Paideia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isócrates, copia dun busto da Vila Albani en Roma, foi un dos principais pensadores de paideia.

A paideia era, en palabras de Werner Jaeger, o "proceso de educación na súa forma verdadeira, a forma natural e xenuinamente humana" na Grecia antiga.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicialmente, a palabra paideia (de paidos, "neno") significaba simplemente a "creación de meniños". Mais este significado inicial está moi lonxe do elevado sentido que máis tarde adquiriu.

O termo tamén significa a propia cultura construída a partir da educación. Era o ideal que os gregos cultivaban do mundo, para si e para a súa mocidade. Dado que o autogoberno era moi valorado polos gregos, a Paideia combinaba ethos (hábitos) que o fixesen ser digno e bo, tanto como gobernado como gobernante. O obxectivo non era ensinar oficios, senón promover a liberdade e nobreza. Paideia tamén pode ser entendida como o legado deixado dunha xeración a outra na sociedade.

Un pedagogo (naquela época, un escravo) conducía ós mozos (nunca ás mozas), coa súa lanterna iluminadora, ata os centros ou asembleas, onde tiñan lugar as discusións arredor de pensamentos críticos, creativos, refuxios de cultura, valorización da experiencia dos anciáns etc.

Suponse que, no proceso socio-histórico, ese mesmo pedagogo liberouse, talvez de tanto dialogar nos acompañamentos do mozo ás asembleas, converténdose nun personaxe da paideia, e o seu consumador.

Mais, se ata entón o obxectivo fundamental da educación era a formación aristocrática do home individual como Kalos agathos ("fermoso e bo"), a partir do século V a. C. esíxese algo máis da educación. Ademais de formar ó home, a educación debe formar tamén ó cidadán. A antiga educación, baseada na educación física, a música e a gramática, deixa de ser suficiente.

É entón cando o ideal educativo grego aparece como paideia, formación xeral que ten por tarefa construír o home como home e como cidadán. Platón define paideia como "(...) a esencia de toda a verdadeira educación, ou paideia é a que dá ó home o desexo e a ansia de converterse nun cidadán perfecto e o ensina a mandar e a obedecer, tendo a xustiza como fundamento" (cit. en Jaeger, 1995: 147).[1]

Do significado orixinal da palabra paideia como creación de meniños, o concepto medra no século IV a.C., adquirindo a forma cristalizada e definitiva coa que foi consagrada como ideal educativo da Grecia clásica.

Como di Jaeger (1995), os gregos deron o nome de paideia a "tódalas formas e creacións espirituais e ó tesouro completo da súa tradición, tal como nós o designamos por Bildung ou pola palabra latina, cultura". De aí que, para traducir o termo paideia "non se pode evitar o emprego de expresións modernas como civilización, tradición, literatura, ou educación; ningunha delas coincidindo, porén, co que os gregos entendían por paideia. Cada un daqueles termos limítase a espremer un aspecto daquel concepto global. Para abranguer o campo total do concepto grego, habería que usalos todos á vez" (Jaeger, 1995: 1).

Na súa totalidade, o concepto de paideia non designa unicamente a técnica propia para, desde cedo, preparar ó rapaz para a vida adulta. A ampliación do concepto provocou que pasase tamén a designar o resultado do proceso educativo que se prolonga por toda a vida, moito máis alá dos anos escolares.

A paideia vén así a significar "cultura entendida no sentido perfectivo que a palabra ten hoxe entre nós: o estado dun espírito plenamente desenvolvido, tendo desabrochado tódalas súas virtualidades, o do home convertido verdadeiramente en home" (Marrou, 1966: 158).[2]

Paideia na actualidade[editar | editar a fonte]

O filósofo estadounidense Mortimer Adler intentou, coa súa produción científica, rescatar a paideia hoxe, na nosa contemporaneidade. Destaca a importancia de ler, estudar e aprender as ideas dos grandes pensadores.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]