela amurallada.
O século XVII, como noutras localidades españolas, veu xurdir unha febre construtiva que dotou a cidade dalgúns dos seus mellores edificios: conventos das recoletas e das carmelitas descalzas, basílica de santo Ignacio, febre que proseguiu no XVIII: Pazo episcopal, capela de san Fermín (catedral), seminario sacerdotal de san Xoán, casa de misericordia, fachada da catedral, etc.
En 1808 Pamplona foi tomada polas tropas napoleónicas, que a mantiveron no seu poder até 1813. Foco Navarra, como o País Vasco en xeral, tradicionalista, as guerras carlistas, marcaron un certo declive da capital, en especial desde a terceira guerra carlista. Só paulatinamente nas primeiras décadas do XX foi capaz dun certo dinamismo, que superou a atonía vixente. Durante a II República, Navarra e Pamplona con ela, volveu ser un centro da ideoloxía tradicionalista, onde o xeneral Mola atoparía o clima propicio para dirixir o golpe militar do 18 de xullo de 1936 e lograr o apoio dunha forte masa carlista, calculada en 100.000 homes que se lle uniría en milicias.
con algo menos de 23.000 habitantes en 1860, a segunda metade do século XX veu medrar a cidade en detrimento do país rural navarro. En 1950 a cidade tiña xa sobre 50.000 habitantes, pero en 1958 estaba xa moi cerca dos 80.000. En a penas unha ducia de anos esta poboación duplicaríase até atinxir arredor dos 150.000 en 1972, alcanzando a súa periferia unha serie de localidades que tamén viron medrar a súa poboación.
Patrimonio monumental e cultural[editar]
- Cidadela (1571), recinto amurallado de plano en estrela pentagonal, edificado polo italiano Jacopo Paleazzo.
- Igrexa de San Cernín (San Sadurniño), gótica, de comezos do século XIV, con a capela barroca da Virxe do Camiño.
- Catedral, do século XV, gótica: reedificación polo monarca navarro Carlos III, despois do esborrallamento da vella sé a fins do século XIV. As tres naves góticas complétanse cunha serie de capelas barrocas construídas nos séculos XVII e XVIII
- Claustro, século XIV e XV, con importantes relevos góticos.
- Fachada, de estilo neoclásico, non se corresponde con o resto da fábrica, débese ao arquitecto Ventura Rodríguez.
- Cámara de Comptos, edificio que albergou a facenda real navarra desde o século XIV.
- Palacio de Navarra,
- Basílica de San Ignacio (1694), barroca.
- Igrexa de San Lourenzo (1717), con a capela de San Fermín.
- Pazo Municipal, do século XVIII.
Museos[editar]
- Museo de Navarra, ocupa un edificio renacentista (1556) que foi hospital. Contén coleccións arqueolóxicas e coleccións de pinturas desde a época gótica.
- Museo Diocesano, sito na catedral, exhibe coleccións fundamentalmente de orixe relixiosa, procedentes de toda Navarra.
Linguas[editar]
Pamplona pertence á "Zona mixta" segundo a "Lei Foral do Vasco" de 1986 (as outras dúas zonas definidas pola lei son a "Zona vascófona" e a "Zona no vascófona". Polo tanto, todos os impresos da administración, e tamén as rotulacións, deben estar nas dúas linguas oficiais da cidade, o castelán e o éuscaro, aínda que non chega a ser así.
A propia cidade noméase coa dobre denominación Pamplona-Iruña en virtude da citada Lei, sendo dobres os nomes oficiais de moitos dos seus barrios (Rochapea/Arrotxapea, Casco Viejo/Alde Zaharra, San Juan/Donibane).
Deporte[editar]
Conta con equipos nas máis altas categorías dalgúns deportes, destacando a nivel rexional, estatal e ata a nivel continental.
Entre eles cabe destacar o Club Atlético Osasuna de fútbol, que actualmente milita na Primeira División Española. O Osasuna participou ademais en diversas ocasións nas principais competicións europeas, a Copa da UEFA e a Liga de Campións. Xoga os seus partidos no coñecido estadio Reyno de Navarra, chamado anteriormente El Sadar.
Outro que destaca é o SDC San Antonio de balonmán, que conseguiu varios títulos nacionais e europeos, e o MRA Navarra de fútbol sala, que milita na máxima categoría da liga española. Sendo así mesmo digno de destacar que nela se atopa a sede da Federación Internacional de Pelota Vasca, máximo organismo deste deporte a nivel internacional.
Pamploneses de sona[editar]
- Tiburcio de Redín y Cruzat, militar, mariño e misioneiro do século XVII.
- Martín de Rada (1533-1578): membro da Orden de San Agustín para a evanxelización de Filipinas.
- Juan de Barrenechea, mariño e sismólogo do século XVIII, presentou métodos para previr terremotos en Perú.
- Pablo Sarasate: egrexio violinista e compositor.
- Pedro Osinaga: actor.
- Alfredo Landa: actor.
- Serafín Zubiri: cantante e pianista invidente que representou a España en dúas ocasións no Festival de Eurovisión.
- Víctor Eusa: arquitecto que foi a figura central da arquitectura en Navarra durante a maior parte do século XX.
- Javier Rojo: político, presidente do Senado.
- Félix Huarte Goñi: empresario e político navarro.
- Patxi Lazcoz: político.
- Arturo Campión Jaimebon: escritor en éuscaro e castelán, lingüista, un dos fundadores e académico de número da Real Academia da Lingua Vasca, académico da Real Academia Española, concelleiro e deputado en Cortes.
- Javier Ciga Echandi: pintor e político navarro, concelleiro do Concello de Pamplona, sendo coñecido como o "cartelista" por excelencia das Festas de San Fermín, pois adxudicouse dito premio en 1908, 1909 e 1910 e tamén no 1917.
- San Fermín de Amiens: misioneiro cristián, primeiro bispo de Amiens. É o patrón de Amiens, Lesaca, e co-patrón de Navarra. Segundo a lenda, naceu en Pompaelo (a actual Pamplona).
- Jon Andoni Goikoetxea Lasa: Futbolista internacional, campión de Liga e da Copa de Europa co Fútbol Club Barcelona.
- Barricada : Grupo de rock formado en 1982 no barrio da Chantrea/Txantrea.
- Pablo Purriel (1905-1975): médico e ministro de Saúde Pública uruguaio.
- Agustín Castellón Campos "Sabicas": (1912-1990) Considerado un mestre da guitarra flamenca.
- Carlos Garaikoetxea: lehendakari do Goberno Vasco
- Miguel de la Quadra-Salcedo: deportista.
Cidades irmandadas[editar]
Notas[editar]
- ↑ O topónimo correcto en éuscaro segundo a Euskaltzaindia é Iruñea, aínda que popularmente chámase tamén Iruña.
- ↑ De Historia general de España y América páxina 265 Disponible en Google Books
Véxase tamén[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Concello Pamplona (en castelán)
- Pamplona no sitio web de Turismo do Goberno de Navarra (en castelán)
|
|||||||